O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 2 de decembro de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada do Igape, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral do Igape para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares do Igape de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada, e convocalos para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300H).
As axudas das bases reguladoras anexas a esta convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e queda condicionada a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Terceiro. O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.
Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:
|
Partida orzamentaria |
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
09.A1.741.A.7810 |
350.000,00 € |
350.000,00 |
700.000,00 € |
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.
Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de tres meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
O prazo de execución non poderá superar o 31 de maio de 2026.
As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de decembro de 2025 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de decembro de 2025 ou anterior, e como máis tarde o 31 de maio de 2026 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputados ao 2025.
Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se lle debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.
Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas desta resolución.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada
Nos últimos anos, o Igape estivo elaborando distintas convocatorias de axudas á dixitalización Industria 4.0, así como a proxectos de economía circular nas pemes e de loxística avanzada e sostible. A intención do Instituto é afondar nestas convocatorias nos próximos anos, así como novas convocatorias orientadas á innovación, e considéranse os obradoiros como unha metodoloxía axeitada para capacitar mellor as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da nosa economía.
O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se deberán desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 busca equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado.
En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3, e responde polo seu carácter transversal aos tres retos e coa prioridade 1 (sostibilidade) e 2 (dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2) e intégrase no programa Innova e emprende.
Os obradoiros incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, desenvolvemento e implantación de procesos ou produtos máis sostibles ou melloras a prol dunha función loxística máis avanzada e sostible, así como oportunidades de hibridación intersectorial e desenvolvemento de actividades innovadoras. Deben funcionar como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse ás diferentes axudas que nestes eidos convocará o Igape, axudas especialmente dirixidas a proxectos colaborativos saídos dos obradoiros, levando á realidade as solucións comúns ideadas neses espazos de encontro ou proxectos xurdidos espontaneamente entre as empresas.
O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e están suxeitos ao réxime de minimis, Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 1. Obxecto
Os obradoiros obxecto desta convocatoria concíbense como espazos de encontro intersectoriais entre empresas e provedores (para a definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014) que teñen como finalidade fomentar a cooperación, a exploración de solucións tecnolóxicas e o deseño de vías de colaboración que impulsen proxectos de alto impacto nos seguintes eidos: dixitalización, innovación, sostibilidade, economía circular e loxística avanzada.
O obxectivo principal destes obradoiros é facilitar a articulación de iniciativas colaborativas que incrementen a competitividade empresarial, promovendo a formulación de proxectos que sexan susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou doutras administracións públicas, tanto galegas como estatais. Ademais, búscase identificar oportunidades de hibridación intersectorial que contribúan á xeración de novas solucións innovadoras aplicables a diversos sectores económicos.
As temáticas que se van abordar en cada obradoiro deberán enmarcarse nun ou varios dos seguintes ámbitos:
a) Dixitalización empresarial e transformación dixital: implementación de ferramentas colaborativas, optimización de procesos e adopción de novas tecnoloxías.
b) Innovación empresarial: desenvolvemento de proxectos disruptivos ou melloras en produtos, servizos ou procesos.
c) Sostibilidade en todas as súas vertentes, incluíndo a economía circular, a redución de pegadas de carbono e hídricas, a mellora da biodiversidade ou a transición enerxética.
d) Loxística avanzada e sostible: mellora da función loxística empresarial, redución de custos operativos e implementación de solucións máis eficientes e respectuosas co medio ambiente.
A través desta convocatoria búscase crear un ecosistema que fomente o diálogo, o intercambio de experiencias e a colaboración entre empresas e provedores, promovendo a innovación e a competitividade a través de solucións sostibles e dixitais.
Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderán complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.
Tendo en conta as tendencias, aclárase que se considerará que un encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes se encontren simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.
Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través dunha ou de varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañadas de fotografías.
En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións realizadas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro). Para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.
Considerarase «empresa participante» aquela que teña unha participación activa nas actividades específicas descritas no proxecto do obradoiro. A participación deberá ser demostrable mediante evidencias documentais tales como rexistros de asistencia, implicación en actividades concretas (obradoiros, grupos de traballo, mesas redondas) e/ou contribucións específicas aos resultados do obradoiro, como proxectos iniciados ou acordos de colaboración.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
Artigo 3. Conceptos subvencionables
1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:
a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, exclusivamente para o deseño, organización, promoción, execución e seguimento das actividades realizadas no marco da convocatoria.
