Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:
Feitos:
1. O 7 de xuño de 2024, Francisco Fra Rico, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira constituíuna Francisco Fra Rico, mediante escritura pública outorgada o 28 de maio de 2024, ante o notario de Burela (Lugo) Francisco Manuel Mariño Pardo, co número de protocolo 823.
Tras os requirimentos do 10 de xullo e do 16 de outubro de 2024, a Fundación achegou dúas escrituras, outorgadas o 29 de agosto e o 30 de outubro de 2024, no mesmo lugar e ante o mesmo notario indicado no anterior parágrafo, cos números de protocolo 1.290 e 1.629, respectivamente, que emendan a escritura de constitución, de conformidade co indicado nos citados requirimentos.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción, fomento, recuperación, conservación e desenvolvemento da carpintería de ribeira, principalmente en Galicia, impulsándoa e desenvolvéndoa cara ao futuro».
4. Na escritura de constitución da fundación constan os datos relativos á identidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.
5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Fra Rico, como presidente; Fernando Fra Rico, como vicepresidente; María Perfecta Fra Rico, como secretaria; Filomena Fra Rico e Samuel Fra Colomina, como vogais; e a entidade Pontecorrea, S.L., representada por Fernando Fra Rico, como administradora.
7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 7 de xaneiro de 2025) clasificouse de interese cultural a Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

