I
O Convento do Bon Xesús da Limia é unha edificación singular e senlleira en Galicia na cal concorren os valores arquitectónico –propio da súa formulación edilicia–, artístico e histórico.
O Convento do Bon Xesús da Limia forma parte na actualidade do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG), e conta cun nivel de protección integral no vixente planeamento urbanístico do termo municipal de Xinzo de Limia, ao estar recollido no catálogo do seu Plan xeral de ordenación municipal, aprobado o 12 de maio de 2003.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promoveu a elaboración dun informe xustificativo multidisciplinar en que se describen con profusión tanto os contextos histórico e cultural do inmoble, o seu ámbito de implantación, os seus elementos e partes integrantes, como a súa evolución e o seu uso, e no cal se conclúe a existencia dun valor cultural sobranceiro que xustifica a súa declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento.
II
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
O artigo 1.2 da devandita LPCG establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».
Ademais, o artigo 8.2 establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante, este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.
O artigo 10.1.a) da LPCG define a categoría de monumento como «[...] a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico». Así mesmo, o artigo 88.1.b) da LPCG recolle que se presume un valor arquitectónico nos edificios relacionados co culto relixioso católico e doutras confesións, aínda que perdesen o seu uso, como catedrais, mosteiros, conventos, colexiatas, igrexas, ermidas, capelas, seminarios ou casas reitorais, construídos con anterioridade a 1836.
III
O Convento do Bon Xesús da Limia atópase nun territorio rural singular, á beira da que foi a máis extensa lagoa galega, e localizado nun outeiro a cuxos pés se asenta a aldea de Trandeiras. Construído a principios do século XVI e rexido pola orde franciscana, este convento responde ao esquema clásico monástico e á súa composición típica de igrexa e claustro. Para garantir a autonomía da comunidade, estas dependencias complementáronse cunha serie de construcións auxiliares de finalidade agropecuaria e cunha singular infraestrutura hidráulica.
Mantivo a súa función ata a desamortización de principios do século XIX, cando foi abandonado polos franciscanos e pasou a mans privadas. No século XX, a deterioración e o espolio provocaron a ruína da parte claustral, mentres a igrexa chegou á actualidade en boas condicións.
Este convento é un dos edificios históricos máis significativo da comarca da Limia, con sobranceiros valores arquitectónicos e artísticos, postos de manifesto na monumentalidade das estruturas que permanecen e na decoración singular dalgún dos seus elementos. Considérase unha obra de transición entre o gótico tardío e o primeiro renacemento galego, de cuxa etapa non hai unha gran representación en Galicia. A monumentalidade e a calidade construtiva en cantería das estruturas contrasta coa delicada decoración de elementos, como a portada da igrexa e o pórtico do claustro.
En definitiva, o Convento do Bon Xesús é un ben do patrimonio cultural de Galicia, cun carácter sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma.
IV
Como consecuencia do anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I e en especial no artigo 16 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,
RESOLVE:
Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural inmoble, na categoría de monumento, co nivel de protección integral, o Convento do Bon Xesús da Limia, situado no termo municipal de Xinzo de Limia, conforme a descrición e delimitación recollidas nos anexos desta resolución e efectuar os trámites para a súa declaración.
Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.
Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.
Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Quinto. Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas, á Diocese de Ourense e ao Concello de Xinzo de Limia, que deberá suspender a tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas (deberán ser notificadas as solicitudes á consellería competente en materia do patrimonio cultural), así como os efectos das xa outorgadas, con excepción das de mantemento e conservación. Porén, de acordo co artigo 17.5 da LPCG, esta suspensión de licenzas non afectará as de mantemento e conservación, enténdense dentro destas últimas as intervencións de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración definidas no artigo 40 da LPCG.
As intervencións establecidas no artigo 45 da LPCG que se promovan no contorno de protección delimitado, de xeito provisional, requirirán da autorización por parte da consellería competente en materia de patrimonio cultural.
Sexto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.
Sétimo. Ordenar que se solicite o ditame dos órganos asesores e consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025
María Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación: Convento do Bon Xesús da Limia.
Denominacións secundarias: Convento do Bon Xesús de Trandeiras, Mosteiro de Trandeiras ou Mosteiro do Bon Xesús.
2. Localización:
– Provincia: Ourense.
– Concello: Xinzo de Limia.
– Parroquia: San Pedro da Pena.
– Lugar: Trandeiras.
– Coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89 e fuso 29): X: 610.834, Y: 4.661.976.
– Referencias catastrais das parcelas que abrangue a delimitación: DQ0304300PG16A, 32033A15700473, 32033A15700435, 32033A15700369, 32033A15700434 y 32033A15709003.
3. Descrición.
3.1. Referencia histórica: a orixe do Convento do Bon Xesús de Trandeiras sitúase nos inicios do século XVI. A súa construción, impulsada polo prior do Mosteiro de Xunqueira de Ambía Alonso de Piña, estaría relacionada coa lenda dunha milagrosa aparición da Virxe María co Neno Xesús a Xoán Folgoso, veciño de Trandeiras, lugar pertencente daquela á xurisdición de Alonso de Piña. No ano 1520 comezan as obras, dirixidas por Bartolomé de Nosendo, un dos primeiros artistas portugueses que sabemos que traballou en Galicia.
