DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2025 Páx. 10314

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

DECRETO 9/2025 do 20 de xaneiro, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de estabilización de noiros no porto de Maniños-Barallobre (A Coruña).

Con data do 20 de setembro de 2024 o presidente da Entidade Pública Empresarial (EPE) Portos de Galicia aprobou o proxecto das obras de estabilización de noiro no porto de Maniños-Barallobre (PRG-2023-0118).

A relación de bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no devandito proxecto.

O citado proxecto construtivo completo plasma nun documento técnico as obras necesarias para asegurar a estabilidade dos noiros existentes no perímetro da lonxa do porto de Barallobre.

En concreto, os noiros obxecto de estudo no proxecto rodean o edificio da lonxa por tres caras, leste, oeste e sur, que se corresponden respectivamente cos noiros esquerdo, dereito e posterior, mantendo un recuamento respecto ao destes que se considera insuficiente.

A EPE Portos de Galicia, de acordo coa súa normativa de creación, presenta neste expediente a condición de beneficiaria, e para tal efecto, elevou a correspondente proposta de expropiación á Consellería do Mar, que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto sinalado, xa que os que se identifican como dereito e esquerdo presentan inestabilidades superficiais motivadas por diversas causas, e e ben que, e de acordo coas observacións de campo, se pode comprobar que a masa de terreo mobilizada polas inestabilidades é por agora escasa, a pouca distancia entre o pé e o edificio inmediato a estes fai necesario recualos cunha pendente que cumpra a exixencia máis rigorosa en canto á estabilidade, resultando así necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos que se identifican.

O expediente, que inclúe a oportuna retención de crédito con cargo ao exercicio no que se prevé a conclusión do expediente expropiatorio e a realización efectiva do pagamento, tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

A teor do disposto no artigo 43 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, a aprobación dos proxectos leva implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupacións dos bens e de adquisición dos dereitos para os efectos de ocupación temporal ou expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados polo obxecto daquela, e por aplicación do artigo 17.2 da Lei de expropiación forzosa, a necesidade de ocupación enténdese implícita coa aprobación do proxecto ao figurar neste a descrición material detallada dos bens e dereitos de necesaria expropiación.

A competencia para a declaración de urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por aplicación do disposto no artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude do exposto, e, en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, por proposta da Consellería do Mar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Declararar a utilidade pública e dispoñer a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra de estabilización de noiro no porto de Maniños-Barallobre (PRG-2023-0118) (A Coruña).

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar