BDNS (Identif.): 802401.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes) que proxecten levar a cabo un investimento considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases nalgún centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de persoa beneficiaria as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a concesión de axudas a proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:
1. Proxectos de investimento empresarial xerais.
2. Proxectos de investimento en equipamento produtivo.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 12 de decembro de 2024 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de investimento empresarial para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408A).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e cos seguintes importes e distribución plurianual:
Liña 1: 100.000 € con cargo ao ano 2025, 2.400.000 € con cargo ao ano 2026, 2.000.000 € con cargo ao ano 2027 e 500.000 € con cargo ao ano 2028.
Liña 2: 100.000 € con cargo ao ano 2025, 3.000.000 € con cargo ao ano 2026, 1.800.000 € con cargo ao ano 2027 e 100.000 € con cargo ao ano 2028.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse cinco (5) días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica
