A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece como obxectivo da educación primaria e da educación secundaria o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas para a aprendizaxe do alumnado e o seu emprego como fonte de información para adquirir novos coñecementos con espírito crítico, sempre desde unha perspectiva de reflexión ética sobre o seu funcionamento e utilización. Na mesma liña, os decretos 155/2022 e 156/2022, do 15 de setembro, polos que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria e da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, respectivamente, recollen que a consellería con competencias en materia de educación e os equipos directivos dos centros docentes promoverán o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na aula como medio didáctico apropiado e valioso para desenvolver as tarefas de ensino e aprendizaxe.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consciente da necesidade de educar integramente a comunidade educativa para o exercicio dunha cidadanía dixital, ética, segura e responsable, recolle na Estratexia galega de convivencia escolar 2025 actuacións específicas cara a unha convivencia dixital responsable.
Este tipo de iniciativas están relacionadas coa Estratexia dixital 2030, que aposta pola innovación e por novos modelos de educación dixital para preparar os estudantes ante os desafíos que os esperan no eido educativo, persoal ou profesional, poñendo á súa disposición os recursos adecuados para propiciar unha aprendizaxe máis dinámica, personalizada, colaborativa e creativa, combinando o desenvolvemento das súas destrezas tecnolóxicas coa súa capacidade social e cooperativa a través da aplicación de novas tendencias dixitais.
Por este motivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza o programa de capacitación en competencia dixital Campamentos dixitais de verán, que se desenvolverá durante o período de vacacións estivais do curso escolar nos centros educativos seleccionados. Os compromisos que asumen a Administración da Comunidade Autónoma e a Administración do Estado sitúanse ao abeiro do Acordo polo que se aproba a proposta de distribución territorial, por importe de 50 millóns de euros, de fondos para a formación en competencias dixitais para nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade, para as comunidades e cidades autónomas susceptibles de ser beneficiarias no marco do programa Competencias dixitais para a infancia (CODI) do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no Pleno da Conferencia Sectorial da Infancia e da Adolescencia celebrado o 12 de decembro de 2022.
O programa procurará a inmersión activa do alumnado en contornas dixitais co obxectivo de garantir a inclusión dixital desde a infancia, centrándose na adquisición de competencias dixitais.
Esta proposta formativa enmárcase dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e créase dentro da actuación Capacidades dixitais para a loita contra a pobreza infantil, na medida 3 da liña de investimento 1 do compoñente 19 do mencionado plan.
En virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar e regular o procedemento de solicitude para a selección de centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa de capacitación en competencia dixital Campamentos dixitais de verán, no período de vacacións estivais do curso escolar 2024/25.
Artigo 2. Destinatarios
1. O programa está dirixido a todo o alumnado de entre 9 e 17 anos, especialmente a aqueles alumnos e alumnas que se atopen en situación de vulnerabilidade educativa, social e/ou económica.
2. Poderán participar nesta convocatoria todos os centros privados concertados en que se impartan ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de educación secundaria postobrigatoria durante o curso 2024/25.
3. Os centros poderán conformar grupos de alumnado dun mínimo de 15 ata un máximo de 25, atendendo ás modalidades sinaladas no punto 3 do artigo 3.
4. De acordo co establecido na ficha do compoñente 19 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, o alumnado destinatario deste programa non pode ter sido beneficiario doutros programas de capacitación dixital financiados cos mesmos fondos. As empresas responsables da xestión e organización das actividades formativas farán as pertinentes comprobacións a través da plataforma de formación habilitada.
Artigo 3. Obxectivos e características do programa
O programa Campamentos dixitais de verán desenvolverase de acordo co obxectivo e coas características que se especifican a continuación:
1. O obxectivo principal deste programa é garantir a inclusión dixital desde a infancia, centrándose na adquisición de competencias dixitais e complementando outras medidas desenvolvidas polas administracións. Contribuirase así ao desenvolvemento da Estratexia educación dixital 2030.
2. O contido deste programa inclúe actividades formativas, actividades grupais, de tempo libre e obradoiros orientados á cooperación e ao traballo en equipo. En calquera caso, a finalidade é desenvolver as competencias dixitais, ademais de promover a convivencia entre o alumnado, especialmente do alumnado con vulnerabilidade educativa, social e/ou económica.
3. O programa divídese en 3 modalidades diferenciadas por idades:
A) De 9 a 11 anos. Competencias dixitais básicas.
