A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, creaba, no artigo 118, o Catálogo dos sistemas dixitais como instrumento de coordinación do sector público autonómico e establecía que nel se recollerían as aplicacións, os sistemas de información e as infraestruturas tecnolóxicas que utilizan ou se poñen á disposición dos órganos e das entidades do sector público autonómico para o seu funcionamento interno, para a prestación de servizos á cidadanía e para a relación con outras administracións públicas.
A finalidade do Catálogo dos sistemas dixitais é a de garantir a gobernanza tecnolóxica e a utilización de sistemas transversais ou especializados nos cales se promova a aplicación adecuada dos criterios de reutilización, a transferencia tecnolóxica, a interoperabilidade, a seguridade, a facilidade de uso e a accesibilidade.
Así, no artigo 129 da dita lei establécese que se dará publicidade ao contido do Catálogo dos sistemas dixitais, indicando as características dos sistemas, as condicións de uso, o nivel de servizo e os mecanismos de coordinación para a xestión dos cambios.
Neste mesmo artigo disponse que o Catálogo dos sistemas dixitais realizará as funcións de directorio de aplicacións dispoñibles para a súa reutilización, de conformidade co disposto no Esquema nacional de interoperabilidade para os efectos do previsto no artigo 158 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e que outras administracións públicas, órganos estatutarios, organismos e entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas, ou as universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, poderán adherirse ao seu uso.
De acordo co artigo 125.2.d) da Lei 4/2019, a entidade con competencias en desenvolvemento dixital é a competente para a «xestión e a actualización continuada do Catálogo dos sistemas dixitais». Este mesmo artigo indica que se entenderá por «entidade con competencias en desenvolvemento dixital» a entidade do sector público autonómico á cal lle corresponden a elaboración, o desenvolvemento e a execución da estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia. De acordo coa letra c) do artigo 9 dos seus estatutos, a dita entidade é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, competente, xa que logo, para ditar esta resolución.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Darlle publicidade ao Catálogo dos sistemas dixitais, que está accesible no enderezo https://www.xunta.gal/catalogo-sistemas-dixitais
Segundo. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024
Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
