Por medio deste anuncio, publícase o acordo adoptado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural o día 14 de febreiro de 2025 que, literalmente, di o seguinte:
«Asunto: acordo de inicio.
Procedemento: declaración de prevalencia.
Interesado: Concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Antecedentes:
Primeiro. Con data do 3 de febreiro de 2025, Gonzalo Durán Hermida, na súa calidade de alcalde presidente do Concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra), presentou á Consellería do Medio Rural unha solicitude de declaración de prevalencia do interese xeral do desenvolvemento urbanístico, derivado da modificación puntual número 14 das normas subsidiarias de planeamento municipal de Vilanova de Arousa, con ordenación delimitada de uso terciario-comercial en Freixeiro (Deiro), aprobada polo Decreto 211/2010, do 16 de decembro, sobre o proceso de concentración parcelaria da zona de Tremoedo (Vilanova de Arousa-Pontevedra) declarado mediante o Decreto 259/2001, do 20 de setembro.
Segundo. O decreto polo que se declarou de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria para a zona de Tremoedo (Vilanova de Arousa) establecía que o perímetro da dita zona, en principio, sería o comprendido polos terreos da precitada parroquia de Tremoedo.
Terceiro. Unha porción dos terreos incluídos no perímetro da referida zona de concentración parcelaria, por mor do Decreto 211/2010, do 16 de decembro, pasou a ter a consideración de solo urbanizable delimitado de uso terciario comercial (zona de Freixeiro, Deiro).
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O artigo 11 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, baixo o epígrafe «Efectos do proceso e reestruturación parcelaria», indica no seu número 1:
«1. Declarada de utilidade pública a reestruturación parcelaria dunha zona, esta será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do seu perímetro de reestruturación, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos».
Non obstante o anterior, no número 3 do dito artigo 11 prevé:
«3. Así mesmo, publicado o decreto de declaración de utilidade pública da reestruturación parcelaria, calquera actuación que leven a cabo outros órganos de calquera outra Administración pública deberá adaptar as súas actuacións, salvo declaración de prevalencia, á fase do proceso de reestruturación que se estea levando a cabo».
É dicir, este número 3 regula un procedemento excepcional a través do cal pode declararse prevalente o interese das actuacións doutras administracións sobre as actuacións do proceso de reestruturación que se estean levando a cabo.
Segunda. Neste caso, unha mesma porción do territorio vese afectada por dous decretos da Xunta de Galicia, que declaran a utilidade pública de dúas actuacións que en principio serían contrapostas, por iso se considera procedente a tramitación do procedemento de prevalencia que regula o artigo 11 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria. Resulta, así mesmo, de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Terceira. O procedemento ten un prazo máximo de duración tres meses contados desde a data deste acordo de inicio, sen prexuízo da súa ampliación, de acordo co disposto nos artigos 21.3 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
A resolución deste procedemento será motivada, en aplicación do disposto no artigo 35 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Cuarta. A competencia para iniciar este procedemento corresponde á directora xeral de Desenvolvemento Rural no uso das competencias atribuídas ao abeiro do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, que na súa disposición transitoria primeira dispón que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias manterán a súa adscrición, competencias, estruturas e funcións na forma indicada no artigo 2.1.f), no artigo 24 e no 25 do Decreto 149/2018, do 5 de decembro.
Consonte todo o anterior,
ACORDO:
Primeiro. Iniciar o procedemento para declarar a prevalencia do interese xeral do desenvolvemento urbanístico, derivado da modificación puntual número 14 das normas subsidiarias de planeamento municipal de Vilanova de Arousa, con ordenación delimitada de uso terciario-comercial en Freixeiro (Deiro), aprobada polo Decreto 211/2010, do 16 de decembro, sobre o proceso de concentración parcelaria da zona de Tremoedo (Vilanova de Arousa-Pontevedra) declarado mediante o Decreto 259/2001, do 20 de setembro.
Segundo. Designar como instrutor do procedemento o Servizo de Infraestruturas Agrarias do Departamento Territorial desta consellería en Pontevedra.
Contra este acordo, por ser un acto de trámite, non cabe recurso ningún, consonte o que prevé o artigo 112.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Non obstante, as persoas interesadas poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que xulguen pertinentes, nun prazo de 10 días hábiles desde a súa comunicación.
Este acordo será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia consonte o previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, por apreciar que o aconsellan razóns de interese público. Así mesmo, practicaranse as notificación a aquelas persoas que se consideren interesadas, consonte o previsto no artigo 41 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro».
Pontevedra, 19 de febreiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Director territorial de Pontevedra
