A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento, nos termos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
No marco das súas funcións correspóndelle, entre outras, o deseño e implementación de estratexias e plans integrais para o desenvolvemento e a xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes públicos e privados, así como contribuír ao reforzo do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.
Neste contexto, cómpre promover accións encamiñadas á execución de obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais.
As infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial e melloran as condicións de vida e traballo no medio rural; en particular, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio e contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias, nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado. E, como toda infraestrutura, precisan de obras de mantemento e acondicionamento para que poidan seguir cumprindo coas súas funcións.
De acordo coa Lei de bases de réxime local, os concellos exercen competencias propias no relativo ás infraestruturas viarias da súa titularidade. No exercicio das facultades de fomento que competen á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e no marco de colaboración que debe rexer a relación entre administracións públicas, esta entidade consensuou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de repartición dos fondos públicos vinculados a esta convocatoria de axudas.
Así mesmo, na repartición dos citados fondos tívose en conta, ademais, o Acordo do Consello da Xunta, do 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivos en procesos de fusión municipal.
A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2025.
De acordo co anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),
RESOLVE:
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta resolución é aprobar as bases reguladoras das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro do plan Camiña rural 2025-2026 e convocar as correspondentes ao ano 2025.
2. As axudas consistirán en subvencións de capital.
O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), atendendo aos límites máximos de axuda que poden corresponder a cada concello en función dos criterios socioeconómicos que se determinan no anexo I.
3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR701E.
Artigo 2. Financiamento
1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 19.498.875 €, con cargo á aplicación orzamentaria 15.A1.712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2025 (código de proxecto 2016-0008), de acordo coa seguinte distribución plurianual:
2025: 9.499.451,92 €.
2026: 9.999.423,08 €.
A convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Estas axudas tramítanse conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2025. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
3. O importe global do plan distribúese entre todos os concellos que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución, en aplicación dos criterios de natureza socioeconómica establecidos no anexo I.
A aplicación dos citados criterios determina o importe máximo de axuda que pode corresponder a cada un dos beneficiarios.
Artigo 3. Beneficiarios
Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter remitido ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito deberá acreditarse con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 11.7 desta resolución.
c) Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da LSG.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais e que dean acceso, en calquera punto do seu trazado, cando menos, a dúas parcelas agrícolas.
Para estes efectos, terán a consideración de parcelas agrícolas:
–Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada no Sixpac como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras...) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).
– Parcelas en que se localice unha instalación agrograndeira.
– Parcelas que figuren como declaradas na solicitude de axuda para os pagamentos directos da PAC do ano 2024.
Son actuacións de ampliación, mellora ou mantemento as que a seguir se relacionan:
a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.
b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.
c) Mantemento: tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilado de noiros e cunetas), reforzos dos terrapléns.
2. Todas as actuacións deberán integrarse nun único proxecto de obra, cun máximo de 6 actuacións.
O orzamento de execución material de cada unha das actuación deberá ser igual ou superior a 6.000 €.
Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.
3. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
A comprobación de que os investimentos para os cales se solicita a axuda non están iniciados na data de presentación da solicitude de axuda fundamentarase na declaración que, para estes efectos, presenta a persoa representante da entidade solicitante no modelo normalizado de solicitude de axuda, e verificarase coa documentación que integre o correspondente expediente de contratación das obras subvencionadas.
b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.
c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.
d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
e) Que sexan viables tecnicamente.
f) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se concedeu a axuda.
4. Os proxectos de obra deberán integrar o seguinte contido mínimo:
1º. Identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas.
2º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.
3º. No caso de actuacións que rematen no límite do territorio municipal, deberá acreditarse a continuidade en termos de material e estado da capa de rodaxe no tramo do camiño que discorre polo concello limítrofe.
4º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (agader.xunta.gal).
5º. Planos de localización e de detalle necesarios, indicando o trazado exacto das actuacións, a súa lonxitude e largura e os puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados.
6º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.
7º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións (excluído o IVE).
Os custos do control de calidade non deberán integrarse no orzamento do proxecto. En caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable nos termos previstos no artigo 5.2 desta resolución.
5. As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que estarán publicadas na ligazón http://www.epseaga.com/?q=gl/node/8 e na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural agader.xunta.gal, en formato .bc3.
As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que as conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:
– Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.
– Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere en máis dun 20 % o das citadas tarifas.
– Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.
6. Non serán subvencionables:
a) As actuacións consistentes unicamente no arranxo de fochas.
As actuacións que consistan en arranxo de fochas deberán incluír necesariamente tratamentos superficiais cunha lonxitude mínima de 100 metros e abranguer a totalidade da plataforma do camiño.
b) Actuacións que propoñan o cambio de capa de rodaxe que supoña pasar de saburra ou terra a outra con tratamentos asfálticos ou formigón, agás nos casos en que estea debidamente xustificada a súa necesidade porque a actuación linda cunha parcela en que se localiza unha edificación vinculada a unha explotación agrogandeira en activo.
c) Actuacións en rúas e vías interiores dentro dos núcleos de poboación.
d) Actuacións cun orzamento de execución material inferior a 6.000 €.
