DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 2025 Páx. 19080

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 20 de marzo de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024 (código de procedemento TR301X).

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional. A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.

A disposición transitoria primeira do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, establece que, en canto non se realice regulamentariamente a súa modificación, permanecerá vixente a ordenación dos certificados de profesionalidade recollida en cada un dos reais decretos polos que se establecen e a súa oferta quedará integrada nos graos C do Sistema de formación profesional coa denominación de certificados profesionais.

Na súa disposición transitoria sexta, relativa á adaptación do período de formación en empresa, o Real decreto 659/2023 habilita un período transitorio ata o 31 de decembro de 2024 para a adecuación do período de formación en empresa ao previsto na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo.

A publicación do Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, modificou, entre outros, o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do sistema de formación profesional.

O número 3 do artigo dous, punto vinte e dous, do Real decreto 658/2024 dispón que, unha vez esgotado o período transitorio a que se refire a disposición transitoria sexta, o módulo de prácticas profesionais non laborais que formaba parte da extinta ordenación dos certificados de profesionalidade establecidos ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, será suprimido en favor dun dos réximes de formación dual a que fan referencia os artigos 71 e 72 do citado real decreto. Para estes efectos, a duración do módulo de prácticas profesionais non laborais distribuirase proporcionalmente ao número de horas entre o resto dos módulos profesionais que conforman o certificado profesional, mantendo a duración total da acción formativa. As porcentaxes para a estadía en empresa ou organismo equiparado calcularanse respecto do total da duración do antigo certificado de profesionalidade.

Así mesmo, o número 4 do artigo dous, punto vinte e dous, establece que, en todo caso e antes do inicio da estadía en empresa ou organismo equiparado, deberá garantirse que o alumnado teña cursado a formación correspondente para adquirir as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais establecidas no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

Atendendo ás modificacións introducidas polo Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, cómpre modificar a Orde do 13 de agosto de 2024 para os efectos de adaptar a normativa reguladora do procedemento TR301X ao disposto na normativa estatal.

Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 13 de agosto de 2024, publicada no DOG número 167, do 30 de agosto do 2024, pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024

Un. Modificación do artigo 30 da Orde do 13 de agosto do 2024, relativo aos módulos formativos transversais, que queda redactado do seguinte modo:

«1. O artigo 115 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece a obriga de integrar a perspectiva de xénero nos programas de formación da consellería competente en materia de emprego.

As entidades de formación estarán obrigadas, en todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro da presente orde, a impartir o módulo transversal denominado de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03), de dez horas de duración, das cales cando menos dúas horas deberán referirse á igualdade de xénero, vinculada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e coa corresponsabilidade familiar e doméstica.

Asi mesmo, as entidades deberán impartir obrigatoriamente un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de 3 horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas (FCOXXX23), e de 8 horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX24).

A formación en materia de igualdade como consecuencia da impartición, segundo o caso, dos módulos FCOO03 e FCOXXX23, ou FCOO03 e FCOXXX24, incluirá obrigatoriamente un mínimo de 5 horas (2+3) naquelas accións formativas en que se impartan especialidades formativas de duración menor ou igual a cincuenta horas, e un mínimo de 10 horas (2+8) para aquelas especialidades que superen a dita duración.

A cualificación do alumnado será de «superado» ou «non superado» e requirirá superar unha proba final de aptitude.

2. As alumnas e alumnos que acrediten documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de xénero e igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica quedarán exentas/os de realizar os módulos transversais FCOXXX23 ou FCOXXX24, sempre que a formación recibida fose impartida ou homologada por un organismo oficial, que os contidos impartidos se axusten aos contidos do módulo transversal e que o número de horas da formación recibida sexa igual ou superior ás horas de formación do módulo de que se vai eximir.

3. En todas aquelas accións formativas que inclúan formación en empresa deberá garantirse que o alumnado teña cursado previamente a formación correspondente para adquirir as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais establecidas no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención (RSP).

