DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2025 Páx. 7426

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2025 pola que se deixa sen efecto a ampliación do prazo de presentación de solicitudes recollida na Resolución do 26 de decembro de 2024, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

En virtude do disposto na Resolución do 22 de xaneiro de 2025, do Congreso dos Deputados, pola que se ordena a publicación do acordo de derrogación do Real decreto lei 9/2024, do 23 de decembro, faise necesario deixar sen efecto aquelas disposicións que fosen ditadas en aplicación do dito real decreto lei.

A Resolución do 26 de decembro de 2024 ampliou o prazo para a presentación de solicitudes no marco do Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), aprobado mediante a Resolución do 26 de xullo de 2021. A dita ampliación, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 250, do 30 de decembro de 2024, foi acordada conforme o establecido no Real decreto lei 9/2024, agora derrogado. Por tanto, corresponde revogar a dita ampliación para garantir a seguridade xurídica e a coherencia normativa.

No exercicio das competencias atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Deixar sen efecto a ampliación do prazo de presentación de solicitudes do programa Moves III

Déixase sen efecto a ampliación do prazo de presentación de solicitudes establecida na Resolución do 26 de decembro de 2024 pola que se modificou a Resolución do 26 de xullo de 2021, no ámbito dos códigos de procedemento IN421Q e IN421R.

O prazo de presentación de solicitudes queda restablecido ás datas previstas na Resolución do 26 de xullo de 2021, logo da súa modificación pola Resolución do 18 de xullo de 2024, sen prexuízo das solicitudes xa presentadas no período ampliado ata o día da publicación do acordo de derrogación do Real decreto lei 9/2024, do 23 de decembro, no BOE, que serán tramitadas conforme a normativa vixente no momento da súa presentación.

Segundo. Publicación e entrada en vigor

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia