Examinado o expediente de extinción da Fundación Derecho y Europa, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. Con data do 29 de agosto de 2024 tivo entrada na Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Derecho y Europa, adoptado polo padroado o 13 de marzo de 2024.
Segundo. A Fundación Derecho y Europa foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 25 de outubro de 2002, ante o notario Ernesto Alonso Rivero, co número 2.446 do seu protocolo, por Jorge Robinat Elias, Dolores García Hervás, David de León Rey, José Luis Campo Alonso e María del Carmen Garciamartín Montero, que actúan no seu propio nome e dereito, agás David de León Rey, que tamén actúa en representación de Enrique de León Rey.
A dita fundación foi clasificada de interese cultural pola Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 12 de febreiro de 2003 (DOG núm. 37, do 21 de febreiro), e mediante a Orde da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 16 de abril de 2003 foi declarada de interese galego e ordenouse a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 85, do 5 de maio), inscrición que se efectuou co número 2002/00028.
Terceiro. Os fins fundacionais establecidos no artigo 6 dos seus estatutos son a promoción, o desenvolvemento, a protección e o fomento dos estudos e investigacións sobre os fundamentos da «civilización occidental», radicados na tradición da «cultura europea», sobre as súas actividades sociais e culturais, e tamén a difusión dos ditos estudos a través de publicacións e doutros medios e, en xeral, calquera outra actividade cultural de utilidade común que contribúa ao desenvolvemento integral da persoa humana segundo a dignidade que lle é propia.
Cuarto. O órgano de goberno da Fundación, na súa reunión do 13 de marzo de 2024, adoptou o acordo de extinción da Fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.
No expediente tramitado para o efecto, consta a seguinte documentación:
1. A certificación acreditativa do acordo de extinción adoptado polo padroado.
2. A memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.
3. As contas da Fundación na data de adopción do acordo.
4. A indicación da distribución dos bens segundo o artigo 38 dos seus estatutos fundacionais.
5. A certificación da Fundación Santamarina de Temes, acreditativa do acordo de aceptación dos bens resultantes da liquidación.
6. O informe proposta do protectorado.
Consideracións legais:
Primeiro. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é competente para a inscrición solicitada, segundo o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), en relación co artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro.
De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.
Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, e resulta necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación, e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 13 de marzo de 2024. No expediente tramitado constan a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.
Na memoria xustifícase que a extinción é motivada en que desde hai máis dunha década, debido á grave crise económica mundial padecida, diminuíron sensiblemente as posibilidades de financiamento da Fundación, xa que os principais benfeitores deixaron de facer as necesarias achegas económicas que sufragaban o desenvolvemento dos obxectivos da Fundación, e posteriormente polas dificultades engadidas pola pandemia da COVID-19, que reduciron notablemente tamén as posibilidades de novas colaboracións persoais, polo que resulta imposible a realización dos fins fundacionais.
Cuarto. No exercicio da facultade prevista no artigo 38 dos seus estatutos, o padroado da Fundación acorda que a Fundación Santamarina de Temes sexa a receptora do saldo efectivo dispoñible na conta corrente da Fundación Derecho y Europa.
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e demais normativa de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Derecho y Europa, adoptado polo padroado da Fundación na súa reunión do 13 de marzo de 2024.
Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación a Fundación Santamarina de Temes, tal e como se expresa no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.
Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpoñer un recurso de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
