En sesións que tiveron lugar os días 21, 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de novembro de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 26 de setembro de 2024 (DOG núm. 191, do 3 de outubro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de recursos naturais e forestais,
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, tras revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 16 de novembro de 2024, anular as preguntas número 7 e 50 e a 81 de reserva. En consecuencia, a 7 pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 82 e a 50 pola 83.
Modificar o modelo de respostas no relativo á pregunta número 70, xa que a resposta correcta pasa a ser a a).
Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.
Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación deste exercicio acordados polo tribunal na sesión do 30 de outubro de 2024, estableceuse que o superarán as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes, determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Subsidiariamente, se se dá o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Realizada a corrección na sesión que tivo lugar o 11 de febreiro de 2025, o número de persoas aspirantes que acadaron, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos, non acadou o número máximo determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas (42), polo que, aplicado o criterio subsidiario que establece a superación do exercicio polas persoas aspirantes que teñan as mellores notas, sempre que acaden en cada unha das partes do exercicio o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, acadaron a puntuación mínima de cincuenta (50) puntos un total de 169 persoas aspirantes, e fixouse en 37,5 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos previstos na base II.1.1 da convocatoria.
Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 16 de novembro de 2024, correspondente ao primeiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de recursos naturais e forestais, convocado pola Resolución de 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).
Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, o Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo) modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da Resolución do 16 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo, contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
Bran Casal Pereira
Presidente do tribunal
