BDNS (Identif.): 803834.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Con carácter xeral, poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fora súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Considerarase empresa, aos efectos das presentes bases reguladoras e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda que carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no apartado 2 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o que se solicita a axuda deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de persoa beneficiaria. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Unha empresa non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través dunha agrupación na que se integre. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo. En cambio, si será posible que unha mesma empresa concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as diferentes liñas subvencionables as que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das liñas subvencionables, de ser o caso.
5. Non poderán ter a condición de persoa beneficiaria:
a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise fose anterior ao 31 de decembro de 2019.
c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a persoa solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, non poderán ter a condición de beneficiaria as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei. Deberá achegarse declaración responsable de que se atopa ao corrente no cumprimento dos prazos de pago establecidos no artigo 4 de dita Lei 3/2004, de 29 de decembro (anexo I).
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a pequenas e medianas empresas, autónomos, asociacións e fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia para a construción e ampliación de instalacións de preparación para a reutilización (en diante PxR) de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) e construción de instalacións de reciclado de residuos téxtiles ao tempo que se fai pública a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975V).
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975V)
Cuarto. Crédito e contía
1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 06.03.541D.781.0 e 06.03.541D.770.0 (código de proxecto 2023 00228 e 2025 00090) correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de tres millóns douscentos mil euros (3.200.000,00 €), coa seguinte distribución:
|
Liñas de axudas |
Aplicación orzamentaria |
Código de proxecto |
Ano 2025 |
|
Liña 1 PxR Asociacións e fundacións |
06.03.541D.781.0 |
2023 00228 |
200.000,00 € |
|
Liña 2PxR Empresas e autónomos |
06.03.541D.770.0 |
2023 00228 |
1.500.000,00 € |
|
Liña 3 Valorización Téxtiles |
06.03.541D.770.0 |
2025 00023 |
1.200.000,00 € |
|
2023 00228 |
300.000,00 € |
||
|
Totais |
3.200.000,00€ |
||
2. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes das outras liñas, sendo prioritarias as solicitudes correspondentes a liña 3, en segundo lugar as da liña 2, e en terceiro lugar as da liña 1.
3. O financiamento máximo outorgado para as diferentes liñas reguladas nesta orde de axudas serán os seguintes:
a) Liña 1. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 90 % do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida pola persoa beneficiaria e será compatible co financiamento que esta poida recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai a financiar. O importe máximo da subvención será de 200.000 €.
b) Liña 2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta liña non excederá o 60 % do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida persoa beneficiaria e será compatible co financiamento que esta poida recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai a financiar. O importe máximo da subvención será de 200.000 €.
As axudas establecidas nas liñas 1 e 2 están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, de 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis,(DOUE 15.12.2023 Serie L) en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 300.000 euros durante calquera período dos tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as entidades deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis durante os tres anos previos.
c) Liña 3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nestas liñas non excederá o 50% do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida pola persoa beneficiaria. Esta axuda será compatible co financiamento que esta poida recibir doutras administracións, sen que se poida superar a intensidade máxima permitida polo Regulamento 651/2014 da Comisión , do 17 de xuño de 2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
De conformidade co artigo 47.7 do citado Regulamento, o solicitante da axuda deberá demostrar, mediante a presentación dunha solicitude responsable, que sin a axuda non realizaría a inversión.
Para os efectos do cumprimento do efecto incentivador, esixido polo artigo 6 do Regulamento(UE) nº 651/2014, da Comisión, de 17 de xuño de 2014, as axudas da liña 3 concederanse unicamente a proxectos de investimento iniciados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda.
O importe máximo da subvención será de 800.000€.
As axudas concedidas dentro da liña de axudas 3 establecidas nesta orde están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, concretamente no seu artigo 47, onde se indica que as axudas ao investimento que permitan ás empresas ir máis alá das normas da Unión en materia de protección ambiental ou incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión, serán compatibles co mercado interior a teor do artigo 107, punto 3 do Tratado.
Neste sentido non se concederán axudas para os investimentos que se realicen coa finalidade de cumprir as normas da Unión xa adoptadas e estean en vigor.
Porén, as actuacións que se financian ao abeiro desta liña de axudas establecen obxectivos específicos na preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos municipais superiores aos recollidos na normativa vixente.
Así a través destas bases se establecen obxectivos moi ambiciosos fixando de forma escalada varios anos límite para cumprir diversos obxectivos, entre outros en 2025, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 55 % en peso. Se prevé 2030, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 60% en peso. No 2035, aumentarase a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos municipais ata un mínimo do 65 % en peso.
Todo o anterior tendo en conta que, xa no marco da Estratexia 2020, a Folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos (COM(2011) 571 final) deseñouse un marco estratéxico que establece as condicións para promover, entre outras cuestións, o incremento da reutilización, a reciclaxe e a substitución de materiais, así como para o aforro de recursos, con este fin, fixa como obxectivo que «en 2020, os residuos xestionaranse como recursos». Para iso, a Comisión Europea estableceu, entre outras as seguintes actuacións; estimular o mercado de materiais secundarios e a demanda de materiais reciclados ofrecendo incentivos económicos e desenvolvendo criterios para determinar cando un residuo deixa de selo.
4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Esta ampliación publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Unha vez esgotadas as contías máximas fixadas nestas bases, no punto 1 deste artigo, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, e de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007 e do artigo 32 do seu Regulamento, publicarase o esgotamento das contías no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://sirga.xunta.gal/, e acordarase a inadmisión das solicitudes posteriores.
En aplicación do disposto nos artigos 67.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e dado que a súa execución se prevé exclusivamente en anualidades posteriores ao presente exercicio, a súa eficacia queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas derivadas deste, de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, a contar dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
En todo caso, non se admitirán a trámite e se ditará resolución de inadmisión e arquivo daquelas solicitudes que se presenten fora do prazo establecido neste artigo.
Sexto. Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975V).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
