DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2025 Páx. 17701

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, pola que se aproba o modelo normalizado e se regula o procedemento de comunicación da inscrición de alta, modificación ou baixa no Rexistro de puntos de recarga de acceso público para vehículos eléctricos (código de procedemento IN624F).

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no seu artigo 48.3, dispón que as instalacións de recarga de vehículos deberán estar inscritas nunha listaxe de puntos de recarga xestionada polas comunidades autónomas e polas cidades autónomas de Ceuta e Melilla correspondentes á localización dos puntos, listaxe que estará accesible para as persoas por medios electrónicos. Así mesmo, dispón que a información que conste nas devanditas listaxes deberalle ser comunicada polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, para o seu adecuado seguimento.

O artigo 48.4 da citada lei establece que mediante orde da ministra para a Transición Ecolóxica (referencia que debe entenderse dirixida á persoa titular do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) se determinará a información que deban remitir as persoas titulares dos puntos de recarga e en que condicións.

Así mesmo, a Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, no punto 9 do artigo 15 dispón que mediante orde da persoa titular do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico se establecerá a regulación do contido e forma de remisión da información dos puntos de recarga ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por parte dos prestadores do servizo de recarga.

Neste sentido, a Orde TED/445/2023, do 28 de abril, pola que se regula a información para remitir polos prestadores de servizo de recarga enerxética ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla, ten por obxecto regular o contido, o prazo, a frecuencia e a forma de remisión da información para remitirlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por parte das empresas de prestación de servizos de recarga eléctrica, en virtude do establecido no artigo 15.9 da citada Lei 7/2021, do 20 de maio, así como o contido da información sobre instalacións de recarga de vehículos que as empresas prestadoras de servizos de recarga enerxética para o vehículo eléctrico están obrigadas a remitirlles ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla, en aplicación do previsto no artigo 48.4 da citada Lei 24/2013, do 26 de decembro.

En relación coa información para remitir, a citada orde, no seu artigo 4, establece que os operadores de puntos de recarga de acceso público remitiranlles aos órganos competentes das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla a información relativa á titularidade da explotación, localización e características das instalacións, establecida no anexo II, de acordo coas definicións establecidas no artigo 3 e no anexo I da devandita orde, e en cumprimento do disposto no artigo 48.3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

No seu artigo 5, a citada orde determina que a información regulada no artigo 4.1 se lles remitirá aos órganos competentes das comunidades autónomas ao comezo da actividade de prestación de servizo de recarga, e manterase debidamente actualizada nas condicións que estas determinen.

Do mesmo xeito, no seu artigo 6 establece que a información regulada no artigo 4.1 se lle remitirá ao órgano competente das comunidades autónomas mediante o procedemento que estas determinen, no exercicio das súas competencias. Este procedemento será electrónico e utilizará protocolos estándar de comunicación xa consolidados.

Finalmente, a disposición transitoria primeira da citada orde establece que a obriga de remisión ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla da información regulada no artigo 4.1 da devandita orde, referida aos puntos de recarga de acceso público que estean en servizo no momento da entrada en vigor desta orde, deberá cumprirse nun prazo de tres meses desde que as administracións onde radiquen as ditas instalacións poñan ao dispor dos interesados os procedementos que estas determinen para a recollida da información.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, xunto coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, recollen que a tramitación electrónica debe constituír a actuación habitual das administracións públicas, para servir mellor aos principios de eficacia, eficiencia, ao aforro de custos, ás obrigas de transparencia e ás garantías da cidadanía.

Unha vez que se desenvolveron as ferramentas de tramitación por medios electrónicos, que as aplicacións informáticas foron habilitadas e que é posible o uso por parte da cidadanía, procede facer pública a dita dispoñibilidade e publicar o modelo de formulario que se deberá empregar.

Doutra banda, na epígrafe de protección de datos do formulario, integrouse un enderezo URL que dá acceso á consulta da cláusula a través dos servizos da sede electrónica, para o exercicio dos dereitos correspondentes.

