A continuación, recóllese a información exixida polo artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 14 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena Galluda.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena Galluda, sito no concello da Laracha (A Coruña), e promovido por Vento Laracha, S.L., cunha potencia de 3,45 MW.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Vento Laracha, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.10.1 do informe de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 47.890 euros, dos cales 19.156 euros corresponderán á fase de obras e 28.734 euros á de desmantelamento do parque eólico.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas consideracións establecidas no informe de impacto ambiental (IIA).
5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.
6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 1.8.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo coas condicións establecidas no informe de impacto ambiental formulado o 1.8.2023 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade), o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables do Servizo de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo cos puntos 4.4.7 e 4.5.1.6 do IIA, respectivamente.
7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental actualizado de acordo coas consideracións establecidas no informe de impacto ambiental do 1.8.2023.
8. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegará toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas outorgadas e no informe de impacto ambiental.
9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 16 de agosto de 1983, a Consellería de Industria, Enerxía e Comercio da Xunta de Galicia autorizou á empresa Energía de Galicia, S.A. a instalación dun xerador eólico de 55 kW no concello da Laracha.
2. Mediante a Resolución do 2 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Industria, autorizóuselle á empresa Energía de Galicia, S.A. a ampliación do xerador eólico de Pena Galluda, no municipio da Laracha (A Coruña), para unha potencia de 660 kW.
3. Mediante a Resolución do 18 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, aprobouse o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada aeroxerador de 660 kW de Pena Galluda.
4. O 22.3.2002, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de posta en servizo definitiva para o xerador eólico de Pena Galluda.
5. Mediante a Resolución do 26 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do aeroxerador de 660 kW denominado Pena Galluda, propiedade da empresa Energía de Galicia, S.A., a favor da sociedade Vento Laracha, S.L.
6. O 25.11.2020, a promotora, Vento Laracha, S.L., presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Pena Galluda ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Esta modificación consiste, de forma xeral, na retirada do aeroxerador actual e na instalación dunha nova máquina, de maiores dimensións e potencia nominal.
7. O 1.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas) notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
8. O 23.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
9. O 23.6.2021, de acordo co previsto no artigo 45.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a documentación do expediente para os efectos de iniciar o procedemento de avaliación ambiental simplificada.
10. O 23.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que: «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal da Laracha aprobado definitivamente o 30.6.2003) e as coordenadas do aeroxerador recollidas na memoria, conclúese que a súa posición cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».
11. Con respecto ao trámite ambiental, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) solicitou informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Turismo de Galicia, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Formalizada a tramitación ambiental, o 1.8.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (actualmente, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) formulou o informe de impacto ambiental do parque eólico Pena Galluda (renovación tecnolóxica), que se fixo público polo Anuncio do 3 de agosto de 2023 da dita dirección xeral da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 156, do 18 de agosto).
12. O 6.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Pena Galluda á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.
13. Mediante o Acordo do 4 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto parque eólico Pena Galluda, no concello da Laracha (expediente IN408A 2020/173).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 29.1.2024. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Laracha) e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante o trámite de información pública non se recibiron alegacións.
14. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Hidroeléctrica de Laracha, S.L., Concello da Laracha e Vantage Towers, S.L.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Hidroeléctrica de Laracha, S.L., o 8.2.2024. O promotor prestou a súa conformidade co dito condicionado.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
15. O 26.1.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe en que se conclúe que: «En resposta á consulta recibida, sobre os dereitos mineiros existentes na área de afección das infraestruturas que comprenden o proxecto: repotenciación parque eólico Pena Galluda, A Laracha, A Coruña (decembro 2023), realizado por Fausto Núñez Casamayor, enxeñeiro de camiños, canais e portos, colexiado nº 28614, unha vez consultados os datos que constan na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación, infórmase que non existe ningún dereito mineiro afectado».
16. O 14.2.2024, o Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural emitiu certificado en que se indica: «Que segundo os datos que constan neste servizo, no espazo territorial proxectado para a devandita infraestrutura eléctrica non hai montes públicos ou de xestión pública, nin montes veciñais en man común afectados».
17. O 10.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático requiriulle ao promotor o documento definitivo adaptado do proxecto de execución de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
18. O 11.7.2024 Vento Laracha, S.L. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e presentou o proxecto de execución refundido denominado «Repotenciación parque eólico Pena Galluda, A Laracha (A Coruña), xullo 2024», asinado o 11.7.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Roberto Gómez Rodríguez e polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Fausto Núñez Casamayor.
19. O 26.7.2024, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto do parque eólico Pena Galluda. O 25.9.2024 e o 23.1.2025 emitiu respectivas correccións de erros.
20. O 31.7.2024, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
21. O 14.10.2024, a promotora solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
22. Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pena Galluda.
23. O 30.10.2024, en cumprimento da condición 3 da Resolución do 21 de outubro de 2024 mencionada no antecedente de feito vixésimo segundo, a promotora achegou as separatas do proxecto de execución para Retegal e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.).
24. O 7.11.2024, esta dirección xeral remitiulles a Retegal e Retevisión I, S.A. as separatas achegadas pola promotora o 30.10.2024, e solicitoulle a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.
25. O 2.12.2024 e o 10.12.2024 Retevisión I, S.A. e Retegal, respectivamente, emitiron os seus condicionados técnicos. O 9.12.2024 e o 12.12.2024 a promotora achegou a súa conformidade cos mencionados condicionados.
26. O 3.12.2024, a promotora achegou a autorización emitida o 2.12.2024 pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o parque eólico.
27. O 24.1.2025, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas da Coruña emitiu informe en relación co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en que conclúe que: «Vista a documentación relativa aos bens e dereitos do parque eólico Pena Galluda presentada e, de acordo cos obxectivos expresados na condición legal e técnica primeira, informo que non se aprecian limitacións á constitución de servidumes ás cales se fai referencia no artigo 161 do Real decreto 1955/2000».
28. O 28.1.2025, a promotora achegou a relación de bens e dereitos afectados definitiva.
29. O parque eólico Pena Galluda conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 3,45 MW, de acordo coa comunicación do xestor da dita rede do 10.1.2022.
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