O convento franciscano estaría composto pola igrexa, o refectorio, o claustro, os dormitorios, a hospedaría e a horta pechada cun muro moi alto de pedra. Ademais, dentro da cerca do mosteiro edificouse unha ermida dedicada a Santa Catalina. Tras a morte do seu promotor en 1544, realizáronse diversas obras posteriores, como a capela da Concepción no ano 1600. É un momento de esplendor do convento con afluencia de peregrinacións desde Castela e Portugal.
O día do Nadal de 1669, un incendio arruinou o convento, pero este foi reconstruído. No ano 1685 caeu un gran tramo de parede pola parte inferior da esquina que dá ao mediodía, que tamén foi reconstruída. Ao longo do século XVIII fixéronse diversas obras e a comezos do XIX as tropas napoleónicas provocaron graves estragos no convento. O 3 de febreiro de 1813 o convento sofre un novo incendio, o que require dunha nova reconstrución. Nese século, o convento foi prisión para algúns relixiosos.
A finais de 1835, a Xunta de Armamento e Defensa da Coruña ordena suprimir os conventos galegos por razóns de seguridade nacional ante os guerrilleiros carlistas. Durante a desamortización de Mendizábal (1836-1837), o convento limiao pasa a mans do Estado español e os franciscanos teñen que abandonalo tras tres séculos de actividade.
No anuncio da poxa do convento no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 27 de abril de 1844 sinálase que o edificio está composto por dúas pezas: cátedra e tulla. Tamén tiña cociña, refectorio, tres cortes, o claustro que daba entrada ao primeiro andar (composto por doce habitacións interiores cun balcón de ferro) e un segundo andar composto por vinte e unha alcobas. Todo estaba traballado en madeira de castiñeiro e en mediano estado de conservación. Tamén se incluía a igrexa, con seis retablos (a metade deles en bo estado), dous púlpitos, varanda e reixa de ferro e mais a sancristía (con trinta e oito gabetas).
Na poxa do 25 de agosto de 1844, o Convento de Trandeiras foille adxudicado a Cesáreo Paz, quen pouco máis tarde lle cede a propiedade a José Romero, veciño de Xinzo de Limia de orixe castelá, quen en 1865 tamén se fai coa horta e outros terreos do convento que foran adxudicados a un irmán del (Gaspar Romero): a horta, o bosque do Cercado e outros terreos de secaño e de arboredo.
Nunha crónica de setembro de 1921 descríbese o mal estado de conservación do convento, no cal permanecían en pé os muros, os pisos e a cuberta. A propiedade foi vendida polos herdeiros de José Romero coa intención de desmantelar o convento e aproveitar as pedras para outras construcións. No ano 1955, o mesmo xornalista relata o ruinoso estado do claustro, que desaparecera en gran parte. A progresiva ruína da zona monástica fixo necesario independizar a igrexa, que se conservou en bo estado, do resto das dependencias, tapiando as portas de conexión entre ambas e adaptando a capela norte para o uso de sancristía.
No ano 1988, o arquitecto J. Javier Suances Pereiro dirixiu unha intervención na cal se saneou e se reconstruíu o claustro, se mellorou a estabilidade estrutural da igrexa, se consolidaron os muros de todo o conxunto, se melloraron os pavimentos... Foi tamén na década dos oitenta cando se executaron as obras dun novo acceso rodado e aparcadoiro, que melloraron a accesibilidade pero desvirtuaron o camiño tradicional.
No ano 1990, o Concello de Xinzo adquire a propiedade do convento e a carballeira que o rodea. A igrexa xa pertencía desde facía anos ao Bispado. Grazas ás doazóns dos veciños, no ano 2017 restaurouse o Cristo na Pedra Fría, importante talla do século XVI localizada nun dos retablos da igrexa conventual. No ano 2023, abordouse a limpeza da zona: recolocáronse os elementos desprendidos do muro; repuxéronse as pezas de cantaría (o que permite recuperar algúns dos pavimentos orixinais do convento e mesmo un antigo curtidoiro de peles); fíxose unha cuberta na torre e instaláronse paneis informativos.
3.2. Descrición do ben: o conxunto que conservamos do Convento do Bon Xesús de Trandeiras está composto por varios elementos salientables que acaban conformando unha unidade que transcende o propio edificio, e que debe preservarse como conxunto: a igrexa e as dependencias conventuais que encerran o fermoso claustro; as infraestruturas hidráulicas que abastecían a facenda, composta por mananciais, canles, fontes, pías etc.; o predio e zonas orixinalmente de horta e de fraga coas construcións anexas de forno alvariza e muros de peche que contornan a propiedade con alturas que acadan ata os tres metros.
Os terreos que conformaron a propiedade conventual rodeaban o edificio nun predio de máis de seis hectáreas de monte e pasteiros que soben cara ao leste. No frondoso bosque de caducifolias que ascenden ata os altos da Madorra e da Costa predominan os carballos.
