DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2025 Páx. 4576

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento VI406A).

O artigo 90 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, sinala que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

O artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. Pola súa parte, o artigo 94 establece que as actuacións de rehabilitación de carácter illado teñen por obxecto a conservación e rehabilitación dos edificios e das vivendas construídas para mellorar as condicións de vida das persoas que os ocupan.

Neste senso, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de febreiro de 2015, aprobouse o Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, Plan Rehavita, que foi o primeiro plan propio da comunidade autónoma nesta materia. O dito plan dedicou o seu eixe 3 á prevención da exclusión residencial e, concretamente, o programa 3, de apoio a situacións de emerxencia residencial, prevé dúas novas accións directamente relacionadas cos concellos: o bono alugueiro e a reparación de infravivendas.

Partindo do citado plan e das actuacións realizadas ao seu amparo, foi necesario elaborar unhas novas liñas estratéxicas para o período 2021-2025, co obxecto de adaptalo ao actual contexto da situación da vivenda.

Neste contexto, o 22 de xaneiro de 2021 asinouse, no marco do Observatorio de Galicia o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, o cal prevé na súa liña estratéxica A, eixe 2, dirixido á prevención da exclusión residencial, acción 3, Reparación de infravivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes, o obxectivo de outorgar axudas para acometer actuacións urxentes e imprescindibles, para os efectos de mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes cunha dobre finalidade: axudar ás unidades de convivencia que residan en condicións de propietarias nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade, e rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que acrediten uns ingresos inferiores aos límites do IPREM que se determinen na correspondente convocatoria.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2025 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras aplicables á concesión de subvencións do Programa de infravivenda, dirixido a prestarlles apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas (código de procedemento VI406A).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Infravivenda: edificación, ou parte dela, destinada a vivenda, que non reúne as condicións mínimas exixidas pola lexislación aplicable. En todo caso, entenderase que non reúnen as ditas condicións as vivendas que incumpran os requisitos de superficie, número, dimensión e características das pezas habitables, as que presenten deficiencias graves nas súas dotacións e instalacións básicas e as que non cumpran os requisitos mínimos de seguridade, accesibilidade universal e habitabilidade exixibles á edificación.

b) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destas axudas, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

II. Bases reguladoras

Sexto. Obxecto das axudas

1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Sétimo. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Inclúense dentro desta actuación a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Oitavo. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que, segundo informe municipal emitido para o efecto, a edificación ou vivenda non reúna as condicións mínimas de habitabilidade.

– Que todas as actuacións que se realicen se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións subvencionables non estean iniciadas no momento da presentación da solicitude.

2. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os seis meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que incidan sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das actuacións incluiranse gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

4. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Noveno. Requisitos das unidades de convivencia

1. No suposto de que as actuacións se vaian executar en edificacións ou vivendas propiedade de persoas físicas, deberán cumprise os seguintes requisitos:

a) Que algún membro da unidade de convivencia, residente na vivenda obxecto da actuación, sexa o seu propietario/a.

b) Que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a doutra vivenda en todo o territorio nacional, a non ser que esta poida ser considerada inadecuada ou insuficiente ou non poida dispor do seu uso.

c) As unidades de convivencia deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores aos límites que se determinen na correspondente convocatoria.

2. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

– Unidade familiar dun membro: 1,00.

– Unidade familiar de dous membros: 0,90.

– Unidade familiar de tres membros: 0,80.

– Unidade familiar de catro membros: 0,75.

– Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste ordinal, sumaranse, e o resultado debe ser inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

Se algún membro da unidade de convivencia é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nas epígrafes anteriores.

Para o caso de que na unidade de familiar houbese mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Décimo. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo primeiro. Contía da axuda

As axudas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Décimo segundo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica, que deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Os concellos que pretendan subvencionar varias actuacións para unha mesma infravivenda deberán presentalas todas nunha única solicitude.

4. Ningún concello poderá solicitar axudas para actuacións xa subvencionadas en convocatorias anteriores.

5. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da Alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

6. No formulario de solicitude o concello solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que non está incurso nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son correctos.

Décimo terceiro. Documentación complementaria

1. As solicitudes de subvención deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS aceptando os termos das bases reguladoras e da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se xunta á solicitude.

b) Anexo II, de autorización da/s persoa/s propietaria/s do inmoble, membro/s da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como o compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras, no suposto de que a vivenda sexa de titularidade privada.

c) Certificado da secretaría municipal en que se acredite o cumprimento dos requisitos recollidos no ordinal décimo desta resolución.

d) Proxecto técnico ou memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Deberá vir acompañado da seguinte documentación:

– Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das socioeconómicas de cada un dos membros da unidade de convivencia. No caso de tratarse dunha infravivenda da súa titularidade que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este informe.

– Informe asinado pola persoa técnica municipal relativo á localización da infravivenda, das súas características e do seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

– Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

– Informe da persoa técnica municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

– Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

– Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta resolución. No caso de tratarse dunha infravivenda da súa titularidade, que aínda non estea ocupada por unha unidade de convivencia, non se presentará este certificado.

– No caso de tratarse dunha vivenda da súa titularidade, certificado da secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é da súa titularidade.

– No caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algunha das persoas membros da unidade de convivencia, certificado da secretaría municipal en que se acredite a propiedade da edificación ou da vivenda obxecto de rehabilitación.

e) Documentación acreditativa da persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente polo concello interesado a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente ao concello interesado a súa achega.

Décimo cuarto. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. Se algún dos concellos solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Os concellos solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello solicitante, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal do concello solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no correspondente formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sétimo. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda en que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo oitavo. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a correspondente publicación no DOG da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o concello solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da xefatura da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo noveno. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará a contía da subvención concedida, as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quede validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na correspondente resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Vixésimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Vixésimo primeiro. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución e as relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado na correspondente resolución de concesión.

Vixésimo segundo. Xustificación e pagamento da subvención

A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme o seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme o anexo III, no cal se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

– Certificación expedida pola secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar de forma detallada o cumprimento da finalidade da subvención, así como os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta actuación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras realizadas.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na epígrafe anterior.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade á data que se determine na correspondente convocatoria.

4. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Vixésimo terceiro. Obrigas dos concellos beneficiarios

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os concellos beneficiarios terán as seguintes obrigas:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda sexa de propiedade municipal.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As demais obrigas que derivan desta resolución e da correspondente convocatoria.

Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido na correspondente resolución de convocatoria.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

4. O incumprimento do deber de reintegro poderá dar lugar ao inicio do correspondente procedemento de compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local, de conformidade coa normativa vixente.

Vixésimo quinto. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta resolución son compatibles coas axudas que se poidan recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social.

Vixésimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os concellos beneficiarios de subvencións están obrigados a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo oitavo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (en diante, BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regulan a BDNS e a publicidade das subvencións e demais axudas.

III. Convocatoria

Vixésimo noveno. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 3 de xuño de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra dos prazos anteriores serán inadmitidas.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Trixésimo. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 370.000,00 euros para a anualidade 2025.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Trixésimo primeiro. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

1. No suposto de que as actuacións se vaian executar en edificacións ou vivendas propiedade de persoas físicas, os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2023.

2. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2024.

Trixésimo segundo. Xustificación da subvención

En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 25 de novembro de 2025, salvo que o requirimento sinalado no número 2 do ordinal vixésimo segundo se fixese dentro dos dez días anteriores a esa data.

IV. Eficacia

Trixésimo terceiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file