Visto o texto da acta de mediación 112/2024 promovida no sector de empresas organizadores do xogo do bingo, que se subscribiu o 25 de novembro de 2024 entre a representación empresarial de Abiga e a representación legal dos traballadores e traballadoras da central sindical UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.
A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
ANEXO
Acta mediación 112/2024
Na Coruña, o 25 de novembro de 2024, na sede da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, ao abeiro do procedemento establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) promovido no sector de empresas organizadoras do xogo do bingo, e en presenza do mediador designado, Demetrio Ángel Fernández López, reúnense as persoas que se relacionan a seguir:
Parte empresarial:
– Jorge Fernández-Chao González-Dopeso (asesor Abiga).
– Carlos Sangil del Río (Abiga).
– Lorenzo Sanmartín Alonso (Abiga).
Parte sindical:
– Marcos Rodríguez Ramos (UGT).
O motivo da xuntanza (a segunda foi logo da celebrada en Santiago de Compostela o pasado día 13 de novembro) é a tramitación do intento de conciliación/mediación pola interpretación do artigo 23 do convenio colectivo sectorial, no que atinxe aos permisos por hospitalización e enfermidade de familiares. Houbo un intento previo de chegar a un acordo na comisión paritaria do convenio colectivo, que non frutificou.
Logo da correspondente negociación de boa fe, con intercambio de pareceres fluído, e feitos os correspondentes recesos, as dúas partes acadan o seguinte
ACORDO:
1º. As partes integrantes da comisión paritaria do convenio colectivo de bingos de Galicia acordan, respecto da interpretación dos permisos de enfermidade e hospitalización que se regulan no artigo 23, parágrafo 16, do convenio colectivo, que estes se poden empregar de xeito continuado ou fraccionado dentro dos 15 días seguintes ao feito causante. Para o seu uso, deberase presentar xustificante da enfermidade ou ingreso hospitalario, que indique a permanencia nel ou a ausencia de alta médica, ou ben que o familiar causante do dereito precisa de repouso domiciliario procedente da dita intervención nos 15 días que se reflicten no artigo. No caso de desfrute fraccionado, o xustificante poderase entregar a posteriori, dentro dun período máximo dun mes desde o feito causante.
2º. Deléganse no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais os trámites de rexistro, depósito e publicación do presente acordo.
Non tendo máis asuntos que tratar, remata a xuntanza ás 16.30 horas da data arriba indicada, e asinan as persoas asistentes esta acta en proba de conformidade co seu contido.