3.2.1. Igrexa: está composta por unha ampla nave rectangular, unha ábsida alongada de planta poligonal e unha sancristía (antiga capela de Enrique de Novoa). A nave, que interiormente ten unha largura de 10,65 m e un longo que supera os 22,40 m, está cuberta actualmente con bóveda de canón de pedra e divídese en catro tramos separados por contrafortes que se manifestan no interior con pilastras. A nave ten unha considerable pendente ascendendo cara o presbiterio, que está tras unha escalinata de seis chanzos e un arco triunfal lixeiramente apuntado e decorado con motivos xeométricos e vexetais, simulando uns pequenos capiteis á altura do arrinque da curvatura. Sobre este arco, unha fiestra ilumina de fronte a nave, pero encóntrase parcialmente tapada pola bóveda –ao igual que algunha outra do templo–, o que pode ser debido a que a igrexa estivo orixinalmente cuberta cunha estrutura tradicional de tesoiras de madeira, polo que cando se substituíu polo sistema de bóvedas tamén foi necesario reforzar os muros laterais con contrafortes.
A ábsida é de dous treitos e cóbrese cunha fermosa bóveda nervada, cuxos nervios arrincan en ménsulas capitel sobre unha imposta a media altura con medallóns decorados. A porta que comunicaba coa antesancristía orixinal, hoxe en ruínas coma o resto das dependencias monacais, está tapiada.
O primeiro tramo e a metade do segundo da nave están ocupados por unha ampla tribuna con estrutura de madeira –ao igual que a súa escaleira de acceso–, que descansa sobre un arco de pedra moi rebaixado que coincide cos primeiros contrafortes. Outra porta tapiada comunicaría a tribuna coa planta alta do claustro. Nesta mesma zona da entrada está o acceso á torre das campás.
A fachada principal da igrexa é a máis salientable do conxunto. Encóntrase recuada e protexida pola ala oeste do claustro e pola torre que se prolonga nun muro de media altura. Componse en dous tramos separados por unha sinxela imposta de pedra a xeito de aleiro. Un banco corrido de pedra percorre a fachada da igrexa e o lateral da súa torre. A parte inferior acolle a portada de tres arquivoltas moi planas, que van desde un medio punto na exterior ata un conopial moi rebaixado na interior. As súas arquivoltas, con baquetóns de fuste poligonal que arrincan de bases sobreelevadas e compostas, encerran entre elas unha profusa decoración con motivos florais, vexetais e heráldicos, rematados na parte central con outro escudo. Unha cruz queda encaixada entre a portada e a imposta. A parte superior, que remata en outón, conta con dúas fiestras superpostas en vertical, remarcadas e adornadas nas esquinas con motivos florais, baixo as cales se sitúa un nicho con arco de medio punto que acolle a figura en pedra do Neno Xesús.
A torre das campás, de planta cadrada de 4,30 metros, ten un austero tramo inferior sen decoración e moi alto que supera a cornixa da igrexa. Sobre el, un corpo de planta cadrada, con pilastras en esquina que enmarcan os ocos das campás cos tradicionais arcos superiores de medio punto, rematado por unha cúpula de pedra sobreelevada sobre unha base poligonal. Tanto os esquinais de ambos os dous corpos como a cúpula contan con pináculos ornamentais.
As fachadas laterais están exentas de calquera recurso ornamental e unicamente son perceptibles os contrafortes que dividen os tramos e as fiestras estreitas e alongadas que aparecen no centro dalgúns tramos no pano norte e que se minimizan case en bufardas no sur. Algo parecido acontece na fachada posterior, na cal a ábsida poligonal, de menor altura que a nave, con contrafortes nas esquinas perde protagonismo ao acaroárselle o volume da capela de Enrique Novoa (actual sancristía) polo norte, e o da vella sancristía polo sur; aínda así, pode observarse a moldura composta da cornixa e unha das fiestras rectangulares abucinadas cara ao exterior.
A nave da igrexa conserva a súa cuberta de tella cerámica a dúas augas nas cales só destacan os capeados de pedra rematando os outóns. A ábsida cóbrese a cinco augas e a capela, a tres. O resto de dependencias do edificio carecen actualmente de cubertas.
A cantaría das fábricas da igrexa son de moi boa calidade e factura, o mesmo que a da ábsida e da capela actual sancristía.
3.2.2. Claustro: está acaroado ao lateral sueste da igrexa, conta cunha planta rectangular de 23 × 20 m que rodea o patio central aberto de 15,80 × 12,10 m. Unha rigorosa xeometría divide o rectángulo en catro cuarteiróns iguais, que se reforzan cos muros que se tornan macizos e sen decoración nos esquinais e cos algo esaxerados contrafortes que van separando os cuarteis. A delicadeza e levidade da parte inferior contrasta coa do piso superior, pechada, e con fiestras pequenas, que nas escasas partes en que se conservan non manteñen o ritmo da inferior.
