A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, establece no seu artigo 38 que as administracións públicas competentes subvencionarán o custo que lles supoña aos consellos xerais e aos colexios profesionais de avogados e procuradores o funcionamento operativo dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.
Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluidas na epígrafe B).1.c) do seu anexo a indemnización, de ser o caso, das actuacións correspondentes á defensa por avogado e representación por procurador dos tribunais na quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia, e a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia se sitúe no territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro. O dito decreto establece, no seu artigo 45, que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos de asistencia xurídica gratuíta e das unidades encargadas do asesoramento e orientación previos ao proceso aos cidadáns, e da cualificación provisional das pretensións solicitadas, polo que lle corresponde á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 2,1 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de vinte e dous mil douscentos vinte e catro euros con oitenta e dous céntimos (22.224,82 €).
Disposición derradeira primeira
Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
