DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2025 Páx. 458

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 20 de decembro de 2024 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, a custodia e o acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento a seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante a Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, a transferencia de custodia e o acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e a avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente, e polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e este procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia, que, na súa sesión do 28 de novembro de 2024, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro

Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia, na súa sesión do 28 de novembro de 2024:

• AA1114 Expedientes de avaliación ambiental de plans e programas.

• AA0214 Expedientes de avaliación ambiental de proxectos.

• AA6309 Autorizacións para participar/inhibirse nas actividades e/ou servizos escolares complementarios ofertados polos centros educativos de réxime xeral ou especial que presten servizo público.

• AA2458 Expedientes de axudas individuais non periódicas para persoas ou grupos familiares que se encontren en situación de emerxencia social.

Revisión da táboa T0075 (AA0635), expedientes de xestión do imposto de transmisións patrimoniais de determinados medios de transporte usados entre particulares.

Segundo

Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo perante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

– Táboa: T0122.

Código da serie: AA1114.

Denominación: expedientes de avaliación ambiental de plans e programas.

Procedencia: Medio Ambiente. Calidade e Avaliación ambiental.

Datas extremas da serie: 2006-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 2006-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 28 de novembro de 2024.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 8 anos desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo intermedio aos 12 anos desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo histórico aos 30 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación parcial.

• Eliminación total das fases inicial e de consultas no órgano ambiental aos 4 anos da aprobación do plan ou programa.

• Conservarase a fase final do subproceso do órgano ambiental co documento ambiental estratéxico e a versión do plan ou programa sobre o que se formula.

– Táboa: T0123.

Código da serie: AA0214.

Denominación: expedientes de avaliación ambiental de proxectos.

Procedencia: Medio Ambiente. Calidade e Avaliación Ambiental.

Datas extremas da serie: 1986-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1988-2023.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 28 de novembro de 2024.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 6 anos desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo intermedio aos 12 anos desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo histórico aos 30 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación parcial.

• Eliminación das fases previas de análise e consultas previas da proposta inicial de avaliación ambiental, sintetizadas e recollidas na resolución final, aos 4 anos a partir da resolución de autorización de explotación e posta en funcionamento do proxecto ou instalación.

• Conservarase a fase final do subproceso do órgano ambiental coa declaración de impacto ambiental ou o informe de impacto ambiental e a versión do proxecto sobre o que se formulan.

– Táboa: T0124.

Código da serie: AA6309.

Denominación: autorizacións para participar/inhibirse nas actividades e/ou servizos escolares complementarios ofertados polos centros educativos de réxime xeral ou especial que presten servizo público.

Procedencia: Educación non Universitaria.

Datas extremas da serie: 1982-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 28 de novembro de 2024.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Selección: eliminación total ao remate do curso escolar. O escaso interese desta serie documental non xustifica a conservación dos documentos anteriores ao ano 1990.

– Táboa: T0125.

Código da serie: AA2458

Denominación: expedientes de axudas individuais non periódicas para persoas ou grupos familiares que se encontren en situación de emerxencia social.

Procedencia: Acción Social.

Datas extremas da serie: 1992-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1992-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 28 de novembro de 2024.

Acceso restrinxido: 50 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central ao ano desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo histórico aos 10 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación parcial aos 6 anos desde a finalización do procedemento. Conservarase unha mostraxe do 12 % dos expedientes resoltos cada ano.

-Táboa: T0017. Revisión da táboa aprobada na sesión do 12 de decembro de 2018 e publicada no DOG núm. 97, do 23 de maio de 2019.

Código da serie: AA0635.

Denominación: expedientes de xestión do imposto de transmisións patrimoniais de determinados medios de transporte usados entre particulares.

Procedencia: Facenda. Xestión Tributaria.

Datas extremas da serie: 1985-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1985-2024.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 28 de novembro de 2024.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Ao arquivo central/intermedio ao ano desde a finalización do procedemento.

• Ao arquivo histórico aos 10 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación total aos 10 anos desde a finalización do procedemento. Estes expedientes non teñen información exclusiva ou relevante que impida ampliar o prazo de selección aos documentos anteriores ao ano 1990. Conservarase unha mostra de 5 expedientes por delegación e ano.