Pero o verdadeiramente interesante do claustro son os delicados arcos conopiais moi rebaixados que conforman os pórticos das súas galerías; catro en cada lado longo do cuartel e tres no máis curto, facendo un total de vinte e oito. As columnas nas cales descargan estes arcos apóianse nun peto dun metro de altura, que se abre en cinco puntos. As columnas son de fuste mixtilíneo con tendencia cruciforme, e son semicolumnas arrimadas as que se atopan cos contrafortes ou cos treitos macizos dos esquinais. Parten dunha base que se repite e rematan en capiteis con motivos decorativos de variada temática, sempre vexetal e floral. En realidade compoñen cada arco só tres pezas de pedra, os salmer que comparten co arco contiguo, e a clave, que se decora co pico central característico deste tipo de arcos.
Nas recentes escavacións sacouse á luz na esquina nordeste do claustro o lavatorium, escavado na rocha natural, e as súas canles de desaugamento.
Dúas escaleiras partían das galerías inferiores cara á planta superior do claustro; unha delas seguramente de madeira, situada na esquina nordeste perdeuse totalmente; a outra, de pedra, consérvase íntegra e está embebida no extremo suroeste do muro.
3.2.3. Dependencias conventuais (restos): ocuparían os lados nordés, sueste e suroeste do claustro. O desnivel do terreo fai que os corpos dos lados sur teñan unha planta baixo o nivel do claustro que se abre ao predio exterior.
A ala nordés acollía en planta baixa a antesancristía, o volume que debeu ocupar a escaleira e a sala capitular. Esta ala ten dous volumes acaroados, no extremo norte ao da antiga sancristía e no sueste o corpo que acollía as paneiras de centeo e trigo, o refectorio e a cociña. Baixo o refectorio estaría a adega e o galiñeiro. As celas da planta alta dividiríanse en dous grupos, de catro e cinco cuartos.
A ala suroeste acollía a portaría con porta ao exterior e ao claustro, a continuación catro celas e despois o calefactorio. Acaroado a este, un engadido posterior con forma de torre prolonga e reforza o corpo suroeste. Este volume acollería a enfermaría, da cal se conservan dous balcóns de pedra. Dous grandes arcos abertos nos muros da planta soto deste volume permiten o paso de carros á zona de adega e cortes. O resto da planta soto estaría ocupada pola palleira e diversas cortes. A planta superior estaría ocupada tamén por celas.
A ala sueste está separada da galería do claustro por un corredor, o que fai supoñer que se trate dun engadido ou reconstrución. As plantas baixas e altas acollerían celas e a planta soto, almacéns.
O ritmo das ventás destas dependencias suponse que responde ás necesidades interiores, xa que se manifesta ao exterior sen a regularidade que debería supoñerse nun edificio da época renacentista e nin sequera os ocos manteñen a forma, xa que algúns contan con mainel superior e outros non. Consérvanse os balcóns de pedra voados do novo volume da enfermaría.
3.2.4. Muro perimetral: circunda o perímetro do predio orixinal do convento. É de pedra con alturas considerables que chegan ata os tres metros en certas zonas.
3.2.5. Forno: edificación illada situada uns 15 m ao nordés da cociña. É de planta rectangular, cunha superficie de 55 m2 e unha altura. Os muros son de cantaría e a cuberta de tella a dúas augas.
3.2.6. Alvariza: amplo recinto oval situado tras a anterior edificación, delimitado por un muro de cachotaría de pedra en seco.
3.2.7. Infraestruturas hidráulicas: os regatos que se forman nas valgadas do monte en que se localiza o convento permitirían a rega da horta e da súa explotación agrícola. Para o consumo humano, hai referencias a unha captación nos montes de Solveira, que non puido determinarse polo momento.
As captacións que chegan polo leste distan pouco máis de 200 m da edificación. A máis antiga delas é un manancial con corte na rocha e a máis recente é unha mina construída en 1754, ambas as dúas con saídas que conflúen nun decantador e que continúan por unha levada que discorre en dirección leste-oeste e que abastece a fonte e o convento, concretamente a zona da cociña. A maior parte desta canle de auga está constituída por pedras talladas para tal fin, sen que haxa evidencias de que contase con tapas de protección superior.
Outra mina próxima á fonte de cano foi construída en 1709. Conta cunha bóveda de pedra e cunha escaleira de acceso tamén de pedra. Dado que a cota desta mina é inferior á do claustro, suponse que se utilizaría para a rega das hortas e dos prados e para as necesidades da facenda. Actualmente, esta mina abastece un depósito construído recentemente en pedra.
Nas recentes escavacións, ademais do lavatorium do claustro, atopáronse zonas con pías para o curtido do coiro e outros interesantes elementos.
3.2.8. Bosque: a contorna próxima que rodea o edificio posúe unha exuberante vexetación formada por castiñeiros, carballos, freixos, pradairos e outras especies vexetais que colonizaron boa parte dos terreos dedicados orixinalmente ao cultivo e que se mesturan coas construcións e as infraestruturas hidráulicas descritas. Recibe o nome do Bosque, cando é esta unha expresión que raramente se utiliza no galego, agás para referirse a un concepto de transcendencia máxica que vai máis alá do propio espazo físico.
