Con data do 31 de decembro de 2024 publicouse, no Diario Oficial de Galicia, a Orde do 23 de decembro de 2024, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2025 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 30 de agosto de 2022.
A disposición derradeira segunda da referida Orde do 23 de decembro de 2024 establece que, no suposto de que a Administración xeral do Estado manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transporte público se poderá acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais.
Igualmente, a disposición derradeira primeira desa orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.
Neste sentido, o 24 de decembro de 2024 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 9/2024, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas en materia económica, tributaria, de transporte e de seguridade social, e se prorrogan determinadas medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social.
O 23 de xaneiro de 2025 publicouse no BOE o acordo de derrogación do dito real decreto lei.
O 29 de xaneiro de 2025 publicouse no BOE o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, polo que se aproban medidas urxentes en materia económica, de transporte, de seguridade social, e para facer fronte a situacións de vulnerabilidade, no cal, consonte o seu artigo 63, se restablece con efectos desde o 23 de xaneiro de 2025 ata o 30 de xuño a vixencia das axudas previstas nos artigos 64 a 70 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, previamente prorrogadas ata o 22 de xaneiro de 2025.
Polo tanto, tendo acordado xa a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 30 de agosto de 2022, a aplicación dunha minoración adicional do 50 %, e aplicándose ininterrompidamente desde o 1 de setembro de 2022 ata a actualidade, a prórroga da liña de axudas fixada no Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, considérase análoga, para estes efectos, á actuación promovida a través da anterior normativa e na Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2024.
Aínda que non estea concluído o procedemento que regula o dito real decreto lei e, polo tanto, non estea confirmado o importe exacto que lle corresponderá á Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta achega estatal, a súa analoxía coa regulación previa permite considerar que concorren as condicións de continuidade da medida estatal a que fai referencia a disposición derradeira segunda da Orde do 23 de decembro de 2024, continuidade que, consonte o real decreto lei citado, procede estender ata o 30 de xuño de 2025.
Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 23 de decembro de 2024, ao manterse as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo período de 2025 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.
Á vista do exposto, e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e proceder a ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas ao período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2025.
O financiamento desta minoración adicional realizarase con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2025.05.08.512A.470.1., e, en canto ao transporte ferroviario integrado na ATM de Ferrol, na aplicación 2025.05.08.512A.403.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.
De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2025 a minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde da Consellería de Infraestructuras e Modalidade, do 30 de agosto de 2022. Cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,
RESOLVO:
1. Ampliar ao período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2025 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral de competencia da Xunta de Galicia, acordada pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2024.
2. Aplicar durante o mesmo período indicado no punto anterior, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2024.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade
