DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2025 Páx. 10353

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Nespereira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nespereira, no concello de Pazos de Borbén (expediente RE22024).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Nespereira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nespereira, no concello de Pazos de Borbén (expediente RE22024).

O 25.9.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 14.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2261783, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Nespereira, parroquia de San Martiño de Nespereira (Pazos de Borbén), solicitou a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Nespereira, con ID2941. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22024. Consta no expediente a seguinte documentación:

– Revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Chan Damián, Merouces, Saramagoso, Vaca Morta, Chan do Areeiro, Chamuscada e da Pedra, pertencentes á CMVMC de Nespereira, concello de Pazos de Borbén, Pontevedra, asinada o 4.7.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908 do COETF de Galicia.

– Certificado do 9.7.2024 da secretaria, coa conformidade do presidente da CMVMC de Nespereira, da aprobación na asemblea xeral do 6.7.2024.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N.

Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais, indica:

– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica en que se percorreu todo o perímetro; durante ese percorrido identificáronse muros e marcos que separan o monte veciñal doutras propiedades particulares.

– O monte veciñal de Nespereira está formado por 7 parcelas denominadas: Chan Damián, Merouces, Saramagoso, Vaca Morta, Chan do Areeiro, Chamuscada e de Pedra. A parcela Chamuscada non foi dixitalizada nos anos 2000 do esbozo previo de clasificación, polo que se acepta a súa inclusión.

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de Quintela (Redondela) existe o deslindamento PO-DESC-02/18, aprobado polo Xurado de MVMC de Pontevedra (DOG núm. 179, do 20.9.2022).

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de Cepeda (Pazos de Borbén) respéctase o seu esbozo, que foi revisado no expediente RE22015, consonte a D.T. 13 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de Saxamonde (Redondela) respéctase o seu esbozo.

– Non se admite a proposta de modificación de estremas co monte veciñal da CMVMC de Borbén (Pazos de Borbén), Padróns (Ponteareas) e Louredo (Mos), xa que non achegan suficiente documentación histórica ou actual nin teñen coherencia cos instrumentos de xestión. Deberá tramitar os deslindamentos consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segundo. O MVMC de Nespereira foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 13.11.1979, cunha superficie inicial de 463 ha. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

– Consta contrato de xestión coa Administración forestal de toda a superficie do monte veciñal cos elencos: 3615028, 3615553 e 3615557.

– A CMVMC de Nespereira non dispón dun documento de xestión forestal.

– Constan diversas permutas de terreos con propietarios particulares e expropiacións para o tendido de gas e tendidos eléctricos.

– Consta o Anuncio do 5 de setembro de 2022 (DOG núm. 179, do 20.9.2022) onde se publica o acordo sobre o deslindamento parcial entre a CMVMC de Quintela (Redondela) e a CMVMC de Nespereira (Pazos de Borbén) (expediente PO-DESC-02/18).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 365,87 ha (superficie sen proxección) e 30,27 km (descontados treitos non modificados), respectivamente. Non se modifican as estremas establecidas na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 7.5.1979.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Nespereira (Pazos de Borbén), expediente RE22024, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC de Nespereira da CMVMC de Nespereira proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro (excepto nas estremas en que non se acepta a proposta de modificación: cos MVMC da CMVMC de Borbén, CMVMC Padróns e CMVMC de Louredo)».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Nespereira e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Nespereira clasificado a prol da CMVMC de Nespereira (Pazos de Borbén), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra