Expediente: IN407A 2023/200-1.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS novas saídas subestación RDP.
Concello: Narón.
Feitos:
1. A empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, ademais da aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica, o 13 de abril de 2023.
2. O día 31 de maio de 2023, esta empresa promotora acadou un acordo amigable co propietario do predio núm. 1, José García Rey, afectado na relación de bens e dereitos achegada por UFD Distribución Electricidad, S.A., xunto co resto da documentación inicial, declara que se obtiveron os acordos previos con todas as persoas propietarias de bens e dereitos afectadas, polo que solicitan a desistencia da declaración de utilidade pública deste expediente, proseguindo coa súa tramitación regulamentaria para a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do dito proxecto.
3. O día 5 de xuño de 2023, enviáronse as separatas a todos os organismos afectados no proxecto de execución, isto é, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA)-Mº de Transportes e Mobilidade Sustentable, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural-Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)-Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Coruña; Deputación da Coruña e Concello de Narón.
4. O día 24 de maio de 2024, este departamento territorial resolveu autorizar a resolución pola que se conceden a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Narón, cun prazo de execución dun ano contado a partir do día seguinte ao da publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.
5. A dita resolución foi publicada nos diarios oficiais correspondentes:
• DOG: 17 de xuño de 2024, núm. 116.
• BOP: 30 de maio de 2024, núm. 104.
6. A empresa promotora achega un anexo ao proxecto inicial: LMTS novas saídas subestación RDP, o 30 de abril de 2024, en que solicita incorporalo ao expediente e proseguir coa súa tramitación regulamentaria.
7. O día 3 de marzo de 2025, a empresa promotora solicitou a renuncia a todos os trámites deste expediente referentes á autorización outorgada, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Consideración legal e técnica:
O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Lexislación de aplicación:
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
O artigo 94.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que: «Toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos».
Pola súa banda, o artigo 94.4 da mesma lei sinala que: «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluído o procedemento salvo que, despois de comparecer nel terceiras persoas interesadas, instasen estas a súa continuación no prazo de dez días desde que fosen notificadas da desistencia».
Á vista dos preceptos citados e unha vez analizado o expediente, considerando que non existen terceiras interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a desistencia solicitada.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, declarar concluído o procedemento e dispoñer o seu arquivamento.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, de 2 do outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselle a resolución correspondente ao expediente que se sinala, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 7 de marzo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
