DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2025 Páx. 14989

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, de autorización administrativa de transmisión, a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A., de instalacións eléctricas nos termos municipais de Vimianzo e Muxía para a integración na rede de distribución (expediente IN407A 2024/80-1).

Denominación dos proxectos en que se describen as instalacións obxecto da transmisión:

– Posición de liña E/S 601 e 602, barras de 66 kV e posicións 603 e 604 de transformadores da subestación de conexión dos parques eólicos Muxía I e Muxía II (Muxía).

Números de expediente: (IN661A 2004/9-1) (IN661A 2007/2-1).

– Liña eléctrica aéreo-soterrada de alta tensión de 66 kV en dobre circuíto, coa orixe na subestación parque eólico Muxía e remate en posicións de liña da subestación Vimianzo de conexión á rede de distribución.

Número de expediente: IN407A 2007/396-1.

Promotor/titular: EDP Renovables España, S.L.U.

Termos municipais: Vimianzo e Muxía.

Nº de expediente ao cal se incorpora a transmisión: IN407A 2024/080-1.

Denominación: subestación Muxía 66/20 kV e LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación 66/20 kV Muxía (UFD).

Empresa distribuidora beneficiaria da transmisión: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Feitos:

1. O 26.12.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente, aprobar o seu proxecto de execución e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica á modificación do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fases) (núm. de expediente IN661A 2004/9-1). O 8.6.2012, a DXIEM resolveu declarar a utilidade pública, en concreto, da dita instalación.

O 20.9.2016, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, autorizouse a construción do proxecto modificado do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fases).

Mediante a Resolución do 29.5.2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas ampliouse a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación.

O 2.8.2018, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu autorizar a explotación da instalación.

2. O 23.7.2012, a DXIEM resolveu autorizar administrativamente, aprobar o seu proxecto de execución e recoñecer a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do proxecto: modificado parque eólico Muxía II (núm. de expediente: IN661A 2007/2-1). O 5.9.2012, a DXIEM resolveu declarar a utilidade pública, en concreto, da dita instalación.

O 20.9.2016, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, autorizouse a construción do proxecto modificado do parque eólico Muxía II. Mediante a Resolución do 29.5.2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ampliouse a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación.

O 2.8.2018, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu autorizar a explotación da instalación.

3. O 28.2.2013, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente, aprobar o seu proxecto de execución e declarar a utilidade pública, en concreto, do proxecto: LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II (núm. de expediente: IN407A 2007/396-1).

Mediante a Resolución do 7.7.2017, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, modificouse a declaración de utilidade pública, en concreto, por ampliación da relación de bens e dereitos afectados.

O 2.8.2018, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu autorizar a explotación da instalación.

4. O 29.6.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) solicitou ante a Xefatura Territorial da Coruña a autorización administrativa de transmisión da instalación eléctrica: subestación Muxía 66 kV. Posición de liña E/S, 601, 602, barras de 66 kV, posición 603 de transformador, que forma parte do expediente IN661A 2004/009-1, e posición 604 de transformador, que forma parte do expediente IN661A 2007/002-1 (Muxía).

Así mesmo, o 28.6.2021, solicitou a autorización de transmisión da LAT 66 kV DC subestación Vimianzo-subestación Muxía.

5. O 22.12.2021, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria outorgou a autorización de explotación para a nova subestación Muxía 66/20 kV, a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A., como infraestrutura complementaria ás anteriores, e é tramitada no expediente IN407A 2020/055-1.

6. O 27.2.2024, Ana María Salgado López, en representación de UFD Distribución Electricidad, S.A., con NIF A63222533, solicita a autorización administrativa previa e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT DC 66 kV subestación Vimianzo-subestación parque eólico Muxía.

Coa solicitude achega informe de xustificación da conveniencia de incorporar esta infraestrutura á rede de distribución e contrato de cesión das instalacións de EDP Renovables España, S.L.U., a UFD.

A esta solicitude asignouselle o número de expediente IN407A 2024/80-1.

7. O 3.6.2024, o director territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña acordou someter a información pública a solicitude de autorización para a transmisión das instalacións eléctricas de referencia.

O acordo publicouse no BOP da Coruña núm. 110, do 7.6.2024, no DOG núm. 122, do 25.6.2024, no xornal La Voz de Galicia do 15.7.2024, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Muxía e Vimianzo e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

Durante o período en que o acordo estivo exposto ao público non se recibiron alegacións.

8. O 8.11.2024, os servizos técnicos do Servizo de Enerxía e Minas do departamento territorial emitiron un informe sobre a solicitude de transmisión.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, da Consellería e Economía e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) A Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

c) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

d) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

e) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que e aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

f) O Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

3. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece no seu artigo 38.2 que consideraranse elementos constitutivos da rede de distribución todos aqueles activos da rede de comunicacións, proteccións, control, servizos auxiliares, terreos, edificacións e demais elementos auxiliares, eléctricos ou non, necesarios para o axeitado funcionamento das redes de distribución, incluídos os centros de control en todas as partes e elementos que afecten as instalacións de distribución.

4. No seu artigo 39.1, a dita Lei 24/2013, do 26 de decembro, dispón que a posta en funcionamento, modificación, transmisión e peche definitivo das instalacións de distribución estará sometida, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53 precisando, polo tanto, autorización administrativa previa. O procedemento para o seu outorgamento é o indicado nos artigos 133 e 134 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

5. O obxecto das solicitudes de transmisión é integrar a actual liña eléctrica 66 kVA de conexión dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, da que é titular a sociedade EDP Renovables España, S.L.U., así como as posicións de liña e conexión na actual subestación de evacuación dos citados parques eólicos, na rede de distribución da distribuidora UFD Distribución de Electricidad, S.A.

A nova subestación de distribución Muxía 66 kV (expediente IN407A 2020/55-1) de UFD Distribución Electricidad, S.A., emprazouse a carón da subestación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II coa intención de aproveitar na medida do posible as actuais instalacións de evacuación da produción de enerxía eléctrica sen necesidade de duplicar infraestruturas, como suporía a construción dunha subestación independente para a distribución de enerxía eléctrica e de novas liñas de conexión desta subestación coa rede de distribución existente, de tal xeito que as instalacións obxecto de transmisión pasarían a formar parte da rede de distribución de enerxía eléctrica de UFD Distribución Electricidad, S.A., nos termos establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Coa conexión entre esta nova subestación de distribución Muxía 66 kV e a subestacións de Vimianzo 66 kV preténdese mellorar a rede de distribución eléctrica en materia de calidade de servizo e capacidade nunha zona extensa, con liñas de grandes lonxitudes e consumos/xeracións dispersos constituíndo un apoio ás subestacións de Vimianzo, do Vilán e Pontella, que alimentan un mercado zonal de 27 MVA de potencia instalada garantindo unha mellor e máis efectiva subministración.

A afección da subestación Muxía 66 kV en explotación normal redundará nunha mellora da explotabilidade da rede, nun aumento de capacidade, así como de redución de perdas técnicas en alta e media tensión.

6. A instalación eléctrica suxeita a transmisión consiste en:

– Liña eléctrica aéreo-soterrada de alta tensión de 66 kV en dobre circuíto, incluída a fibra óptica, coa orixe na subestación parque eólico Muxía e remate en posicións de liña da subestación Vimianzo, de conexión á rede de distribución, cunha lonxitude de 17.477 metros e que discorre polos termos municipais de Vimianzo e Muxía (expediente IN407A 2007/396-1).

– As posicións de liña 601 e 602 da subestación 66 kV Muxía.

– As posicións 603 (trafo 1) e 604 (trafo 2) de conexión a 66 kV dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, respectivamente, as barras de 66 kV, a posición de medida en 66 kV, coa excepción do seccionador de illamento, os tres transformadores de tensión, os tres transformadores de intensidade, os illadores fronteira e as autoválvulas asociadas a cada unha das posicións.

7. Segundo o documento do 1.6.2021, asinado por Rocío Sicre Rosal na súa condición de representante da sociedade EDP Renewables Europe, S.L., administrador único de EDP Renovables España, S.L.U., e Julio Gonzalo García, en nome e representación de UFD Distribución Electricidad, S.A., as dúas entidades acordan o seguinte:

– EDPR cede en propiedade as instalacións descritas a UFD Distribución Electricidad quen, á súa vez, acepta a cesión a título gratuíto, exenta de cargas, gravames, compensacións e taxas, cánones e prezo por ocupación do voo, solo e subsolo.

– Non obstante o anterior, EDPR España resérvase un dereito de uso sobre a fibra óptica incluída na liña de conexión 66 kV, para a súa utilización se así o considera axeitado, durante un prazo de 30 anos contados desde a sinatura do acordo.

– A propiedade dos equipos de medida de facturación non se verá afectada pola aplicación do contrato.

– EDPR obrígase a formalizar un outorgamento dunha servidume persoal de parte da parcela en que se sitúan as instalacións.

– EDPR autoriza a UFD Distribución Electricidad, S.A., para que, en todo momento, por si ou mediante contratistas, poidan efectuar o paso polas vías de acceso propiedade de EDPR ás instalacións cedidas a UFD, se fose necesario, co gallo de realizar os traballos necesarios para a conservación, mantemento, mellora, ampliación e modificación das liñas e instalacións cedidas, sen que, polo uso desta autorización, poidan cobrar de UFD Distribución Electricidad cantidade ou contraprestación algunha.

– UFD Distribución Electricidad, S.A., poderá conectar ás instalacións cedidas, unha vez que formen parte dos activos da súa rede de distribución, instalacións da súa rede existente ou calquera outra que interconecte coa que se solicite por terceiros, sempre que se cumpran os criterios regulatorios vixentes de conexión e acceso, e previa conformidade de EDPR no caso en que exista afección ás súas instalacións.

8. Unha vez autorizada a transmisión das instalacións descritas e realizadas as conexións necesarias, de acordo co establecido no artigo 32.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, aquelas terán a consideración da rede á cal se conectan, é dicir, pasarán a considerarse instalacións de distribución.

9. Segundo o artigo 25.5 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, as instalacións obxecto de transmisión considéranse abertas a terceiros. Quere isto dicir que UFD Distribución Electricidad, S.A., poderá conectar ás ditas instalacións calquera outra que o solicite sempre que a súa capacidade o permita e que o titular da instalación, EDPR Renovables España, S.L.U., poderá exixir a subscrición dun convenio de resarcimento fronte a terceiros novos consumidores cunha duración mínima de dez (10) anos.

10. Na ITC LAT-04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e na ITC RAT-22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que e aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, fíxanse os criterios para a obtención da autorización de explotación das instalacións promovidas por terceiros que posteriormente deban ser obrigatoriamente cedidas antes da súa posta en servizo.

11. De acordo co establecido no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica. A dita declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

En consecuencia, aínda que a natureza das instalacións eléctricas cambia de ser instalacións de conexión de xeración eléctrica a ser instalacións de distribución, seguen dándose as condicións para que se lles recoñeza a utilidade pública establecida no citado artigo 54 do Real decreto 1955/2000.

12. Segundo o establecido no artigo 54.2 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, non haberá dereito de reversión:

a) Cando simultaneamente á desafectación do fin que xustificou a expropiación se acorde xustificadamente unha nova afectación a outro fin que fose declarado de utilidade pública ou interese social. Neste suposto, a Administración dará publicidade á substitución, e o primitivo dono e os seus habentes causa poderán alegar canto xulguen oportuno en defensa dos seus dereitos á reversión, se consideran que non concorren os requisitos exixidos pola lei, así como solicitar a actualización do prezo xusto se non se executase a obra ou establecido o servizo inicialmente previstos.

O cambio nos fins que xustificaron os diversos procesos de expropiación de bens e dereitos, ao pasar estes de estar afectados por instalacións de xeración a instalacións de distribución, non provoca a aparición dun dereito de reversión, sempre que se recoñeza ás instalacións que se pretende transmitir a súa utilidade pública como instalacións de distribución eléctrica.

