DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2025 Páx. 17000

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2025, do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 5 de marzo de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 11 de novembro de 2024 (DOG núm. 220, do 14 de novembro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 13 de febreiro de 2025, segundo o previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, despois de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 1 de febreiro de 2025, anúlanse as preguntas 5, 21 e 89. Como consecuencia, e de acordo co establecido na base II.1.1.1, substitúense polas preguntas de reserva 121, 122 e 123, respectivamente.

Segundo. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 22 de xaneiro de 2025, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes que, aplicando as regras de puntuación, obteñan un mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Asignarase unha puntuación de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto de persoas que superen a proba terán unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes que non superen o exercicio.

Acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de duascentas trinta (230) aspirantes, tendo en conta as persoas aspirantes exentas da súa realización e que non concorreron ao exame, segundo o establecido na base II.1.1.4 da convocatoria, e fixouse en corenta e oito (48) o número de respostas correctas para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes con relación ao primeiro exercicio deste proceso.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025

Luis Miguel Vázquez Carreira
Presidente do tribunal