DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2025 Páx. 19100

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2025, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar os días 15, 16, 17, 20, 21, 22 e 23 de xaneiro de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de outubro de 2024 (DOG núm. 208, do 28 de outubro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial,

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, tras revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 15 de decembro de 2024, anular as preguntas número 7 e 110 no exame da quenda de acceso libre. En consecuencia, pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva número 121 e 126, respectivamente.

Do mesmo xeito, anúlase a pregunta número 90 no exame da quenda de promoción interna, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva 104.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación deste exercicio acordados polo tribunal na sesión do 21 de novembro de 2024 estableceuse que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden en cada unha das partes o 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden en cada unha das partes o 50 % das respostas netas sexa inferior ao número de prazas convocadas por esta quenda, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden en cada unha das partes o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Realizada a corrección na sesión que tivo lugar o 14 de marzo de 2025, o número de persoas aspirantes na quenda de promoción interna que acadaron, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos, non acadou o número de prazas convocadas (4). Por tanto, aplicado o criterio subsidiario que establece a superación do exercicio polas persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, acadaron a puntuación mínima de cincuenta (50) puntos un total de 2 persoas aspirantes; fixouse en 40 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos previstos na base II.1.1 da convocatoria.

Na quenda de acceso libre, o número de persoas aspirantes que obtiveron, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos, non acadou o número máximo determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas tendo en conta as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna (14). Por tanto, aplicado o criterio subsidiario que establece a superación do exercicio polas persoas aspirantes que teñan as mellores notas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, acadaron a puntuación mínima de cincuenta (50) puntos un total de 56 persoas aspirantes; fixouse en 68,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos previstos na base II.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 15 de decembro de 2024, correspondente ao primeiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, estaren en posesión do Celga 3 ou do título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga 3 ou do título equivalente debidamente homologado e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da Resolución do 16 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo, contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025

Bran Casal Pereira
Presidente do tribunal