Denominación: área de rehabilitación integral rural das Neves.
Ámbito: núcleo urbano e barrio da Estación de Ferrocarril.
Clase: área de rehabilitación integral rural.
Antecedentes de feito:
1. O 28 de xullo de 2021 o Concello das Neves solicita a declaración dunha área de rehabilitación integral rural descontinua (en diante, ARIR) no seu termo municipal. Coa solicitude xúntase certificado do acordo adoptado ao respecto polo Pleno do Concello na súa sesión do 28 de xullo de 2021.
2. O ámbito comprende o núcleo urbano e o barrio da Estación de Ferrocarril.
3. A declaración da ARIR solicitada foi obxecto de informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, por parte das unidades competentes do IGVS.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente, o artigo 50.1.b) establece que as ARI terán a categoría de rurais cando o seu ámbito pertenza a concellos con menos de cinco mil habitantes e a súa configuración sexa predominantemente rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, vinte vivendas.
2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8, o procedemento para a declaración das ARI.
No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.
3. De conformidade co artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e co 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse mediante unha resolución da Presidencia do IGVS por solicitude dos concellos interesados.
Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,
RESOLVO:
Declarar área de rehabilitación integral rural, de ámbito descontinuo, o núcleo urbano e o barrio da Estación de Ferrocarril, no termo municipal das Neves, segundo o ámbito delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
