Antecedentes:
Primeiro. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceu unha garantía de sustentabilidade financeira do sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos en Galicia.
Coa finalidade de garantir a devandita sustentabilidade, estableceu no seu punto dous unha actualización anual do canon unitario de tratamento por tonelada no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo.
Igualmente, no punto tres da mencionada disposición adicional vixésimo primeira prevese a posibilidade dunha revisión da contía do canon unitario por tratamento de residuos cando concorran circunstancias extraordinarias que alteren a sustentabilidade económica do sistema.
Segundo. Mediante a Resolución do 22 de xullo de 2024, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 142, do 23 de xullo, fíxose público o importe do canon unitario que deberá percibir a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2024, que se fixa na suma de 88,05 euros por tonelada máis IVE de residuos xestionada, a teor do punto tres da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, polas circunstancias excepcionais de sustentabilidade financeira do sistema nese momento.
Terceiro. De acordo cos orzamentos da Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), aprobados para o ano 2025, existen circunstancias extraordinarias que alteran a sustentabilidade económica do sistema e fan necesario efectuar unha revisión extraordinaria do canon unitario por tonelada por encima do IPC, de conformidade co punto tres da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, na cal se prevé a posibilidade dunha revisión da contía do canon unitario por tratamento de residuos cando concorran circunstancias extraordinarias que alteren a sustentabilidade económica do sistema.
Cuarto. O punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación operada polo artigo 35 da Lei 5/24, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece a posibilidade de establecer un canon reducido para a súa aplicación a aquelas entidades locais que cumprisen os requisitos establecidos no dito punto tres bis. A finalidade do dito canon reducido é a de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no ambiente.
Fundamentos xurídicos:
I. O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, configuran esta consellería como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e atribúelle á Dirección Xeral de Calidade e Sostibilidade Ambiental, ben directamente ou a través das súas dependencias subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control do impacto no ambiente causado pola actividade humana e a promoción de sistemas e estratexias, corrixir esta incidencia, incluídas diversas atribucións en materia de residuos.
II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.
O citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establece como unha das súas finalidades alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema.
O punto dous da devandita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos do consumo, e a súa contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.
O punto terceiro da devandita disposición adicional recoñécelle á consellería competente en materia de residuos a facultade de revisar a contía dese canon unitario por tonelada de residuos domésticos para o seu tratamento no marco do sistema, cando resulte necesario en función das circunstancias extraordinarias de alteración da sustentabilidade económica do sistema, logo de informe favorable da Consellería de Facenda, de tal forma que non exceda os custos totais que xere o tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema.
O exercicio desa facultade require a aprobación dunha proposta de canon unitario polo órgano de administración de Sogama, tras a realización dos estudos pertinentes que xustifiquen os custos asociados ás operacións de tratamento e o desenvolvemento dunha fase de consulta coa entidade asociativa máis representativa das entidades locais co fin de que poida efectuar as alegacións oportunas en defensa dos intereses locais.
Durante os anos 2023 e 2024 foron concorrendo circunstancias extraordinarias, principalmente ligadas co marco regulatorio da xestión dos residuos e da produción de enerxía eléctrica procedente de fontes de enerxía renovable, coxeneración e residuos, co establecemento de novos impostos (imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos (Idires) e recuperación do imposto do 7 % do valor da electricidade producida, a importante diminución dos ingresos pola venda de enerxía eléctrica e os incrementos dos custos ocasionados pola inflación.
De acordo co citado punto tres da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, todas estas circunstancias extraordinarias motivan e xustifican a necesidade de efectuar a revisión extraordinaria do canon unitario aplicable para o ano 2025, e estableceuse en 108 euros máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.
Así mesmo, de acordo co establecido no punto tres bis da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación efectuada polo artigo 35 da Lei 5/24, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e coa finalidade de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no ambiente, poderase establecer un canon unitario por tonelada de contía reducida, ligado ao cumprimento por parte das entidades locais que o soliciten dun dos seguintes requisitos:
a) Diminuír a entrega de residuos correspondentes á fracción resto nun mínimo dun 1,00 % respecto dos entregados no ano inmediatamente anterior.
b) Incrementar nun mínimo do 3 % respecto do exercicio inmediatamente anterior as toneladas procedentes da recollida selectiva de residuos de envases no contedor amarelo ou de biorresiduos de orixe doméstica no contedor marrón.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2025, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa en 108 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.
Establecer un canon de contía reducida, que se fixa en 95 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido, condicionado ao cumprimento do establecido no punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación efectuada polo artigo 35 da Lei 5/24, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
En exercicios posteriores, o novo canon unitario por tonelada revisado actualizarase anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo, e a contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