Unha vez presentada a solicitude de axuda non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das recollidas inicialmente nos proxectos de obra.
e) Non se subvencionará ningún investimento que incida sobre as actuacións subvencionadas pola Consellería do Medio Rural ou ben a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro dos plans de mellora de camiños municipais nos últimos 5 anos. Neste caso excluirase da actuación proposta a parte proporcional do orzamento que incumpra este requisito.
Artigo 5. Gastos subvencionables
1. No marco do plan Camiña rural 2025-2026 son subvencionables os seguintes gastos:
a) Obra civil vinculada á execución dos proxectos.
b) Servizo de control de calidade das obras contratadas, co contido e condicións que se determinan no número 2 deste artigo.
2. A subvencionabilidade do gasto relativo ao control de calidade está supeditada ás seguintes normas e requisitos:
a) Que os concellos soliciten a subvencionabilidade deste gasto a través do modelo normalizado de solicitude de axuda.
b) Que incorpore os seguintes contidos mínimos:
– Control da calidade dos materiais empregados.
– Control da calidade dos métodos de execución.
– Control da calidade das obras rematadas.
O informe resultante do control de calidade deberá incluír necesariamente as conclusións respecto da adecuación das obras executadas dos proxectos aprobados. De ser o caso, poderá ser o/a director/a de obra quen acredite a adecuación da obra executada aos proxectos con base nos resultados do control.
3. Non serán subvencionables en ningún caso:
a) As partidas a tanto global.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos correspondentes a actuacións que inclúan obras de iluminación, abastecemento e saneamento de augas fecais.
d) Os gastos de redacción do proxecto de obra nin os de estudos necesarios para a súa redacción.
e) Os gastos de dirección de obra, de coordinación de seguridade e saúde, seguimento arqueolóxico ou outros servizos complementarios.
f) Gastos por taxas ou licenzas necesarias.
g) O panel de obra.
Artigo 6. Intensidade da axuda
A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.
O importe máximo de axuda que corresponde a cada beneficiario é o indicado no anexo I desta resolución.
Artigo 7. Compatibilidade e acumulación de axudas
1. As subvencións concedidas ao abeiro deste plan serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.
2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.
3. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a entidade beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo IV).
Artigo 8. Presentación de solicitudes
1. Cada concello presentará unha única solicitude de axuda.
2. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
3. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.
Dentro do prazo establecido os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos
Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que a entidade solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).
4. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:
a) No caso de que xa estivese dado de alta na aplicación informática habilitada para a xestión das axudas concedidas ao abeiro dos plans de mellora de camiños municipais xestionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en anos anteriores, deberá acceder co nome de usuario e contrasinal xa rexistrados para estas convocatorias.
Noutro caso, deberá darse de alta na citada aplicación informática. O nome de usuario será sempre o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.
Na aplicación está dispoñible un servizo de recuperación de contrasinais.
b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 desta resolución.
c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.
No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática o anexo II (solicitude de axuda). A publicación no DOG deste anexo ten carácter puramente informativo.
5. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.
6. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 73 69, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal
Artigo 9. Documentación complementaria
1. Xunto co formulario normalizado de solicitude de axuda (anexo II), que a aplicación informática xerará de forma automática, os concellos interesados deberán achegar a seguinte documentación:
a) Proxecto/s de obra, nos termos previstos no artigo 4.4 desta resolución.
b) Certificación expedida pola persoa titular da secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes aspectos:
1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.
2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación no plan Camiña rural 2025-2026.
3º. Da titularidade municipal dos camiños.
4º. De que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
c) Informe do/da técnico/a municipal competente, indicando:
1º. Intervencións realizadas en cada unha das actuacións propostas no/nos proxecto/s nos últimos 5 anos, sinalando, de ser o caso, a natureza das obras, o ano e a orixe dos fondos financeiros das citadas intervencións.
2º. Se para a execución das obras resulta necesaria a dispoñibilidade de terreos privados lindeiros coas actuacións propostas. En caso afirmativo, xunto con este informe deberán remitirse os documentos acreditativos das cesións ou autorizacións das persoas propietarias dos terreos afectados.
3º. Se o/os proxecto/s cumpre/n coa lexislación urbanística e sectorial, así como co planeamento en vigor.
4º. Se para a execución do/dos proxecto/s resultan necesarios permisos e/ou autorizacións sectoriais, con indicación daqueles que se deben incorporar ao expediente.
d) Declaración asinada pola persoa titular da alcaldía de que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que o/os proxecto/s de obra supere/n o tamaño máximo establecido ou teña/n un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que os concellos interesados se opoñan á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Procedemento de xestión das axudas
1. Compete á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural o estudo e a análise da documentación presentada xunto coa solicitude de axuda, sen prexuízo, de ser o caso, da coordinación coa Consellería do Medio Rural, que habilitará o persoal técnico necesario para prestar asesoramento, colaboración e asistencia técnica en todo o relacionado coas especificidades técnicas propias destas actuacións.
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á entidade interesada que a emende no prazo máximo de dez (10) días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.
3. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 12 deste plan.
4. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas, accesible no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos
5. Co fin de completar a instrución do procedemento, o órgano instrutor poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
6. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán ser realizados electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos
7. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección da Axencia, a concesión das axudas, de acordo coa proposta que formule a persoa titular da Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.
O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco (5) meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Os concellos interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa. A notificación practicarase por medios electrónicos.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015.
2. A notificación practicarase do seguinte xeito:
a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos
3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Execución das actuacións subvencionadas
1. Os concellos deberán licitar as obras de acordo cos procedementos establecidos na Lei 9/2017, do 18 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en diante, LCSP), e na demais normativa que rexe a contratación para as entidades públicas locais.
Deberán tramitar un único procedemento de contratación, comprensivo de todas as actuacións de obra aprobadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O incumprimento do disposto neste parágrafo determina a perda do dereito ao cobramento da axuda.
2. No caso da contratación das obras mediante o procedemento de contrato menor deberá terse en conta que:
a) Deberán solicitarse tres ofertas a tres empresas distintas con carácter previo á contratación.
b) As ofertas non poderán provir de empresas vinculadas entre si.
c) As ofertas presentadas deberán ser auténticas e non de compracencia (contido idéntico, erros idénticos, aparencia sinxela, etc.) e deberán conter os elementos precisos para identificar as empresas ofertantes, con referencia, cando menos, á data de expedición, enderezo e razón social da empresa e identificación do concello peticionario.
3. No caso de que se prevexan melloras como criterio de adxudicación, estas deberán estar suficientemente especificadas, nos termos previstos no artigo 145.7 da LCSP. No suposto de que as melloras incluídas no prego de cláusulas administrativas particulares non respecten o disposto no citado artigo, aplicarase un desconto sobre a axuda que se pague equivalente ao valor das melloras ofertadas polo contratista.
4. Non se admitirán certificacións de obra en concepto de provisión de materiais.
5. Calquera modificación do proxecto de obra deberá ser comunicada á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e, en calquera caso, deberase tramitar o correspondente modificado nos termos previstos no artigo 205 da LCSP.
6. Separadamente, todos os concellos deberán contratar o servizo de control de calidade das obras executadas, que constituirá un gasto elixible nos termos previstos no artigo 5 destas normas reguladoras.
Os concellos tramitarán un único procedemento para a contratación do servizo de control de calidade, comprensivo de todas as actuacións comprendidas no proxecto de obra aprobado. A contratación deste servizo realizarase nos termos previstos na LCSP.
O feito de non contratar o servizo de control da calidade nos termos expostos suporá a aplicación dunha redución da axuda que se pague equivalente ao 3 % do total da axuda certificada.
Artigo 14. Xustificación dos investimentos
1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2025 será o 16 de outubro de 2025.
Este prazo poderá ampliarse excepcionalmente ata o 11 de decembro de 2025 de acordo coas seguintes condicións:
– Que os concellos o soliciten de forma expresa, e xustifiquen de xeito motivado a necesidade desta ampliación, segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/caminos
– Que o concello teña solicitado a concesión dun pagamento anticipado antes do 29 de agosto de 2025, nos termos previstos no artigo 16 deste plan.
2. Para a anualidade 2026, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 29 de maio de 2026. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2025.
Antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2026, os concellos poderán solicitar, excepcionalmente, unha ampliación do citado prazo nos termos previstos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, en relación co artigo 32 da Lei 39/2015 e, en calquera caso, co cumprimento das seguintes condicións:
– Que a solicitude para a ampliación do referido prazo estea debidamente motivada.
– Que o concello acredite que as obras están adxudicadas segundo os procedementos previstos na LCSP.
Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate.
3. A presentación da solicitude de pagamento (anexo IV), que a aplicación informática xerará de forma automática, realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos, dentro dos prazos de execución e xustificación referidos no parágrafo anterior.
A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.
Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.
No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.
Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12 destas normas.
