Feitos:
O 5 de febreiro de 2025 tivo entrada nesta oficina pública a solicitude de inscrición da Asociación Meca para a Promoción do Turismo (Aprometur) no Rexistro das Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia, tras a aprobación e outorgamento da acta fundacional do 20 de decembro de 2024.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, establece o dereito de asociación profesional das persoas traballadoras autónomas, recoñece este movemento asociativo como instrumento de participación da sociedade nos asuntos públicos, e dita que as comunidades autónomas crearán, no seu ámbito territorial, un rexistro especial para as asociacións deste colectivo.
Segundo. O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dispón que a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras, as funcións de dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de traballo autónomo e, de acordo co seu artigo 21, ten a condición de órgano competente de xestión do Rexistro das Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. O Decreto 406/2009, do 22 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula o procedemento de tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro e establece que na resolución de concesión constará un número correlativo e independente de inscrición. Ademais, de conformidade co artigo 4 do citado decreto, darase publicidade no Diario Oficial de Galicia, ou no Boletín Oficial da provincia, segundo corresponda, do depósito dos estatutos da asociación inscrita, así como das súas modificacións.
Unha vez revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, esta Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de oficina pública competente,
ORDENA:
Primeiro. Inscribir a Asociación Meca para a Promoción do Turismo (Aprometur) no Rexistro das Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia, coas seguintes indicacións:
– Denominación: Asociación Meca para a Promoción do Turismo (Aprometur).
– Ámbito territorial: autonómico.
– Especialidade subxectiva e obxectivos: asistir, representar e defender os intereses dos seus membros.
– Ámbito funcional ou actividade económica: defender os intereses dos asociados representados por Aprometur e das empresas e profesionais do sector produtivo e económico relacionado co sector turístico, de conformidade cos presentes estatutos, e os acordos validamente adoptados polos seus órganos de goberno, dentro do marco das súas respectivas competencias e sendo complementarias no non disposto por estas normas legais ou regulamentarias que resulten de aplicación.
– Asinantes da acta de constitución: Abel Óscar Fernández Estévez, María Isabel García Martínez, José Antonio Taboada Vidal, Manuel Garrido Álvarez, Jaime José Devesa Mascato, Alberto Figueiro Romay, Manuel Alejandro Prieto Pol, Elia Martín Aguayo e Ignacio Escalante Silva.
Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
