Examinado o expediente instruído por solicitude de Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:
Solicitante: Electra Alto Miño Distribuidora de Energia, S.L.
Domicilio: polígono Chan da Ponte, 19, 36450 Salvaterra de Miño (Pontevedra).
Denominación: liña MT soterrada e CT caseta 100 kVA Bacelo.
Situación: lugar de Bacelo, concello da Arnoia.
Orzamento: 34.944,50 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado en maio de 2024 polo enxeñeiro técnico industrial José A. Fernández González, colexiado núm. 1.968 do Coitivigo.
• LMTS, a 20 kV, de 30 m de lonxitude, en condutor RHZ1 18/30 kV 3×95 mm², con orixe no paso A/S que se realizará no apoio existente da LMTA Hidrogiesta-Tanque Sendín e final no CT proxectado Bacelo.
• CT proxectado Bacelo, prefabricado, do tipo CTC compacto de manobra exterior, de 100 kVA e r/t 20.000/400 V.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste Departamento Territorial do 27.8.2024, que foi inserido no DOG do 11.9.2024 e no xornal La Región de Ourense do 19.9.2024. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso presentou alegacións o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (CIF Q1570003B), relativas á falta de competencia profesional do redactor do proxecto. Indica o citado colexio profesional que o proxecto está asinado por un «enxeñeiro técnico industrial» cuxa denominación é incompleta. Ademais, indica que se trata dun proxecto que se enmarca dentro de diferentes especialidades do título de enxeñeiro técnico industrial (polo menos, mecánica e eléctrica), o que fai necesario que a proxección a leve a cabo un enxeñeiro superior.
Na contestación ás alegacións, o solicitante achegou unha certificación expedida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo en que consta que o redactor do proxecto é enxeñeiro técnico industrial na especialidade de electricidade.
Polo que respecta á competencia profesional, hai que indicar que a instalación proxectada non excede a limitación cuantitativa de sesenta e seis mil voltios de tensión establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Ademais, esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, da Sala do Contencioso-Administrativo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que establece que «Os enxeñeiros técnicos industriais teñen ilimitadas atribucións profesionais dentro da súa especialidade, e limitadas no resto de especialidades, coas limitacións cuantitativas que se reflectían no artigo 1 do Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre as atribucións dos peritos industriais».
Xa que logo, non se teñen en conta as alegacións formuladas polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), este departamento territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen, de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 13 de febreiro de 2025
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
