Examinado o expediente iniciado por solicitude de Rodonita Energía, S.L. en relación coa autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública dunha planta fotovoltaica, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Con data do 17.11.2022 Rodonita Energía, S.L. solicita a autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública dunha planta solar fotovoltaica e da súa instalación de evacuación, de 980 kW de potencia nominal e 1.028,16 kWp de potencia pico, situada no concello de Sanxenxo (Pontevedra).
Segundo. Con data do 29.11.2022 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación requiren documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 16.12.2022 a promotora presenta a documentación requirida.
Terceiro. Con data do 11.1.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da planta solar fotovoltaica Epifanio Campo Villalonga, no concello de Sanxenxo, da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2022/006-4) publicándose con data do 8.2.2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 27 e na mencionada data no diario Faro de Vigo cunha potencia para instalar de 980 kW.
Así mesmo, a citada información pública estivo exposta ao público no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.
Cuarto. No transcurso da tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles o 12.1.2023, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Sanxenxo e Augas de Galicia.
O concello de Sanxenxo emitiu o 23.1.23 un informe no cal se recollen os correspondentes condicionados.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta o 14.2.23 aos condicionados emitidos polo concello de Sanxenxo, xuntando, así mesmo, un novo proxecto de execución co fin de atender ao condicionado que recolle «Unha parte da parcela está dentro do solo urbano e outra parte está dentro dun equipamento deportivo, polo que deberá aclarar os límites do proxecto presentado».
Non se recibiu resposta por parte de Augas de Galicia polo que, de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Quinto. Con data do 9 de marzo de 2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista do informe emitido o 23.1.23 polo Concello de Sanxenxo citado no antecedente de feito cuarto no cal se recolle entre outros aspectos «Para as obras na zona de Corredor ecolóxico do Plan de ordenación do litoral, precisará de autorización sectorial do Instituto de Estudos do Territorio», solicitou ao mencionado instituto, de conformidade co artigo 79 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, un informe en relación coa posible afección da zona de Corredor ecolóxico do Plan de ordenación do litoral pola instalación fotovoltaica de referencia.
Sexto. Con data do 29.3.2023 o Concello de Sanxenxo (A Coruña) certificou que o anuncio relativo á información pública citada no antecedente de feito terceiro se publicou no taboleiro de anuncios do concello sen que conste a presentación de ningunha alegación.
Sétimo. O 26.4.2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, remitiu copia do expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais informando o proxecto de execución denominado «Proxecto de execución de instalación fotovoltaica Epifanio Campo Villalonga» asinado o 14.2.2023 pola enxeñeira industrial Lucía Lampón Bentrón, colexiada nº 3.002 do ICOIIG, no citado informe a Xefatura Territorial indica: «En relación co que aquí se conclúe, non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización administrativa previa e de construción, e da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da planta solar fotovoltaica Epifanio Campo Villalonga, no concello de Sanxenxo».
Oitavo. Con data do 15.5.2023, o Instituto de Estudos do Territorio emitiu un informe en resposta á solicitude efectuada pola Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación citada no antecedente de feito quinto no cal se concluíu que «Para os efectos do artigo 50 do POL, non se consideran xustificadas as circunstancias que motivan a implantación dunha planta fotovoltaica no lugar proposto, polo que deberán valorarse localizacións alternativas, máis favorables, agás que se xustifique debidamente a necesidade e conveniencia da localización proposta».
Noveno. Con data do 15.9.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación deu traslado a empresa promotora do informe citado no antecedente de feito oitavo, a cal presentou o 26.9.2023 unha resposta ao citado informe, remitíndose esta o 23.10.2023 ao Instituto de Estudos do Territorio.
Décimo. Con data do 13.11.2023, o Instituto de Estudos do Territorio emitiu un informe en resposta á solicitude efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación citada no antecedente de feito anterior no cal se reiteran as conclusións recollidas no informe de 15.5.2023 mencionado no antecedente de feito oitavo.
Décimo primeiro. Con data 8.2.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación deu traslado á empresa promotora do informe citado no antecedente de feito anterior, a cal presentou o 22.2.2024 unha resposta ao citado informe, remitíndose esta o 23.2.2024 ao Instituto de Estudos do Territorio.