B) De 12 a 13 anos. Competencias dixitais básicas.
C) De 14 a 17 anos. Competencias dixitais avanzadas.
4. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna.
5. O alumnado estará acompañado por persoal cualificado cun nivel de competencia dixital axeitado para impartir as actuacións de capacitación dixital do alumnado.
Artigo 4. Duración e datas de realización das actividades
1. Estas actividades realizaranse nos centros educativos a que pertence o alumnado en horario das 9.00 ás 16.00 h.
2. A duración do programa Campamentos dixitais de verán será dunha semana, de luns a venres, e levarase a cabo durante o período de vacacións escolares do verán do ano 2025, co seguinte calendario:
|
Quenda |
Datas |
Prazas totais ofertadas |
Horario |
|
1ª quenda |
23 xuño-27 xuño 2025 |
389 |
9.00-16.00 horas |
|
2ª quenda |
30 xuño-4 xullo 2025 |
389 |
9.00-16.00 horas |
|
3ª quenda |
7 xullo-11 xullo 2025 |
389 |
9.00-16.00 horas |
|
4ª quenda |
14 xullo-18 xullo 2025 |
389 |
9.00-16.00 horas |
|
5ª quenda |
28 xullo-1 agosto 2025 |
388 |
9.00-16.00 horas |
|
6ª quenda |
1 setembro-5 setembro 2025 |
388 |
9.00-16.00 horas |
3. Os centros educativos poderán solicitar o programa para máis dun grupo de alumnos e alumnas, así como para máis dunha quenda e distintas modalidades (A, B, C).
4. As prazas asignadas a un centro educativo nunha quenda e que non fosen ocupadas polo alumnado inicialmente proposto ao comezo do programa poderán ser ofrecidas aos centros suplentes.
Artigo 5. Organización das actividades
1. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, coordinadas para o efecto por persoal da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A empresa ou empresas ocuparanse dos recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes. A empresa farase responsable do equipamento e das instalacións.
2. Os centros educativos enviarán a esta consellería a listaxe do alumnado participante en cada quenda.
3. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións de participación nesta actividade dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que se lles facilite para tal fin antes do inicio da actividade.
4. As familias encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro educativo en que se realizarán as actividades, así como da súa recollida ao seu remate. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.
5. O servizo de comedor non está incluído; será o centro educativo quen determine a organización da hora de xantar (tal como que o alumnado traia comida da casa e que esta non requira ningún tipo de conservación ou refrixeración).
6. O alumnado estará acompañado por profesionais vinculados á empresa adxudicataria, cun nivel de competencia dixital axeitado para participar no programa durante o desenvolvemento da actividade. Este persoal responsabilizarase da correcta participación do seu grupo nas actividades, así como da vixilancia do alumnado durante a súa permanencia no centro.
7. O centro educativo será o encargado da organización da apertura e peche das instalacións.
8. Durante o desenvolvemento das actividades o alumnado deberá respectar as normas de organización, funcionamento e convivencia (NOFC).
Artigo 6. Financiamento e contía das axudas
1. A contía das axudas a que se refire esta orde aboaráselle directamente á empresa que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto e será financiada con cargo á partida 07.03.423A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, por un importe máximo de 536.336,68 € para o ano 2025, con fondos procedentes do MRR no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
O número total de prazas ofertadas é de 2.332.
A contía individualizada da subvención determinarase a partir dos prezos unitarios por alumno ou alumna e o número de alumnos ou alumnas que o centro inscribe nesta actividade.
2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
3. O Regulamento financeiro da Unión Europea e o Regulamento do MRR amparan a complementariedade dos distintos fondos e prohiben o dobre financiamento dos mesmos gastos. En particular, o artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 establece que as reformas e investimentos financiados co MRR poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión, sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo. A prevención do dobre financiamento eríxese, por tanto, nun principio transversal de obrigatoria consideración na execución do PRTR.
Artigo 7. Condición de realización do programa
A realización do programa Campamentos dixitais de verán durante o curso 2024/25 queda condicionada á adxudicación do procedemento de licitación polo que se seleccionarán e contratarán as empresas referidas no artigo 5.
Artigo 8. Réxime xurídico aplicable
1. Respecto a todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras, de procedente aplicación:
a) Regulamento (UE) núm. 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.
b) Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.
c) Regulamento delegado (UE) 2021/2105 da Comisión, do 28 de setembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, mediante a determinación dunha metodoloxía para informar sobre os gastos sociais.
d) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos, así como resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición destas.
e) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
f) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
g) Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021.
h) Real decreto 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
i) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
l) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2023, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
m) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
ñ) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
2. As axudas previstas nestas bases reguladoras estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e demais normativa da Unión Europea aplicable á xestión, así como ás obrigas específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea.
3. Por outra parte, estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións, ao seren as entidades beneficiarias de subvención os centros educativos sostidos con fondos públicos.
Artigo 9. Principio DNSH (non causar un prexuízo significativo). Etiquetaxe verde e dixital
A execución do MRR exixe o compromiso no cumprimento do principio horizontal de «non causar prexuízo significativo», que establece o artigo 2.6) do Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro, respecto dos 6 obxectivos medioambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020 (Regulamento taxonomía). Así, dentro de cada actuación avaliarase o cumprimento do principio DNSH sobre cada un dos 6 obxectivos ambientais, segundo o definido na Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (C/2023/111).
En aplicación dos artigos 2.2.b) e 4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR, deberán preverse medidas para cumprir o compromiso de etiquetaxe verde e dixital previsto (para cada investimento) no PRTR, con base no Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro.
Artigo 10. Requisitos
Os centros participantes deberán garantir:
1. Medios técnicos para o desenvolvemento do programa, con espazos e equipamento para as actividades formativas. En concreto, cada alumna ou alumno participante deberá ter á súa disposición un equipo de uso individual, que pode ser un ordenador de sobremesa, un ordenador portátil ou unha tableta.
2. Espazo para o xantar do alumnado.
3. Espazos para a realización das actividades complementarias.
4. O compromiso de adopción de medidas que prioricen na súa solicitude a participación do alumnado do centro educativo en situación de maior vulnerabilidade educativa, social e/ou económica (tales como a priorización por criterios de renda per cápita por unidade familiar, situación laboral de desemprego dos proxenitores, con dificultades de acceso á tecnoloxía, discapacidade, etc.).
Artigo 11. Forma e lugar de presentacións de solicitudes
1. A solicitude de participación será realizada pola dirección do centro, segundo o documento anexo a esta convocatoria (anexo I).
2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
3. O prazo de presentación de solicitudes das axudas comezará a computarse transcorridos 8 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e será dun mes.
4. A solicitude estará asinada pola persoa responsable da dirección do centro educativo.
5. No caso de presentación doutras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, a persoa solicitante indicará na declaración responsable da solicitude (anexo I) o conxunto de todas as presentadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados e a súa contía. No caso contrario, declarará non telas solicitado.
En todo caso, a persoa solicitante declarará non estar incursa en ningunha das circunstancias que, de conformidade co artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, impide obter a condición de beneficiaria e, así mesmo, que asume o compromiso de manter o cumprimento deste requisito durante o período de tempo de xestión e xustificación da subvención.
Artigo 12. Documentación complementaria
As persoas responsables da dirección do centro educativo deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Certificado asinado pola persoa responsable da dirección do centro educativo que acredite o cumprimento dos requisitos do artigo 10, segundo o anexo II.
2. Toma de coñecemento do financiamento do programa, segundo o anexo III.
3. Listaxe do alumnado participante por cada grupo en que se fagan constar nome, apelidos, DNI, sexo, data de nacemento do alumno ou alumna e preferencia de quenda.
4. Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses (DACI) en relación coa prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses que establece a normativa española e europea e os pronunciamentos que, respecto da protección dos intereses financeiros da Unión, realizasen ou poidan realizar as institucións da Unión Europea (anexo IV.A da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro).
5. Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos (anexo IV.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro).
6. Declaración de compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo IV.C da Orde HPF/1030/2021).
7. Declaración responsable, no caso das empresas que resultasen beneficiarias dos préstamos ou anticipos con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia en exercicios anteriores, de estar ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo ou anticipo concedido anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos xerais do Estado.
8. Declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (DNSH) (anexo IV).
9. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
10. Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para cumprir o previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Segundo o establecido no artigo 68.1 da dita Lei 39/2015, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta convocatoria ou non se acompaña dos documentos indicados, requiriranse as persoas interesadas para que a emenden no prazo máximo e improrrogable de dez días. De non facelo así, considerarase que desisten da súa petición, logo do ditado da correspondente resolución.
