Visto o expediente de outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionaria: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida de América, 38, 28028 Madrid.
Denominación: Substitución CT Vilameá 27C935 (Samos).
Situación: concello de Samos.
Características técnicas principais:
– Instalación dun novo CTI Vilameá sobre novo apoio metálico D76-20-2-CT tipo C-2000/12, cunha potencia de 50 kVA, relación de transformación 20.000/400-230 V en substitución do CTC existente (expediente 234-2016 AT).
– Retensado dos condutores existentes tipo LA-56 sobre o novo apoio metálico.
– Desmontaxe da aparellaxe de MT e BT do transformador de caseta, conservación da caseta e desmontaxe de 37 metros de condutor existente tipo LA-56.
Finalidade da instalación: mellora da instalación.
Orzamento: 22.415,53 €.
Documentación que se xunta:
– Separata para o Concello de Samos.
– Separata para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 12 de marzo de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