Décimo segundo. Con data do 22.03.2024 o Instituto de Estudos do Territorio emitiu un informe en resposta á solicitude efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación citada no antecedente de feito décimo no cal se concluíu «Para os efectos do artigo 50 do POL, considéranse xustificadas as circunstancias que motivan a implantación da planta fotovoltaica no lugar proposto. Así mesmo, as medidas de integración paisaxística propostas son adecuadas e contribuirán a minimizar o impacto paisaxístico da nova instalación». A empresa promotora manifestou o 27.3.2024 a súa conformidade co recollido no informe mencionado.
Décimo terceiro. Con data do 12.11.2024 a empresa solicitante achega documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento, xuntando a esta unha renuncia asinada á solicitude de declaración de utilidade pública.
Décimo cuarto. A planta solar fotovoltaica de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución, de acordo co recollido no informe do xestor da mencionada rede de data 12.1.2023.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. A instalación solar fotovoltaica de referencia non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse recollida nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, de 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.
De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Rodonita Energía, S.L. para unha planta solar fotovoltaica denominada Epifanio Campo Villalonga promovida no concello de Sanxenxo (Pontevedra) segundo o correspondente proxecto.
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para unha planta solar fotovoltaica promovida no concello de Sanxenxo (Pontevedra) segundo o proxecto de execución denominado «Proxecto de execución de instalación fotovoltaica Epifanio Campo Villalonga» asinado o 14.12.2022 pola enxeñeira industrial Lucía Lampón Bentrón, colexiada nº 3.002 do ICOIIG e o novo proxecto coa mesma denominación asinado o 14.2.2023 pola mencionada enxeñeira presentado co fin de atender ao condicionado establecido polo Concello de Sanxenxo cos límites da parcela onde se vai situar a instalación.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante/promotora: Rodonita Energía, S.L. (B36046498).
Denominación do proxecto: proxecto de execución de instalación fotovoltaica Epifanio Campo Villalonga.
Concello afectado: Sanxenxo (Pontevedra).
Parcelas con referencia catastral: 36051A036002200000FP, 36051A036003580000FX, 36051A036003590000FI, 36051A036003600000FD.
Coordenadas fuso 29T X: 513.516,00, Y: 4.699.673,00.
Potencia instalada evacuable: 980 kW.
Produción neta anual estimada: 1.604 MWh/ano.
Orzamento total (execución material): 326.607,16 €.
Características técnicas principais das instalacións:
– Instalación solar fotovoltaica de 980 kW de potencia nominal (1.028,16 kWp), formada por:
• Mil novecentos catro (1.904) módulos fotovoltaicos de silicio monocristalino de alta eficiencia, de 540 Wp.
• Estrutura soporte dos módulos fotovoltaicos metálica fixa, con inclinación de 25º e fincados directamente ao chan.
• Catro (4) inversores de potencia unitaria 245 kW, limitada á potencia de acceso autorizada.
– Centro de transformación (CT) en caseta prefabricada que albergará un transformador de 1.000 kVA de aceite, con relación de transformación 20/0,8 kV, un cadro de baixa tensión, os servizos auxiliares, unha cela de protección do transformador, unha cela de liña e os elementos de control.
– Centro de protección, medida e control (CPMC) en caseta prefabricada con dúas celas de liña, cela de remonte, cela de medida e cela de protección.
– Liña de evacuación soterrada con cable de 240 mm² de sección, condutor de aluminio RHZ1-2OL, tensión asignada 12/20 kV, composta por dous tramos:
• Tramo 1: de 240 metros de lonxitude, desde a caseta do centro de transformación ata o centro de protección, medida e control.
• Tramo 2: de 188 metros de lonxitude, desde o centro de protección, medida e control ata o centro de seccionamento existente.
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos proxectos de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos da modificación do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, O Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Rodonita Energía, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da planta fotovoltaica.
5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior o promotora deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.
6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de catro meses unha vez obtidas todas as autorizacións e licenzas necesarias para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.
7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