Con base no exposto e en exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, segundo o disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG número 101, do 27 de maio),

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular e habilitar, na sede electrónica da Xunta, o procedemento de comunicación da inscrición de alta, modificación ou baixa no Rexistro de puntos de recarga de acceso público para vehículos eléctricos, así como aprobar e dar publicidade do modelo de formulario normalizado de comunicación do procedemento.

Para iso habilítase un formulario na Guía de procedementos e servizos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, co seguinte código:

IN624F. Procedemento de comunicación da inscrición de alta, modificación ou baixa no Rexistro de puntos de recarga de acceso público para vehículos eléctricos, que se recolle como anexo I desta resolución.

Segundo. Especificidades do procedemento IN624F

Este procedemento permítelles ás empresas de prestación de servizos de recarga enerxética de vehículos eléctricos proporcionarlle a información á Comunidade Autónoma de Galicia que se determina na Orde TED/445/2023, do 28 de abril, pola que se regula a información que lles deberán remitir os prestadores de servizo de recarga enerxética ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla, en cumprimento do disposto no artigo 48.3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

As empresas prestadoras de servizos de recarga enerxética e que actúan como operadores de puntos de recarga de vehículos eléctricos de acceso público en Galicia, unha vez finalizada a execución dun punto de recarga, e previamente á súa posta en servizo, deberán realizar a inscrición no Rexistro de puntos de recarga de acceso público para vehículos eléctricos de Galicia.

Considérase operador do punto de recarga, conforme a definición recollida no artigo 3 do Real decreto 184/2022, do 8 de marzo, polo que se regula a actividade de prestación de servizos de recarga enerxética de vehículos eléctricos, a persoa física ou xurídica titular dos dereitos de explotación das estacións de recarga de vehículos eléctricos.

A inscrición no rexistro non supón un pronunciamento favorable da Administración sobre a idoneidade das instalacións respecto da normativa que lle sexa de aplicación.

Unha vez presentada a inscrición, poderase iniciar a actividade de recarga de acceso público para vehículos eléctricos, sen prexuízo das facultades de verificación e control dos departamentos territoriais da consellería competente en materia de industria e enerxía.

Terceiro. Prazo de presentación

O procedemento IN624F é un procedemento administrativo de prazo aberto e poderase presentar o formulario de comunicación desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os operadores de puntos de recarga de acceso público xa en servizo disporán dun prazo de tres meses para remitir a devandita comunicación mediante o procedemento IN624F, desde a posta ao dispor aos interesados do procedemento IN624F na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na disposición transitoria primeira da citada Orde TED/445/2023, do 28 de abril.

Calquera variación nos datos comunicados deberá ser indicada a través do mesmo procedemento no prazo máximo de 15 días desde que teña lugar.

No suposto de cesamento de actividade, deberá comunicar a baixa no rexistro no prazo dun mes desde a data en que esta se produza.

Cuarto. Forma e lugar de presentación

O procedemento IN624F para levar a cabo o cumprimento do trámite establecido será mediante a presentación de comunicacións de alta, modificación ou baixa. Estas comunicacións irán dirixidas polos interesados aos departamentos territoriais con competencias en materia de industria e enerxía para o rexistro deste trámite.

A realización destes trámites efectuaranse integramente por medios electrónico, de conformidade co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e será a sede electrónica da Xunta de Galicia o punto de acceso para que os interesados presenten calquera solicitude, comunicación, declaración responsable ou documento.

Así, a comunicación ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria e enerxía correspondente polo ámbito territorial onde se sitúe o punto de recarga presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a corrección.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinto. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa comunicante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da persoa xurídica comunicante.

• NIF da persoa xurídica representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado para tal efecto no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do servizo regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Noveno. Eficacia

Esta resolución será eficaz o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025

Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file