A solicitude de transmisión das instalacións, co cambio na afectación de bens e dereitos declarada nas resolucións do 8.6.2016, do 5.9.2012, do 28.2.2013, do 29.5.2017 e do 7.7.2017 polas que se recoñeceu a utilidade pública desas instalacións, someteuse ao trámite de información pública sen que se recibisen alegacións.

13. No expediente administrativo consta un informe dos servizos técnicos do Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Coruña en que se manifesta que a solicitude de autorización administrativa para a transmisión a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A., das instalacións eléctricas de alta tensión obxecto deste expediente cumpre cos requisitos legais.

De acordo con todo o indicado e de conformidade co título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa de transmisión de titularidade a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A., das seguintes instalacións eléctricas:

– Liña eléctrica aéreo-soterrada de alta tensión de 66 kV en dobre circuíto, incluída a fibra óptica, coa orixe na subestación parque eólico Muxía e remate en posicións de liña da subestación Vimianzo, de conexión á rede de distribución, cunha lonxitude de 17.477 metros e que discorre polos termos municipais de Vimianzo e Muxía (expediente IN407A 2007/396-1).

– As posicións de liña 601 e 602 da subestación 66 kV Muxía.

– As posicións 603 (trafo 1) e 604 (trafo 2) de conexión a 66 kV dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, respectivamente, as barras de 66 kV, coa posición de medida en 66 kV, coa excepción do seccionador de illamento, os tres transformadores de tensión, os tres transformadores de intensidade, os illadores fronteira e autoválvulas asociadas a cada unha das posicións.

2. Recoñecer, para os efectos da aplicación do artigo 54.2 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, a utilidade pública das instalacións obxecto desta transmisión, como instalacións de distribución eléctrica.

Todo o anterior, coas seguintes consideracións:

A) As instalacións de media tensión obxecto de transmisión pasarán a formar parte da rede de distribución de UFD Distribución Electricidad, S.A., unha vez que a dita distribuidora acredite a súa idoneidade para seren incorporadas á súa rede tras comprobar o cumprimento das exixencias regulamentarias. Baixo esta nova condición quedarán rexistradas no expediente IN407A 2024/080-1 coa denominación LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación Muxía.

B) UFD Distribución Electricidad, S.A., contará cun prazo de seis (6) meses para transmitir civilmente a titularidade da instalación e producirase a caducidade desta autorización se transcorrido o prazo aquela non tivese lugar.

C) UFD Distribución Electricidad, S.A., deberá comunicar a esta xefatura territorial a transmisión das instalacións antes indicadas no prazo dun (1) mes desde que sexa efectiva, momento en que solicitará expresamente a autorización de explotación das instalacións de media tensión do expediente IN407A 2024/080-1 ao seu nome, para o que achegará toda a documentación exixible segundo a ITC LAT-04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e a ITC RAT-22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, que incluirá un plano en formato pdf, en que se recollan as coordenadas UTM (ETRS89-fuso 29) dos elementos máis relevantes e o esquema unifilar da zona.

D) Planimetría as built das instalacións en formato shape.

E) As servidumes de paso de enerxía eléctrica, inherentes ás instalacións de distribución, estableceranse no momento en que as instalacións obxecto da transmisión sexan incorporadas á rede de distribución de UFD Distribución Electricidad, S.A., nos termos e finalidades establecidos nos artigos 159 e 160 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, coas limitacións previstas no artigo 161 do citado texto lexislativo e de dimensións acordes cos regulamentos técnicos. De conformidade coa disposición adicional cuarta da Lei 24/2013, do 27 de decembro, do sector eléctrico, as servidumes descritas no presente informe amparan a instalación de equipos de telecomunicacións.

De conformidade co artigo 12.3 do Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica, as instalacións financiadas e cedidas por terceiros obxecto da presente proposta só percibirán retribución en concepto de operación e mantemento, considerándose nulo o seu valor de investimento para os efectos retributivos por parte de UFD Distribución Electricidad, S.A.

Notifíquese a EDP Renovables España, S.L.U., e a UFD Distribución Electricidad, S.A., esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e farase constar que non é definitiva en vía administrativa e que poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante a conselleira de Economía e Industria, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015, sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.

A Coruña, 11 de novembro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña