En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao servizo xurídico administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra o 28.2.2024, destacando que o motivo fundamental polo que se acordou denegar a clasificación obedecía á falta de proba sólida e fidedigna do aproveitamento consuetudinario por parte dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) do lugar de Asperelo sobre o monte comunal de Asperelo Fenteira ou Chivadeiro, parcela catastral 36047A120011380000LB, obxecto do presente expediente de clasificación.
Segundo. O 22.3.2024 notifícase á CMVMC de Asperelo a resolución de non clasificación e o 14.4.2024, dentro do prazo establecido, presenta recurso de reposición. Xuntan escrito explicativo do uso do monte como veciñal apoiado na demanda e conciliación no Xulgado de Paz de Rodeiro do ano 1914, ortofotos de 1957 e 2008, posible contradición de informes históricos dos anos 2019 e 2022 e diversas declaracións xuradas dos veciños do lugar de Asperelo e Barrio. Inclúe na súa alegación a parcela catastral 36047A120011590000LI que non foi obxecto de incoación.
Varios interesados presentan alegacións, dentro do prazo establecido, ben que son reiteracións de cuestións xa expostas ao longo do procedemento.
Terceiro. Analizado o expediente de referencia, así como a nova documentación achegada, emítese a seguinte proposta de resolución, con base nos seguintes feitos e fundamentos de dereito.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte as súas resolucións de acordo co preceptuado no artigo 123 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como o artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que manifesta o seguinte:
«As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio Xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei reguladora desta xurisdición».
Segundo. Como cuestión preliminar, cómpre manifestar que o principal motivo tomado en consideración polo Xurado Provincial de Montes de Pontevedra á hora de denegar a clasificación do monte Fenteira ou Chivadeiro como monte veciñal en man común a prol dos veciños promotores, obedece a que non quedaba acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común.
Sentada esta base, e tomando como punto de partida a nova documentación achegada, debe valorarse se esta é suficiente para xustificar un cambio no criterio sentado sobre por petición de clasificación por parte do Xurado de Montes, e, a conclusión á que ha de chegarse unha vez analizada esta é negativa, é dicir, debe entenderse que non está suficientemente acreditado o aproveitamento dos veciños do lugar de Asperelo.
En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado, por unanimidade dos seus membros, acorda: desestimar o recurso de reposición presentado pola CMVMC de Asperelo (Rodeiro), contra a resolución do Xurado Provincial de Clasificación de Montes do 28.2.2024 en que se acordaba a non clasificación do monte Fenteira ou Chivadeiro.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 11 de febreiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
