A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e, no seu artigo 38, establece que as administracións públicas competentes en materia de administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.
Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e na letra B), número 1.c), do seu anexo incluíronse as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e mais as referentes á asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e actualmente están atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece, no seu artigo 45, que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 0,98 % do importe total certificado durante o ano 2023 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de cento doce mil novecentos noventa e oito euros con oitenta e tres céntimos (112.998,83 €).
Disposición derradeira primeira
Autorízase o director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
