DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2025 Páx. 13310

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se publican as subvencións anuais da Comunidade Autónoma de Galicia concedidas ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia para atender os gastos de funcionamento, no ano 2024.

A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas (DOG núm. 165, do 31 de agosto), establece no seu artigo 31 que a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgará ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia, e que así o soliciten en cada exercicio, subvencións anuais non condicionadas para atender os gastos de funcionamento en que tales formacións incorran no territorio da Comunidade Autónoma. Estas subvencións recóllense expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos (BOE núm. 160, do 5 de xullo), dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas.

O artigo 33 da Lei 9/2015 fixa o criterio de repartición do importe da subvención en proporción ao número de escanos e ao número de votos obtidos por cada formación nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia. As correspondentes resolucións da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias dos días 9 de xaneiro de 2024 e 1 de abril de 2024 fixaron, de conformidade co establecido na lei, o importe da subvención que corresponde a cada unha destas formacións políticas no exercicio 2024.

Tendo en conta o anterior, as cantidade aboadas a cada formación política con representación no Parlamento de Galicia son as seguintes:

Formación política

Importe da subvención

Partido Popular

1.039.041,45 €

Bloque Nacionalista Galego

647.004,89 €

Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE

293.354,04 €

Democracia Ourensana

20.599,62 €

Total

2.000.000,00 €

O artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das entidades vinculadas ou dependentes delas, dispón que «A Administración xeral da Comunidade Autónoma publicará, dentro dos tres meses seguintes á súa concesión, a información relativa ás subvencións outorgadas ás formacións políticas e ás fundacións e entidades vinculadas no exercicio anterior, coa indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade, beneficiarios ou beneficiarias e identificación da normativa reguladora. A publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do órgano concedente, dunha maneira clara, estruturada e entendible para as persoas interesadas, de modo que figuren nun mesmo documento os beneficiarios ou beneficiarias, o importe e os conceptos relativos á subvención de que se trate, e en formatos reutilizables».

Á vista de todo o anterior,

RESOLVO:

Facer pública a información indicada da forma prevista no artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das entidades vinculadas ou dependentes delas.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais
e Parlamentarias