DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 4 de abril de 2025 Páx. 20523

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se deixa sen efectos a obriga de cubrir e conservar una folla de ruta nos servizos de arrendamento de vehículos con condutor.

O Acordo do 3 de setembro de 2024, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, publicado mediante a Resolución do 11 de setembro de 2024, da Secretaría Xeral de Coordinación Territorial, en relación coa Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 197, do 11 de outubro; BOE núm. 246, do 11 de outubro), remítese na epígrafe I.b) ao disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 785/2021, do 7 de setembro, sobre o control da explotación das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor.

O artigo 52.4 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, introducido polo artigo 25.6 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece que «A dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de transportes poderá acordar deixar sen efecto as obrigas que establece este artigo respecto da folla de ruta, en servizos interurbanos e, se é o caso, urbanos, cando a persoa titular da autorización de arrendamento de vehículos con condutor estea obrigada a comunicar á Administración, por vía electrónica, información análoga á prevista para a folla de ruta».

Mediante o Real decreto 785/2021, do 7 de setembro, sobre o control da explotación das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, incorporáronse modificacións sobre o control da explotación das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, indicando os datos que deben ser comunicados dixitalmente á Administración de tal xeito que queden excluídos os que se refiren aos usuarios dos servizos.

A posibilidade de contratar servizos de transporte en vehículos de turismo na vía pública está legalmente reservada aos titulares da licenza de taxi, polo que é preciso constatar que os servizos de arrendamento con condutor foron previamente contratados en cumprimento da lexislación vixente. A esta finalidade responde a necesidade de dispoñer dos datos identificativos do arrendador e do contrato. Estes datos considéranse indispensables para acreditar a efectiva contratación dos servizos e a súa exixencia é proporcionada: a remisión non presenta dificultade ningunha ás empresas, dado que dispoñen deles dixitalmente e considérase a alternativa menos gravosa.

O Tribunal Supremo, na STS do 10 de outubro de 2022 (número de recurso 429/2021) declarou que o Estado ten a competencia exclusiva para ditar normas en materia de autorizacións VTC, de acordo co disposto no artigo 149.1.21 da CE, posto que son servizos discrecionais que se prestan ao abeiro dunha autorización de ámbito nacional, competencia que, ademais, foi confirmada polo TC (STC, Pleno, 118/1996, FX 34). As competencias autonómicas na materia son, exclusivamente, as que foron delegadas polo Estado de acordo coa Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en materia de transporte por estrada e por cable.

Xa que logo, a finalidade que cumpre este Rexistro é a de permitir o exercicio de potestades administrativas de control da actividade, para garantir o cumprimento da legalidade vixente, detallando os datos requiridos e, na súa falta, a posible sanción.

Por outra parte, a existencia dun rexistro único é vantaxoso para as empresas afectadas, que utilizan sempre medios electrónicos para relacionarse coa Administración e, ademais, xa están legalmente obrigadas a facelo (artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres). Neste senso, as comunicacións informáticas que a actividade do dito rexistro implica non comportan novas cargas ou obrigas, senón que veñen a substituír as que se realizaban a través dos documentos que os interesados debían elaborar e conservar (as denominadas follas de ruta).

Ademais, como sinala o Ditame do Consello de Estado, do 10 de xuño de 2021 (páxina 19), a creación e regulación deste rexistro é competencia estatal pero, segundo os casos, as potestades de control, inspección e, se é o caso, sanción serán exercidas polo Estado ou polas comunidades autónomas, que poderán acceder a este Rexistro para poder exercer as funcións de interese público que lles correspondan.

Tales exixencias están relacionadas co fin que se persegue: controlar que os vehículos con licenza VTC desenvolvan a maior parte da súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma que concedeu a autorización.

A Resolución do 26 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Transporte Terrestre, pola que se anuncia a entrada en funcionamento do Rexistro de Comunicacións dos Servizos de Arrendamento de Vehículos con Condutor e as súas condicións de uso, estableceu que o sistema informático de xestión do RVTC está operativo desde o 1 de febreiro de 2022, e os titulares de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor deben comunicar ao dito rexistro os datos relativos a calquera servizo que vaia iniciarse a partir dese momento.

Polo tanto, en virtude do exposto, e logo de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos no Acordo do 3 de setembro de 2024, da Comisión Bilateral de Cooperación, e unha vez que está operativo o Rexistro de Comunicacións dos Servizos de Arrendamento de Vehículos con Condutor e as súas condicións de uso,

RESOLVO:

Primeiro. En aplicación do artigo 52.4 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, queda sen efecto a obriga de cubrir e conservar a folla de ruta nos servizos de arrendamento de vehículos con condutor.

Segundo. Mantense a obriga de comunicar dixitalmente ao Rexistro de Comunicacións dos Servizos de Arrendamento de Vehículos con Condutor os datos exixidos no Real decreto 785/2021, do 7 de setembro.

Disposición derradeira. Eficacia

Esta resolución terá eficacia ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade