I. Antecedentes.
O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 162, do 27.8.2018, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP da Coruña número 186, do 28.9.2018; BOP de Lugo número 224, do 28.9.2018; BOP de Ourense número 224, do 28.9.2018 e BOP de Pontevedra número 188, do 28.9.2018).
O Plan básico autonómico foi obxecto de seis actualizacións e a última delas foi aprobada pola Resolución do 17 de xuño de 2024, da directora xeral de Urbanismo (DOG número 125, do 28.6.2024).
II. Normativa.
Na actualización do Plan básico autonómico tense en conta a seguinte normativa:
– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).
– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).
– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico.
III. Consideracións xurídicas e técnicas.
Segundo o artigo 90.4 do RLSG, o Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios derivados das modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.
De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice por resolución administrativa e se faga a publicación do correspondente anuncio no DOG cunha periodicidade mínima anual.
De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en relación co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo.
En virtude do exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar a sétima actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia resultante da información recompilada e da memoria de cambios que se integran como anexo I e anexo II desta resolución.
A documentación desta actualización poderá consultarse nas seguintes ligazóns:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo
http://mapas.xunta.gal/visores/pba/
Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.
Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e cos artigos 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO I
Información recompilada para a 7ª actualización cartográfica do PBA (ACT2024_12)
1. De conformidade co previsto no artigo 90.4 do RLSG e no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou dos diferentes organismos que acheguen a información da súa competencia que vincula o PBA. Asemade, atendeu todas as alegacións recibidas sobre o documento e reenviounas ao organismo sectorial competente por razón da materia.
2. Consta no expediente administrativo da sétima actualización do PBA (ACT2024_12) a seguinte información recompilada a 10.12.2024:
Administración estatal:
• Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea.
Administración autonómica:
• Dirección Xeral de Defensa do Monte.
• Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.
• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Alegacións de administracións ou particulares:
• Unha alegación relativa aos elementos da listaxe de bens do Catálogo de patrimonio cultural de Galicia que consta no anexo IX do PBA, que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procede.
• Unha alegación relativa á un erro detectado na área de afección dunha estrada autonómica localizada no Concello de Narón, que foi oportunamente comunicada ao órgano encargado de cartografar a rede viaria de transporte que se emprega no PBA.
Pola súa parte, a Dirección Xeral de Urbanismo, no ámbito das súas competencias en ordenación do territorio, achegou a información respecto dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados desde a última actualización do documento.
Tamén forma parte do expediente administrativo da sétima actualización do PBA (ACT2024_12) a información descargada desde as fontes de acceso á información dixital actualizada que foron facilitadas polos organismos sectoriais e que figuran no anexo II de fontes de información do PBA.
ANEXO II
Memoria de cambios da 7º actualización cartográfica do PBA (ACT2024_12)
1. Cambios na infraestrutura do visor do PBA:
1.1. Habilítase, no mapa do visor PBA, a visualización da rede hidrográfica oficial (a diferentes escalas), que se emprega para o cálculo da zona de policía de canles estimada, co obxecto de facilitar a comprensión das discrepancias que poden existir coa rede hidrográfica que amosa o mapa base cartográfico do PBA (a escala 1/5 000).
2. Cambios na información xeográfica do PBA:
2.1. Instrumentos de ordenación do territorio.
Engádense as delimitacións dos seguintes instrumentos de ordenación do territorio que acadaron a súa aprobación definitiva:
• OT-23-002_Modificación puntual do proxecto sectorial da LAT 132 kV O Irixo-Lalín (aprobación definitiva do 15.4.2024, DOG número 14, do 14.5.2024).
• OT-21-110_Modificación puntual número 2 do proxecto sectorial da plataforma loxístico-industrial Salvaterra de Miño-As Neves Plisan (aprobación definitiva do 6.5.2024, DOG número 19, do 19.6.2024).
2.2. Costas.
Actualízase a información da capa relativa á zona de influencia, segundo a información descargada o 16.10.2024 da URL facilitada polo organismo competente (https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/costas-medio-marino/default.aspx).
Calculouse unha zona de influencia estimada de 500 m. En todo caso, prevalecerá a zona de influencia resultado da medición desde a LRM publicada en tempo real polo organismo sectorial competente.
2.3. Augas.
Actualízase a información relativa á zona de policía estimada e á zona de fluxo preferente da rede hidrográfica da CC.AA., segundo a información descargada das URL facilitadas polas distintas confederacións hidrográficas competentes (Augas de Galicia (18.10.2024); Cantábrico (18.10.2024); Miño Sil (18.10.2024); Douro (21.10.2024):
https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/
https://nodoide.chcantabrico.es/nodoIDE/download-services.html
https://www.chminosil.es/es/ide-mino-sil
https://mirame.chduero.es/chduero/viewer
https://sig.mapama.gob.es/snczi/
https://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp
Poden existir discrepancias entre a rede hídrica do mapa base cartográfico do PBA (a escala 1/5.000) e as redes hidrográficas oficiais publicadas polas demarcacións hidrográficas que poden estar definidas a escalas de menor detalle. En concreto, a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil publica a súa rede oficial a escala 1/25.000.
Tocante á zona de policía, calculouse unha zona de influencia estimada de 100 m de ancho partindo da rede hidrográfica oficial publicada polas demarcacións hidrográficas (tipo liña e tipo área), que, no caso da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, seguindo as indicacións do dito organismo, non tivo en conta a rede de escoamentos.
2.4. Enerxía.
Actualízase a información da capa relativa á posición das infraestruturas (aeroxeneradores; torres de medición; CT/SUB) dos parques eólicos en funcionamento autorizados ou en obras, de acordo coa información descargada o 10.10.2024 do xeovisor do Rexistro Eólico de Galicia (https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).
2.5. Transportes.
Actualízase a información das capas relativas á rede de estradas da Comunidade Autónoma e a súa área de afección, de acordo coa información elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio que foi achegada o 28.11.2024.
Para a elaboración desta capa tívose en conta a información descargada o 11.10.2024 do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega) e a información descargada o 25.11.2024 do Centro Nacional de Información Xeográfica (https://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp), no tocante ás estradas estatais en construción.
2.6. Portos.
Actualízase a capa de información relativa ás sinalizacións dos portos do Estado, de acordo coa información descargada o 16.10.2024 da URL facilitada polo organismo competente (https://portalaton.puertos.es/portalAton/facesanonimo/app/incidencias/lookup/listadoIncidencia.xhtml).
2.7. Aeroportos.
Actualízase a capa de información relativa ás servidumes dos aeroportos, de acordo coa información remitida pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea (14.5.2024; 29.5.2024) e de acordo coa á información publicada nas seguintes URL e servizos web facilitados polo organismo competente:
https://plinur.mitma.gob.es/visor/
http://geoserver.mitma.es/geoserver/plinur/ows?service=wms&version=1.3.0&request=GetCapabilities&
https://www.mitma.gob.es/aviacion-civil/politicas-aeroportuarias/planificacion-aeroportuaria
2.8. Agropecuaria.
De acordo coas instrucións da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, actualízase a información das concentracións parcelarias firmes e non firmes segundo a información descargada o 15.10.2024 da base de datos territoriais do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia (I:\304LU\zonasconcentracionparcelaria).
2.9. Patrimonio cultural.
Actualízase a información xeográfica de varias capas relativas ao patrimonio cultural e engádese unha nova capa de información relativa á área integral de elementos catalogados de acordo coa información achegada polo órgano competente (17.10.2024; 4.11.2024; 5.11.2024; 11.11.2024), que foi tratada segundo as indicacións dadas polo persoal da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
En todo caso, os bens recollidos nos catálogos dos instrumentos de planeamento teñen para todos os efectos a consideración de bens catalogados desde a data de aprobación definitiva do dito instrumento.
2.10. Acústica.
Actualízase a información da capa de información relativa ás áreas de incidencia acústica estimada de 200 m arredor da posición real dos aeroxeneradores dos parques eólicos en funcionamento, de acordo coa información descargada o 10.10.2024 do xeovisor do Rexistro Eólico de Galicia (https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).
Actualízase a información da capa relativa ás zonas de afección acústica do ruído aeroportuario, de acordo coa información facilitada pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea o 29.5.2024.
2.11. Varios.
Actualízase a información dos lumes segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural o 12.6.2024 relativa aos incendios do ano 2023.
3. Información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial.
A información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial shapefile está contida nun arquivo comprimido que se identifica coa seguinte pegada dixital (algoritmo SHA-256 e formato hexadecimal en ASCII (base 16):
88D4CCC924EABE0EA2C49A5DE49BC581F62D6D37783A20DFC0D82D838E507CDCh
Non se inclúe neste arquivo comprimido a información xeográfica incorporada ao PBA mediante conexión con plataformas ou bases de datos de organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia.
4. Cambios nos documentos do PBA:
Como resultado da información recibida e dos cambios feitos na información xeográfica do PBA, actualízanse os seguintes documentos do PBA, todos eles accesibles dende o visor cartográfico do PBA:
– Anexos
• Anexo I: marco legal.
• Anexo III: instrumentos de ordenación do territorio.
• Anexo IX.I: listaxe de Bens de interese cultural de Galicia.
• Anexo IX.II: listaxe de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia.
– Planos
• Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.
• Planos de delimitación das afeccións sectoriais.
No caso dos planos deben entenderse actualizadas todas as series cartográficas do PBA xeradas en formato PDF desde a ferramenta «Imprimir» do visor PBA (escala 1:10.000 e escala libre).
A identificación dos asentamentos de poboación existentes intégrase nos planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio e das afeccións sectoriais.
– Catálogo
Actualízase a información do Catálogo do PBA.