Para estes efectos, será obrigatorio realizar un módulo formativo básico en materia de prevención de riscos laborais, cun mínimo de 60 horas (código FCOXXX26), en todas aquelas ofertas formativas que inclúan formación en empresa. Non será necesario facer este curso no suposto en que os propios contidos da oferta formativa, impartidos de acordo cos criterios establecidos no primeiro parágrafo deste punto, xa inclúan a realización de formación nesta materia.

4. Naquelas accións formativas en que deba impartirse o módulo formativo por non estar incluído no contido da oferta de formación, será necesario, para acreditar dispor das competencias relativas á prevención de riscos laborais, superar unha proba final de aptitude de carácter presencial.

Sen prexuízo do disposto no número 6 deste artigo, para poder presentarse á proba de avaliación final de aptitude a persoa alumna deberá xustificar unha asistencia ao módulo de, cando menos, o 75 % das súas horas totais na modalidade presencial ou, con independencia das horas de conexión, ter realizado un 75 % das actividades de aprendizaxe na modalidade virtual e ter superado, polo menos, o 70 %.

Naqueles sectores ou actividades cuxo respectivo convenio colectivo regule a formación en prevención de riscos laborais de nivel básico, o curso de prevención de riscos laborais deberá impartirse de acordo co indicado nel.

O alumnado que xustifique documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de prevención de riscos laborais de 60 horas, ou do diploma de técnico intermedio ou superior de riscos laborais, estará, de ser o caso, exento de realizar o módulo de prevención de riscos laborais.

Poderán volver facer este curso aquelas persoas que xa o efectuasen con anterioridade, sempre e cando o módulo realizado previamente non garanta estar en posesión do nivel de coñecementos necesarios para desempeñar as funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais ou non se corresponda coa formación requirida para a actividade profesional ou económica vinculada cos contidos da oferta formativa impartida.

5. Os módulos formativos transversais poderán, con carácter xeral, impartirse nas modalidades presencial ou virtual.

6. Serán excepción ao disposto no número 5 as ofertas formativas das especialidades relacionadas na columna «Obriga de impartir en presencial o módulo de prevención de riscos laborais», do anexo III, que deberán impartir o módulo de prevención na modalidade presencial, sen que estea permitido o uso de aula virtual.

Nas especialidades incluídas na citada columna do anexo III requirirase, para poder presentarse á proba de avaliación final do módulo de prevención de riscos, a asistencia por parte do alumnado á totalidade das sesións presenciais da formación. No caso de que unha persoa alumna non poida asistir a algunha sesión presencial, esta sesión poderá, con anterioridade á data de remate da acción formativa, impartirse nunha segunda ocasión. O número máximo de sesións que unha persoa poderá repetir será de dúas.

7. A impartición dos módulos formativos transversais en materia de igualdade poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa. A formación en materia de prevención de riscos laborais deberá impartirse con carácter previo á formación en empresa.

Non poderá simultanearse a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade.»

Dous. Modificación do anexo III, aplicable tanto na orde de bases como nas posteriores ordes de convocatoria, relativo ao importe dos módulos económicos por área profesional, hora e persoa alumna.

A columna denominada «Obriga de impartir o módulo de prevención de riscos laborais» debe citarse como «Obriga de impartir na modalidade presencial o módulo de prevención de riscos laborais».

Este anexo informativo estará dispoñible para a súa consulta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

As entidades que, ao abeiro do disposto na Orde do 12 de decembro de 2024, pola se efectúa a segunda convocatoria de subvencións do procedemento TR301X, presentasen unha solicitude de subvención con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde modificadora poderán solicitar impartir o módulo de prevención de riscos laborais na modalidade virtual.

Non se poderán impartir na modalidade virtual aquelas ofertas formativas que, de acordo co disposto no anexo III, deban impartir na modalidade presencial o citado módulo.

A solicitude de cambio de modalidade deberá presentarse no prazo dun mes, contado desde a entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo do 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración