Expediente: IN407A 2023/336-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Substitución do CS Vilacornelle 15CCWV para a instalación de telecontrol.
Concello: Narón.
Feitos:
1. O día 17 de xullo de 2023 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de dotar de telecontrol o centro de seccionamento Vilarcornelle (15CCWV) e mellorar a calidade e seguridade do servizo con redución dos TIEPI nos labores de explotación e mantemento da LMT SMR711 denominada Campelo 11.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Substitución do CS Vilacornelle 15CCWV para a instalación de telecontrol (Narón), asinado o día 30.3.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo, e visado o 30.3.2023 co número 22300764.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:
– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
– DOG: 8.11.2023.
– BOP: 23.10.2023.
– Taboleiro de anuncios do Concello: segundo o certificado municipal do 19.4.2024.
O 22.3.2024 presenta desistencia da solicitude de declaración de utilidade pública, tras o acordo previo con todos os titulares dos bens e inmobles afectados, de conformidade co artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Consonte o artigo 50 da citada lei, a presente instalación está exenta do trámite de información pública.
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Narón (informe favorable e condicionados aceptados por UFD), Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas (informe e condicionadas aceptados por UFD).
4. O día 13.1.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27.5.2024).
Segunda. Lexislación de aplicación.
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas.
Proxéctase dotar de telecontrol o centro de seccionamento (CS) Vilacornelle (expediente IN407A 2007/545-1/matrícula: 15CCWV), situado no lugar de Quinta (Santa María do Val), para o que é necesaria a execución das seguintes operacións:
– Xa que o actual CS Vilacornelle non dispón de espazo físico suficiente para a instalación do equipamento telecontrolado, deberase desconectar e desmontar o centro de seccionamento (CS) prefabricado de formigón Vilacornelle existente, así como toda a súa aparellaxe.
– Na pegada que deixará o dito CS Vilacornelle unha vez desmantelado proxéctase a instalación dun novo centro de seccionamento prefabricado de formigón, compacto de manobra exterior, cunha configuración de celas 3L (dúas telecontroladas)+1SSAA (con transformador de tensión 15/0,23 kV para servizos auxiliares), todas elas con illamento e corte en SF6.
– Para a alimentación do novo CS proxectado, proxéctase a instalación dunha nova arqueta sobre a LMTS existente de alimentación ao CS Vilacornelle que se vai desmantelar, desde a cal se tenderá pola canalización autorizada no expediente IN407A 2007/545-1 un novo treito de liña eléctrica de media tensión soterrada, a 15 kV, de 2×12 metros de lonxitude en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×240 mm² Al), coa orixe e remate nos empalmes MT para realizar na nova arqueta proxectada, tras entrar e saír no novo CS proxectado, que substituirá a existente.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato Shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 20 de febreiro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