4. Xunto coa solicitude de pagamento (parcial e final), deberán presentar a seguinte documentación:
a) Certificación/s de obra asinada/s polo/a director/a de obra.
b) Informe fotográfico que reflicta o curso da execución das obras, así como a colocación do cartel de obra necesario para dar cumprimento á obriga de publicidade, nos termos previstos no número 8 do artigo 17 desta resolución.
c) Facturas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.
d) Xustificante bancario do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria), que deberá identificar o número de factura obxecto de pagamento e/ou o concepto facturado, entidade que realiza o pagamento e o destinatario.
e) Certificación emitida e asinada electronicamente pola secretaría da entidade local beneficiaria, en que se faga constar:
– O acordo da aprobación polo órgano competente da entidade beneficiaria dos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ao proxecto subvencionado, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.
– O cumprimento da finalidade da subvención.
– Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.
– Que na tramitación e contratación das obras se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, con indicación do procedemento seguido para a súa tramitación e con expresión dos criterios de adxudicación que se tiveron en conta para a licitación e adxudicación das obras.
f) No caso de que o concello optase por tramitar contratos menores para licitación das obras, debe achegar tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 13.2 desta resolución.
g) Declaración asinada pola persoa titular da alcaldía de que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. A maiores da documentación referida no número 4 deste artigo, xunto coa solicitude de pagamento final, deberán xuntar a seguinte documentación:
a) De ser o caso, permisos e autorizacións legalmente exixidos para levar a cabo as obras, segundo o referido no informe técnico municipal que se presentou xunto coa solicitude de axuda.
b) O informe co resultado do control de calidade das obras, co contido indicado no artigo 5.2 deste plan. Deberanse incluír necesariamente as conclusións respecto da adecuación da obra executada ao proxecto aprobado, asinadas polo/a director/a de obra ou polo responsable do control.
Artigo 15. Control administrativo da solicitude de pagamento
1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:
– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.
– Os custos contraídos e os gastos realizados.
2. Para todos os expedientes con subvencións superiores a 60.000 € realizarase unha visita de control in situ para comprobar o remate da operación obxecto de solicitude de pagamento final.
Sen prexuízo do anterior, naqueles casos en que da revisión documental do expediente non resulte suficientemente acreditado o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a axuda, o órgano xestor poderá realizar as citadas visitas, para os efectos de asegurar a realidade dos investimentos subvencionados.
3. No caso de incumprimentos de normas relacionadas coa contratación pública, tomaranse como referencia as porcentaxes indicadas no anexo da Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e á aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.
Artigo 16. Réxime de pagamentos
1. Con cargo á anualidade 2025, tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario.
Así mesmo, os concellos beneficiarios das axudas poderán solicitar a concesión dun pagamento anticipado, con cargo á anualidade 2025 como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ao proxecto subvencionado.
A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas, https://appsagader.xunta.gal/caminos
A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 29 de agosto de 2025.
A tramitación e a concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.
De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo farase mediante resolución motivada.
Ao abeiro do artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de pagamentos á conta e pagamentos anticipados, os concellos beneficiarios das axudas están exentos da constitución de garantías.
O libramento da subvención na primeira anualidade non poderá superar a cantidade establecida na resolución de concesión para este exercicio orzamentario. Non obstante, os gastos executados e xustificados por riba deste límite poderán imputarse á anualidade 2026, sen que iso implique incremento da asignación correspondente ao referido exercicio orzamentario.
2. Na anualidade 2026 non se concederán pagamentos á conta nin se tramitarán pagamentos anticipados, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.
Artigo 17. Obrigas dos concellos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.
As obras deberán ter unha garantía de mantemento de cinco (5) anos, contados desde a data de pagamento final da axuda. Serán por conta do concello os custos necesarios para a súa xustificación.
O concello debe asumir todas cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e demais normativa de contratación aplicable ás entidades locais.
5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.
8. Publicitar a concesión da axuda mediante a colocación dun panel, con información sobre a operación, que deberá estar visible durante a execución das obras. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural facilitará, a través da súa páxina web, o modelo, o formato e as dimensións do panel informativo.
9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
10. Cando o concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo III.
11. De acordo con o establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención, mediante o seu ingreso no número de conta bancaria ES64 2080 0388 2531 1000 1412, da que é titular Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en concepto de «devolución voluntaria da subvención co número de expediente».
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá remitir a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e a denominación da subvención concedida. Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o concepto da devolución con indicación do número de expediente.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión da subvención
1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.
2. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.
En todo caso, a modificación da resolución de concesión tramitarase nos termos previstos no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Reintegro da subvención
1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG.
2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento da actividade subvencionada, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.
3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.
Artigo 21. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da LSG e no VI do RLSG.
Artigo 22. Remisión normativa
Para todo o non disposto nestas normas de xestión, observarase o disposto na seguinte normativa:
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, modificada polo Decreto 148/2024, do 20 de maio.
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e a aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.
Disposición adicional primeira. Réxime de recursos
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.
Se, transcorrido o prazo para resolver, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.
Disposición adicional segunda. Información
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
– Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: agader.xunta.gal
– Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
– No teléfono 981 54 73 69.
– De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.
Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira
A persoa titular da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta xestión deste procedemento.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