Os beneficiarios poderán contratar os servizos necesarios a través dun ou varios provedores especializados, e será recomendable que, sempre que sexa posible, se concentren os servizos nun único provedor para garantir a coherencia no desenvolvemento das actuacións.
As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais, como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.
b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade na cal xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación, de acordo co indicado no artigo 7.1.d) destas bases. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.
c) Gastos de persoal do organismo intermedio. Serán subvencionables os gastos de persoal nos seguintes casos:
1º. Coordinación a través dun colaborador externo:
Cando os labores de deseño, organización, promoción, execución e seguimento sexan contratados a un colaborador externo, serán subvencionables os gastos de coordinación interna e selección de participantes realizados co persoal propio do organismo intermedio, ata un máximo do 10 % do orzamento total do proxecto.
2º. Execución con persoal propio:
Cando a entidade beneficiaria dispoña da capacidade e experiencia suficientes para desenvolver o deseño, a organización, a promoción, a execución e o seguimento do proxecto directamente co seu persoal propio, serán subvencionables os gastos de persoal ata o 100 % do orzamento total do proxecto, sempre que se acredite unha experiencia mínima de dous proxectos de dinamización de grupos efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro de 2022.
Para os efectos desta convocatoria, entenderase por proxecto de dinamización de grupos aquel conxunto estruturado de actividades que teña como finalidade fomentar a interacción, colaboración e traballo conxunto entre membros dun grupo, con obxectivos concretos e resultados medibles, desenvolvidos a través dunha metodoloxía estruturada e planificada. Estes proxectos deberán contar cun grupo participante identificado e estar debidamente documentados.
Considérase que un proxecto está debidamente documentado cando inclúe:
i. Memoria descritiva do proxecto que recolla a temática desenvolvida, os obxectivos, os participantes implicados e a metodoloxía empregada.
ii. Evidencias de execución, tales como rexistros de asistencia, informes das actividades realizadas e material de apoio utilizado.
iii. Resultados medibles, con información sobre os obxectivos acadados e os resultados obtidos, como proxectos iniciados ou acordos de colaboración.
En calquera caso, os gastos de persoal directivo ou xerencial non poderá superar o 15 % dos gastos de persoal subvencionables. Así mesmo, na memoria deberá detallarse o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.
2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.
3. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Entenderase que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
4. Cando o importe do concepto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
5. En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Artigo 4. Contía da axuda e criterios de avaliación
1. A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).
Ademais do anterior, co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, unha mesma entidade poderá presentar varias solicitudes, pero establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 75.000 € para o total de solicitudes concedidas. No caso de que se supere o dito importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.
2. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.
Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos á concesión da axuda.
3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicárselle ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase do solicitante unha declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os cales solicita esta subvención e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os tres anos previos á concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:
1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes (mínimo 6 empresas): 5 puntos por cada empresa por riba do mínimo definido, ata un máximo de 20 puntos. Para os efectos de baremación, obterase a máxima puntuación para 10 empresas participantes.
Considerarase «empresa participante» aquela que teña unha participación activa e documentada no obradoiro, implicándose nas actividades propostas e xustificándose a súa asistencia ou contribución ao proxecto.
Non se considerarán empresas participantes o organismo intermedio nin as entidades encargadas do deseño, organización e difusión do obradoiro.
2º. Calidade técnica do proxecto (ata 50 puntos). O proxecto será avaliado en función dos seguintes parámetros:
i. Madurez e definición da proposta (ata 16 puntos):
• Claridade na identificación do problema ou necesidade que se deberá abordar (ata 8 puntos).
• Definición concreta dos obxectivos do obradoiro e a súa adecuación á temática proposta (ata 8 puntos).
ii. Descrición das actividades e participación empresarial (ata 16 puntos):
• Detalle e concreción na descrición das actividades previstas; destacaranse os seus obxectivos específicos e a súa contribución ao éxito do obradoiro (ata 8 puntos).
• Claridade na identificación do papel das empresas participantes en cada actividade, incluíndo o nivel de implicación esperado e os resultados que se agardan da súa participación (ata 4 puntos).
• Diversidade na posición das empresas participantes dentro da cadea de valor sectorial, fomentando a integración de axentes de distintas fases do proceso produtivo ou sectores complementarios (ata 4 puntos).
iii. Definición de indicadores e resultados esperados (ata 18 puntos):
• Descrición dos resultados esperados, incluíndo a súa relevancia para os obxectivos do obradoiro e a súa viabilidade (ata 6 puntos).
• Proposta de indicadores medibles para avaliar o impacto do proxecto. Como mínimo deberá incluír os seguintes: número de proxectos presentados a convocatorias públicas ou privadas de axudas e número de solucións implementadas polos participantes nos obradoiros (ata 8 puntos).
• Propostas concretas de difusión tanto do desenvolvemento dos obradoiros como dos resultados, tales como accións de comunicación, informes ou actividades de difusión de boas prácticas a outros axentes (ata 4 puntos).
3º. Impacto da temática do obradoiro nos obxectivos estratéxicos e desafíos descritos na RIS3 Galicia (ata 10 puntos):
Outorgaranse puntos en función do grao de encaixe da temática do proxecto cun ou varios dos obxectivos estratéxicos e desafíos definidos na RIS3 Galicia. A puntuación asignarase segundo os seguintes parámetros:
• Ata 5 puntos: por abordar obxectivos estratéxicos e desafíos específicos da RIS3 relacionados coa temática do obradoiro, describindo actividades concretas orientadas á súa consecución.
• Ata 5 puntos adicionais: por propor indicadores claros que permitan medir o impacto nos obxectivos estratéxicos e desafíos seleccionados.
Este impacto deberá estar xustificado na memoria de solicitude, detallando os retos da RIS3 abordados, as actuacións específicas previstas e os resultados esperados en relación cos retos indicados.
4º. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos (ata 20 puntos):
Valorarase a experiencia na dirección, dinamización e coordinación de proxectos colaborativos finalizados desde o 1 de xaneiro de 2022. Enténdese por proxecto de dinamización de grupos aquel conxunto estruturado de actividades que teña como finalidade fomentar a interacción, colaboración e traballo conxunto entre membros dun grupo, con obxectivos concretos e resultados medibles.
Para que un proxecto sexa considerado na avaliación, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que recolla a temática desenvolvida, os obxectivos, os participantes implicados e a metodoloxía empregada.
b) Evidencias de execución (non é necesario que sexan exhaustivas, pero si ilustrativas), tales como rexistros de asistencia, informes das actividades realizadas e material de apoio utilizado.
c) Resultados medibles, con información sobre os obxectivos acadados e os resultados obtidos, como proxectos iniciados ou acordos de colaboración.
A puntuación asignarase segundo o número de proxectos acreditados que cumpran cos requisitos:
4 ou máis proxectos: 20 puntos.
3 proxectos: 15 puntos.
2 proxectos: 10 puntos.
1 proxecto: 5 puntos.
En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obteña máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde. No caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.
Os proxectos deberán acadar 50 puntos na baremación para seren aprobados.
Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
3. As axudas previstas nestas bases incardínanse no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:
a) Que non solicitou ningunha outra axuda para a mesma actuación.
b) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Presentarase unha solicitude por cada obradoiro dirixida a algunha das temáticas definidas no artigo 1. No caso de que un obradoiro conteña unha mestura de temáticas, as persoas solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha delas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de catro proxectos na mesma convocatoria. No caso de que algún organismo intermedio presente máis de catro proxectos, serán unicamente considerados os catro primeiros, por estrita orde de entrada.
4. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
5. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran na seguinte relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.
b) Documentación acreditativa da experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos, de acordo co establecido no artigo 4.4.4.
c) De ser o caso, desagregación mensual do custo de persoal do organismo intermedio implicado na execución do proxecto: actividade que se vai realizar, categoría profesional, salario bruto, Seguridade Social da empresa, porcentaxe de dedicación.
d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 3.4 destas bases reguladoras.
e) Estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.
f) Acreditación da representación con que se actúa.
g) No caso de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade, asinada polo representante legal, en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
i) Consulta de concesións pola regra de minimis.
j) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociación da Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 10. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Competitividade: o/a subdirector/a de Desenvolvemento de Negocio, que actuará como presidente un/unha técnico/a responsable de Programas, que actuará como secretario/a con voz e voto, e un/unha técnico/a de servizos xerais . Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 11. Instrución dos procedementos
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.
2. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos no artigo 4.4 destas bases.
Artigo 12. Resolución, publicación e notificacións
1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda e farase unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.
3. O anuncio da publicación do texto completo da resolución definitiva no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
5. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 14. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Concretamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis alá das datas límite establecidas na resolución de convocatoria nin as que reduzan a menos de 6 as empresas participantes nun obradoiro nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.
2. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 6 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentala cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución ditarao, por delegación do Consello de Dirección do Igape, a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.
b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que achegarán canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, deberán dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
d) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. Estas axudas son incompatibles con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.
f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo III destas bases, durante a execución do proxecto.
g) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) De non ser posible a realización do proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
h) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.
i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 16. Xustificación da subvención
1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, e incluirá unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.
b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.
c) No caso de xustificar gastos de persoal propio: nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento.
d) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable, no caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, deberá achegar o modelo 390 do último exercicio pechado.
e) Documentación acreditativa da execución do obradoiro:
1º. Memoria de execución dos obradoiros, que incluirá, como mínimo, o cronograma de desenvolvemento do proxecto, coas datas das distintas sesións, imaxes e/ou vídeo de cada sesión, e rexistro de asistentes asinado en que se faga constar a empresa a que pertence cada un dos asistentes. Ademais do anterior, a memoria deberá incluír un resumo das actividades levadas a cabo en cada unha das sesións, así como das conclusións e/ou resultados obtidos e unha descrición breve do papel de cada empresa no obradoiro e da súa contribución.
2º. No caso de que se aleguen gastos de persoal, débese incluír na memoria un cadro resumo por meses e traballadores que participan no proxecto en que se recollan polo menos os datos de salario bruto, custo da Seguridade Social para a empresa, custo total/hora, horas imputadas, custo total imputado ao proxecto e tarefas realizadas no proxecto.
3º. Documentación acreditativa das actividades de difusión realizadas en colaboración co Igape ou de forma independente: presentacións públicas, informes compartidos ou publicacións en medios de comunicación.
4º. Indicadores de éxito: datos que demostren o impacto do proxecto, de acordo cos indicadores definidos na solicitude (número de proxectos presentados a convocatorias públicas ou privadas de axudas, número de solucións implementadas polos participantes nos obradoiros...).
5º. Material xerado: documentos, materiais didácticos ou calquera outro produto entregable asociado ás actividades realizadas.
f) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 3.4 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.
g) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
6. A persoa beneficiaria deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.e): número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da persoa beneficiaria de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.
A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
7. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso, deberán achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento, o que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.
9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.
Artigo 17. Aboamento das axudas
1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
2. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.
Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.
e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o importe subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.
g) A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro do 100 % da subvención concedida.
h) Non dar publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
i) Non comunicarlle ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
j) Non chegar ao número mínimo de 6 empresas participantes no espazo de encontro (obradoiro), de acordo co establecido no artigo 1 destas bases reguladoras.
k) Non obter a puntuación mínima para que o proxecto sexa beneficiario, como consecuencia de reducir o número de empresas participantes no espazo de encontro (obradoiro) tidas en conta para a baremación, de acordo co establecido no artigo 4.4.1.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de aplicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por debaixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 2 % da subvención concedida.
c) Cando o número de sesións validamente constituídas no ámbito do espazo de encontro (obradoiro) sexa inferior ao número descrito na solicitude que deu lugar á concesión da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de sesións que non se levasen a cabo nas condicións establecidas nas bases. En particular, unha execución por debaixo do 50 % do número de sesións descritas na solicitude aprobada considerarase un incumprimento total.
d) Non realizar as actividades de difusión de acordo co compromiso adquirido na solicitude suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 5 % da subvención concedida.
e) Non acadar os indicadores de éxito definidos na solicitude suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro de ata un 10 % da subvención concedida, de maneira proporcional ao número de indicadores non acadado.
5. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 19. Seguimento e avaliación dos resultados
O Igape poderá realizar un seguimento dos proxectos xurdidos dos obradoiros para avaliar o impacto real a longo prazo e identificar boas prácticas. Para tal fin, poderá requirir os beneficiarios para que presenten un informe de seguimento, no prazo de 12 meses desde a finalización do proxecto, que inclúa:
• Estado actual dos proxectos iniciados ou acordos de colaboración.
• Participación das empresas en convocatorias posteriores.
• Indicadores de impacto, tales como melloras en procesos, incremento de competitividade ou aforro de custos.
Os resultados deste seguimento poderán ser utilizados para:
• Avaliar a eficacia da convocatoria e propor melloras en futuras edicións.
• Publicar casos de éxito ou boas prácticas, sempre co consentimento das entidades implicadas.
Artigo 20. Réxime sancionador
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.
Artigo 21. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos das persoas beneficiarias fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 22. Comprobación de subvencións
1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.
2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 24. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na seguinte normativa:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
g) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
h) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
i) O resto da normativa que resulte de aplicación.

