Denominación: área de rehabilitación integral Meicende-O Petón.
Ámbito: urbano de carácter descontinuo.
Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.
Antecedentes de feito:
1. O 1 de marzo de 2024 o Concello de Arteixo presenta ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) unha solicitude para a declaración dunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) na área urbana de Meicende-O Petón no seu termo municipal. Coa solicitude xúntase certificado do acordo adoptado ao respecto polo Pleno da Corporación, na súa sesión do 29 de febreiro de 2024.
2. O ámbito comprende unha superficie de 63.091 m² que abrangue o solo clasificado polo planeamento municipal como solo urbano consolidado con cualificación de uso global residencial, incorporando os asentamentos orixinais de Sobrado, Meicende e Torroal.
3. A declaración da ARI solicitada foi obxecto de informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, polas unidades competentes do IGVS.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente, o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos, como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías consideradas nas alíneas anteriores, é dicir, cando o seu ámbito non pertenza nin a ARI de conxunto histórico nin a ARI rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, cincuenta vivendas.
2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8, o procedemento para a declaración das ARI.
No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.
3. De conformidade co artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e co 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse mediante unha resolución da Presidencia do IGVS, por solicitude dos concellos interesados.
Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,
RESOLVO:
Declarar a área de rehabilitación integral Meicende-O Petón de ámbito urbano de carácter descontinuo, no termo municipal de Arteixo, segundo o ámbito recollido no antecedente segundo e delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

_fmt.png)