Artigo 13. Comprobación de datos e identificación do perceptor final
1. Para a tramitación deste procedemento e para cumprir coa obriga da identificación do perceptor final prevista no artigo 8, número 2, da Orde HFP/1030/2021, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Domicilio fiscal da entidade solicitante.
e) Os beneficiarios que desenvolvan actividades económicas, a inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria (no caso de que non se poida consultar este dato, debe achegalo o beneficiario).
f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Selección dos centros
Os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ata esgotar o número de prazas ofertadas.
Artigo 16. Órganos competentes
O Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da axuda e elaborará a proposta de resolución provisional.
Por outra parte, corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ditar a resolución de concesión por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como a denegación, modificación e outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Artigo 17. Resolución provisional
1. Examinadas as solicitudes, o órgano instrutor publicará no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) a resolución provisional.
No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada do órgano competente para a instrución do procedemento de selección dos centros, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel a que vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.
2. Logo da publicación da resolución provisional abrirase un prazo de 3 días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias.
As reclamacións ou renuncias dirixiranse á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónico normalizado (código PR004A), que se deberá identificar coa denominación Campamentos dixitais de verán. Para a súa presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de clave Chave365 (http://sede.xunta.gal/tramitese-servizos/chave365).
Artigo 18. Resolución definitiva
1. Analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos.
2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.
3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o centro docente concertado beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.
2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.
3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
4. Xunto coa solicitude, a entidade solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, logo da instrución do correspondente expediente.
6. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.
Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo para asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Emprego de logos e literatura obrigada
Os centros educativos beneficiarios deben cumprir coas obrigacións en materia de información, comunicación e publicidade previstas no artigo 34 do Regulamento (UE) núm. 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.), deberanse incluír os seguintes logos:
– O emblema da Unión Europea.
– Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».
Asemade, incluirán os seguintes logos:
– Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
– Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014. Pódese consultar a seguinte páxina web: https://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm e realizar descargas en: https://europa.eu/about-eu/basic-information/symbols/flag/index_es.htm
Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.
https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf
https://ec.europa.eu/regional_policy/information-sources/logo-download-center_en
Así mesmo, deberá cumprirse tamén co establecido en materia de comunicación, información e publicidade na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en especial co previsto no seu artigo 9. En particular, cómpre ter en conta a información recollida na epígrafe de identidade visual da web do Plan de recuperación, transformación e resiliencia https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual e o Manual de comunicación para xestores e beneficiarios do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, dispoñible na seguinte ligazón: https//www.fondoseuropeos.hacienda.gob.es
Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.
Artigo 23. Medidas antifraude
1. A detección de feitos que puidesen ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx
Así mesmo, a Xunta de Galicia ten á disposición da cidadanía unha canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude a través do Sistema integrado de atención á cidadanía
https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Serán de obrigatoria aplicación a esta convocatoria o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que estean vixentes, enmarcados dentro da infraestrutura ética configurada no Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión 2021-2024 e nos principios xerais de funcionamento establecidos na normativa autonómica, dispoñibles no Portal de transparencia e goberno aberto,
https://transparencia.xunta.gal/integridade-institucional/plans-antifraude
https://www.nextgenerationgalicia.gal/-/plans-especificos-de-riscos-de-xestion-e-medidas-antifraude-incluindo-o-plan-correspondente-para-cada-conselleria-
2. Conservación da documentación.
De conformidade co artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241, é preceptivo conservar os documentos xustificativos, os datos estatísticos e demais documentación concernente ao financiamento, así como os rexistros e documentos en formato electrónico, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do devandito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros (prazos e importe aplicables por remisión normativa ao artigo 132 do Regulamento financeiro).
Artigo 24. Fiscalización e control
1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a consellería poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.
Artigo 25. Compatibilidade das axudas a centros concertados
Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
Artigo 26. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.
As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada para a inscrición dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 27. Análise sistemática do risco de conflito de interese no procedemento de concesión de subvencións no marco do PRTR
A presente convocatoria está suxeita a análise sistemática e automatizada do risco de conflito de interese prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente na concesión da subvención poderá solicitar ás persoas beneficiarias a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano concedente no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.
Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de interese indicando, en lugar do solicitante, os titulares reais recuperados polo órgano outorgante.
Disposición adicional primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición adicional segunda. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Disposición adicional terceira. Delegacións de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024, DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