3.2.9. Descrición material: a pedra é o material de construción predominante, empregado en case que todos os elementos que permanecen. Nos muros empregáronse distintos tipos de fábrica da pedra: cantaría nos edificios conventuais e cachotaría nos elementos construtivos auxiliares.
A cantaría empregada nos muros é de boa calidade, o que posibilitou que permanecese en pé boa parte das estruturas a pesar do abandono e do espolio. Son muros de dúas caras duns 80 cm de espesor, coa cara exterior con perpiaños ben careados e picados e coa interior normalmente dunha cachotería con pedras de grandes dimensións e ben careadas. Os muros da planta soto das dependencias conventuais están constituídos por partes de cantaría con pedras sen escuadrar e partes con cachotaría. Na igrexa incluso os interiores son perpiaños de boas dimensións, o mesmo que as doelas da bóveda da nave cos seus lunetos e tamén a plementaría da bóveda nervada da capela maior. O granito das columnas e dos arcos do claustro é máis brando, polo que os elementos decorativos que o caracterizan se resenten pola degradación da pedra.
Aínda que parte dos muros semellan de xunta seca, a maioría estarían encintados con cal, que aínda se conserva nos da igrexa. Os ocos posúen unha execución coidadosa, con arcos de descarga sobre as lumieiras e frecuentemente conformando un mainel superior para facilitar a iluminación e ventilación das estancias. A carpintaría sería de madeira e posiblemente sen vidros.
O pavimento de lousas de pedra da igrexa tamén é de gran calidade, cun despezamento acompasado ás partes do templo. Na parte máis próxima ao presbiterio márcanse as diagonais, coma querendo facer referencia un cruceiro que non existe, aínda que puido ser proxectado. Nas galerías do claustro tamén se conserva o pavimento orixinal de lousas de pedra.
As estruturas de madeira horizontal empregadas en todos os edificios do convento só permanecen na igrexa. O mesmo sucede coa tella cerámica empregada na cuberta das edificacións.
3.2.10. Bens inmobles artísticos vinculados: a igrexa conta con cinco retablos de madeira que albergan varias tallas de madeira, algunhas de notable calidade artística. Estes cinco retablos considéranse parte do ben de interese cultural:
• Retablo maior: localizado no presbiterio, de estilo Rococó (século XVIII) e realizado en madeira. Nel atópanse as tallas de San Francisco (século XVIII), Santo Domingo (século XVIII), Asunción (século XVII) e Bo Xesús (obra barroca).
• Retablo de Santo Antonio: localizado no lado da epístola, é de estilo Rococó e realizado en madeira. Nel atópanse as imaxes de Santo Antonio, San Diego e San Francisco (século XVIII).
• Retablo da Asunción: localizado no lado do evanxeo, de estilo Rococó e realizado en madeira. Contén as seguintes esculturas: Asunción (obra barroca), Santa Clara, San Bieito Preto (século XVIII), San Xoán e a Virxe dun Calvario (obra barroca).
• Retablo do Cristo sobre a Pedra Fría: localizado no lado da epístola, data do século XVIII e nel consérvase unha das tallas máis relevantes da igrexa, a do Cristo que lle dá nome, dun intenso dramatismo. Esta escultura do século XVI está realizada en madeira de castiñeiro e mide 1,50 m de alto e 70 cm de ancho. A súa autoría é descoñecida, pero relacionada con algún seguidor do coñecido como Mestre de Sobrado. É unha figura de especial interese polo tema que representa, o Cristo sentado nunha pedra esperando o momento da crucifixión. Este é un tema de orixe flamenca, que gozou de moita popularidade en Europa nos séculos XV e XVI, pero do que en España só se coñecen uns poucos exemplos.
• Retablo da Durmición de María: localizado no lado da epístola, data do século XVIII e está realizado en madeira. A imaxe da Durmición de María é unha obra do século XVI atribuída ao Maestro Juan, un escultor de orixe flamenca vinculado ao taller de Cornielles de Holanda. É unha escultura de notable calidade artística, aínda que en mal estado de conservación, que representa a Virxe tendida sobre o seu leito de morte. A pintura do fondo representa uns anxos velándoa. Esta escultura situábase nun retablo do cal sabemos que foi encargado ao Maestro Juan no ano 1537 e policromado por Pedro Bello no ano 1538, e que completaba a escultura de Santa Catalina, que foi roubada no ano 1988.
3.2.11. Patrimonio inmaterial relacionado: dúas lendas tratan de explicar a fundación do Convento de Trandeiras, mesturando o mítico con partes que teñen fondo histórico:
Na primeira delas, relátase a aparición dunha imaxe do Neno Xesús, segundo uns no mesmo lugar do convento e segundo outros na mesma lagoa nun lugar próximo a Trandeiras. Acharon a imaxe uns cabaleiros portugueses que decidiron construír unha capela, a cal pronto tivo moita concorrencia de peregrinos e doazóns, o que motivou a construción posterior do convento.
Na segunda, é a Virxe quen se lle aparece en soños a Xoán Folgoso, un veciño humilde de Trandeiras, e mándalle construír alí unha ermida. Comezou unha capela de dez por doce pés, pero outro veciño máis influente, chamado Alonso Díaz, denunciou o feito ante o chantre da catedral de Ourense, quen mandou derrubar o feito. Pero unha nova aparición da Virxe, neste caso ao denunciante, fixo que se retomasen as obras e se completase a capela, agora xa co beneplácito do chantre, de forma que axiña foi lugar de peregrinación con afluencia de fieis da contorna e sobre de todo de Portugal.
Outras lendas ligan Trandeiras coa veciña torre da Pena, cos consabidos túneles baixo da lagoa que lles permitían aos frades fuxir en situacións de perigo.
Na tradición oral da zona conserváronse tamén algúns contos, froito da presenza dos frades franciscanos durante máis de trescentos anos na comarca da Limia, como o titulado «O director dun convento de frades».
Patrimonio inmaterial pode considerarse tamén a aparición do convento na literatura creativa de autores coma Rafael Laso, Cándido Paniagua, Riveiro Coello ou Carlos Casares, co relato de Frei Luis de Morgade, curador de Carlos II o enfeitizado, que era frade campaneiro no Convento do Bon Xesús.
3.3. Contorna: o Convento do Bon Xesús da Limia atópase ao norte do concello de Xinzo, algo separado polo nacente do núcleo de Trandeiras, a unha altitude de uns 670 m, na aba norte da dorsal que separa o val da Antela do de Trasmiras. A elevación de pouco máis de 50 m sobre a chaira permitíalle, antes de secar, unha excelente vista sobre a lagoa ao oeste. A posición elevada fai que a torre da igrexa e o edificio teñan unha posición dominante sobre a aldea e a lagoa case en competencia coa veciña torre da Pena, que se ergue uns 2 quilómetros ao suroeste.
3.4. Accesos: na estrada provincial OU-1102, que comunica Xinzo de Limia e Vilar de Barrio, hai que tomar un desvío ao noroeste do lugar de Trandeiras. O convento está no límite leste deste asentamento rural. Ao oeste do convento hai un aparcadoiro e, de aí, un camiño ascende en dirección sueste ao espazo de entrada.
Desde esta praza accédese mediante unha escalinata a un pequeno adro elevado que ten á fronte a portada principal da igrexa e á dereita a entrada ao que foi a portería do convento, unha pequena estancia que comunica directamente co claustro. Tamén desde o nivel da praza hai unha porta de carro que comunica coa horta de poñente e que se dirixe ao arco do segundo acceso que parte do camiño que vai de Trandeiras a Solveira, e que se dirixe ao volume final da ala de poñente, atravesando dous amplos arcos para comunicar coas hortas e terras traseiras do convento.
3.5. Uso.
O uso histórico deste ben foi o de convento da congregación franciscana. Acolleu unha comunidade de frades desta orde mendicante que desenvolveu a vida monástica e o culto na ampla igrexa, que tamén foi parroquial. Para o sustento da comunidade, utilizaron os produtos das terras pertencentes ao convento, cun singular aproveitamento dos recursos hídricos. Tras a desamortización no século XIX, ao pasar a mans privadas, as terras mantivéronse cultivadas, pero o edificio foi decaendo ao non se lle dar máis uso que o de acoller cortes para o gando.
Desde entón só consta que a igrexa manteña a súa funcionalidade como templo dedicado ao culto católico, dependente do Bispado de Ourense. A antiga capela de Enrique Novoa está dedicada a sancristía na actualidade.
O resto de dependencias do convento, por estaren en estado ruinoso, non teñen actualmente uso nin poden acollelo. O predio en que se insire tampouco ten ningún aproveitamento.
3.6. Estado de conservación.
3.6.1. Igrexa: despois das obras de reforma desenvolvidas nas décadas pasadas, o estado de conservación da igrexa é bo e permite que se siga mantendo o culto nunhas condicións de confort aceptables. Con esas obras reforzouse a cimentación e mellorouse a fábrica dos contrafortes, estabilizouse a bóveda con tirantes de cable de aceiro, reformouse a cuberta coa típica solución de tella cerámica sobre fibrocemento, limpouse e encintouse a pedra. As instalacións, carpintarías e outros elementos de madeira están en bo estado, o mesmo que o lousado do pavimento orixinal. Con todo, sería necesaria a limpeza e rexuntado no exterior dalgúns paramentos, como o da ábsida, onde hai perpiaños desprazados nun dos contrafortes, e a limpeza e arranxo da cuberta, sobre todo na parte norte, na ábsida e na capela.
3.6.2. Claustro: consérvanse os elementos pétreos do pórtico da galería da planta baixa –elemento de maior valor artístico do claustro–, aínda que os seus elementos decorativos sufriron a degradación da pedra (en especial os capiteis e as columnas) e presentan mutilacións nalgunha das bases. Tamén semella que se conserva boa parte das lousas do piso. Non obstante, os paramentos superiores do claustro están incompletos e desapareceu toda a estrutura horizontal, a cuberta, a carpintaría e o resto de elementos desta parte do convento.
3.6.3. Dependencias conventuais: dos volumes dispostos arredor do claustro só se conserva parte dos muros exteriores e algúns interiores. Os muros que permanecen conservan parte dos ocos e outros elementos construídos en pedra, como algún balcón e unha cambota. O estado de conservación do claustro e das dependencias é moi malo, pero os restos que se conservan amósannos unha ruína máis ou menos estabilizada.
3.6.4. Construcións auxiliares: o forno localizado ao leste foi rehabilitado recentemente, polo que o seu estado de conservación é bo. O resto das dependencias que acollían funcións auxiliares (cortes, almacéns, etc.) atópanse arruinadas.
3.6.5. Infraestrutura hidráulica: na actualidade estase executando unha intervención de restauración desta infraestrutura, polo que se agarda que cando finalice o seu estado de conservación sexa bo.
3.6.6. O Bosque: a vexetación do terreo que rodea a edificación conventual encóntrase en bo estado. As intervencións que se realicen no contorno de protección proposto deberán procurar o mantemento dos seus valores ambientais.
4. Valoración cultural:
O Convento do Bon Xesús da Limia é un inmoble histórico asentado nun territorio rural singular, á beira da que foi a máis extensa lagoa galega, ben incardinado nun territorio a media ladeira coa visión sobre a zona húmida, pero optimizando o aproveitamento dos recursos hídricos, do asollamento, da fertilidade do terreo para cultivos e das zonas altas boscosas.
Ben que as fontes históricas fan referencia a varios mosteiros de orixe medieval na Limia, ningún deles acadou nin a entidade suficiente nin a estabilidade no tempo para que chegasen aos nosos días as construcións que acolleron esas comunidades. Por tanto, o Bon Xesús é un ben representativo da comarca da Limia na cal, seguramente pola proximidade dos grandes focos de Celanova e Allariz, non callaron edificios monacais salientables. A súa fundación ex novo xa na época moderna tamén resulta singular.
Tal e como establece o artigo 88.1.b) da LPCG, a este convento de principios do século XVI presúmeselle o valor arquitectónico, posto de manifesto na súa monumentalidade. Ademais, diversos elementos deste convento, coma o pórtico do claustro ou a portada e os retablos da igrexa, presentan un gran valor artístico. Tamén hai que salientar a singularidade da infraestrutura hidráulica entre os edificios monacais galegos.
Encádrase nun momento artístico de transición, entre o gótico tardío e un incipiente estilo renacentista, que deu relevantes obras en Portugal e no resto de España, pero do que en Galicia non hai unha gran representación.
A construción en pedra destaca pola calidade da súa cantaría, o que posibilitou a permanencia dos restos a pesar dos infortunios e abandono padecidos. A bóveda nervada da capela maior, a bóveda da nave da igrexa, o arco rebaixado que sostén a tribuna e os arcos do claustro son mostras dunha depurada técnica construtiva que cómpre valorar.
Tanto a igrexa coma as partes que se conservan do edificio conventual e construcións anexas que chegaron ata nós son as orixinais, conservadas desde a exclaustración de 1836, con moi pequenas reformas na ala sur que acolleu cortes mentres foi propiedade particular e que en boa medida xa foron revertidas. Podemos considerar que o único elemento «extemporáneo» sería a vía de acceso e aparcadoiro construídos na década de 1980, o que alterou o camiño de acceso tradicional ao convento.
En canto ao valor artístico, as partes con maior interese do conxunto conventual son a portada da entrada e o arco triunfal do presbiterio da igrexa, ambos os dous elementos cunha profusa decoración, e o pórtico do claustro. O estilo desta obra pode encadrarse nun momento de transición entre o gótico e o renacemento, tomou elementos do mudéxar toledano (posiblemente pola influencia do seu promotor, Alonso de Piña, oriúndo de Toledo) e do estilo manuelino portugués (pola influencia do seu mestre de obras).
A iconografía plasmada por hábiles canteiros, capaces de recrearse na sutileza dos detalles, utiliza profusamente a flor de loto, que no amencer e no solpor emerxe e volve mergullarse nas augas mansas, posiblemente como referencia á dualidade vida-morte.
No artigo 1 da LPCG faise referencia a que os elementos patrimoniais teñen que servir como ferramenta para a cohesión social e fundamento para a identidade cultural, pero tamén se fai referencia ao desenvolvemento sostible, algo que no Convento de Trandeiras se manifesta na singular infraestrutura hidráulica que permite un aproveitamento da auga para regar as terras, para o consumo de persoas e gando ou para a curtido das peles, sen esquecer o seu compoñente lúdico. No relativo ao compoñente social, hai que indicar que os limiaos recoñecen o Convento de Trandeiras como propio e, mesmo en momentos en que foi propiedade privada, nunca deixou de recibir visitas e admiración e o propio Concello de Xinzo de Limia promoveu a súa defensa cando se quixo espoliar para o aproveitamento da súa pedra e cando a actividade dunha canteira próxima lle provocou danos.
O Convento do Bon Xesús é un monumento promovido por un relevante persoeiro da Galicia do século XVI, Alonso de Piña, eclesiástico relevante no Bispado de Ourense, prior, vicario xeral e mecenas, tamén vinculado a outro importante establecemento monástico, como foi Santa María A Real de Xunqueira de Ambía. Tamén hai que mencionar o ata o de agora descoñecido mestre director das obras, Bartolomé Nosendo.
En conclusión, o Convento do Bon Xesús da Limia é un ben do patrimonio cultural de Galicia, cun carácter sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma.
5. Réxime de protección:
5.1. Natureza e condición:
– Natureza: material.
– Condición: inmoble.
– Categoría: monumento.
– Interese cultural: arquitectónico, artístico e histórico.
– Nivel de protección: integral.
5.2. Determinacións respecto á demolición total ou parcial ou a retirada forzosa de elementos, achegas ou construcións no ben ou no seu contorno de protección:
Recoméndase reducir o impacto do novo acceso e tratar de recuperar o camiño tradicional.
5.3. Directrices para futuras intervencións no ben:
De acordo co establecido no artigo 41 da LPCG, ao corresponderlle o nivel de protección integral, o Convento do Bon Xesús e todos os seus elementos e compoñentes deberán conservarse de forma íntegra nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.
De acordo co establecido no artigo 42 da LPCG, as actuacións autorizables serán as de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.
As actuacións de rehabilitación poderán autorizarse sempre que o proxecto de intervención garanta a conservación dos valores culturais protexidos e que se trate de adaptacións necesarias para adecuar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, confortabilidade ou salubridade, ou para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais que garanta a súa conservación e o acceso público a el.
No marco dunha actuación de rehabilitación e con carácter complementario a esta, tamén poderán autorizarse actuacións de ampliacións en planta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e se resolvan como volumes diferenciados.
As intervencións deberán seguir os criterios recollidos nos artigos 44 e 89 da LPCG.
O plan de conservación proposto poderá restrinxir as intervencións autorizables e mentres este non se aprobe só será posible realizar actuacións de investigación, de mantemento ou parciais de conservación, de consolidación, de restauración ou de reestruturación puntual co obxecto da adecuación funcional para potenciar os usos existentes e mellorar as condicións de seguridade funcional, accesibilidade e salubridade que non precisen da rehabilitación integral do monumento.
5.4. Plan de conservación:
No caso das obras que vaian máis aló da mera conservación do ben, e de acordo co establecido no artigo 90 da LPCG, con esta declaración establécese a obriga de redactar un proxecto ou plan integral de conservación que teña por finalidade guiar as intervencións, co obxecto de manter a integridade do ben patrimonial a través do entendemento e a interpretación crítica da súa significación cultural e de procurar a súa utilización de forma sustentable.
5.5. Actuacións no contorno de protección: deben resultar harmoniosas coas condicións características do ámbito e deberán procurar a súa integración en materiais, sistemas construtivos, volume, tipoloxía e cromatismo, así como garantir a contemplación adecuada do conxunto conventual. Con este fin, deberán seguir os criterios establecidos no artigo 46 da LPCG.
As intervencións establecidas no artigo 45 da LPCG deberán contar coa autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.
5.6. Réxime xeral: esta resolución determina a aplicación inmediata provisoria do réxime de protección previsto na LPCG para os bens xa declarados, segundo o seu artigo 17 e, complementariamente, o establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), que de forma resumida supón:
– Autorización: as intervencións que se pretendan realizar sobre o ben e as súas partes integrantes terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.
– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
– Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.
– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente, sen prexuízo das necesarias condicións e limitacións que poidan ser impostas por cuestións de seguridade e funcionalidade das actividades propias no ben e no seu contorno de protección.
– Transmisión: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozo dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.
– Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.
ANEXO II
Delimitación do ben e contorno de protección
1. Delimitación do Convento do Bon Xesús da Limia: inclúense as partes edificadas ou que o estiveron no seu momento, por tratarse dunha construción que, pese a ter diferentes partes, é moi compacta e con límites ben definidos: a igrexa, as dependencias monacais co seu claustro e as edificacións anexas do convento. A zona de acceso modificouse substancialmente nos anos oitenta do século XX, polo que non se considera oportuno incluíla, agás o adro elevado na entrada, que forma parte do conxunto orixinal. Considéranse tamén como partes integrantes do ben aqueles elementos que teñen unha relación inseparable con este e que dalgún xeito o completan e permitiron o seu funcionamento autónomo. Así, inclúese na parte sur o espazo pechado da horta e na posterior as zonas que inclúen o forno, a alvariza e as infraestruturas hidráulicas, coa fonte arcada, as canles de pedra, a fonte de cano, as pías, os alxibes e os dous mananciais que servían a infraestrutura.
2. Contorno de protección: no plano de ordenación Trandeiras. Número 71, do Plan xeral de ordenación municipal de Xinzo de Limia, figura delimitado cunha liña descontinua de cor azul a delimitación do contorno de protección. A delimitación do contorno de protección do ben considérase axustada á referida do PXOM do Concello de Xinzo de Limia.
3. Delimitación gráfica do ben:
