DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 7 de abril de 2025 Páx. 20865

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto da planta solar fotovoltaica Silleda Solar, sita no concello de Silleda, proxecto promovido por Arcos de Graba, S.L. (expediente IN408A/2023/009-4).

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Arcos de Graba, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da planta solar fotovoltaica Silleda Solar, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 20.6.2023 Arcos de Graba, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica denominada Silleda Solar e da súa infraestrutura de conexión, de 2.500 kW de potencia (2.700 kW nominais dos inversores limitada por PPC Power Plant Controller) e potencia pico de 3.326,40 kW, situada no concello de Silleda (Pontevedra).

Segundo. O 16.10.2023 a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle o expediente á Xefatura Territorial en Pontevedra da Consellería de Economía, Innovación e Industria para a súa tramitación, da súa competencia nesa data.

Terceiro. O 20.11.2023 e o 15.1.2024 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Innovación e Industria requiríronlle ao promotor documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 29.11.2023 e o 17.1.2024 o promotor presentou a documentación requirida.

Cuarto. Mediante a Resolución do 29 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do proxecto da planta solar fotovoltaica Silleda Solar, no concello de Silleda (expediente IN408A 2023/009-4, e publicouse o 26.3.2024 no Diario Oficial de Galicia número 61, cunha potencia instalada de 2.500 kW.

Durante o antedito período de información pública non consta que se presentase ningunha alegación ao proxecto.

Quinto. No transcurso da tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles o 27.5.2024, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Concello de Silleda, Deputación Provincial de Pontevedra, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Urbanismo, Hidroeléctrica de Silleda, S.L. e Red Eléctrica de España, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: a Deputación Provincial de Pontevedra o 31.5.2024, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 4.6.2024 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 10.7.2024, a Dirección Xeral de Urbanismo o 19.6.2024 e Red Eléctrica de España, S.A. o 1.7.2024.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Sexto. O 20.11.2024 o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiulle a esta dirección xeral unha copia do expediente.

Na antedita remisión consta informe ao proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, do 19.12.2024 do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en que conclúe que «non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización correspondente», e indica que «deberán terse en conta os condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación».

Sétimo. O 7.2.2025 Arcos de Graba, S.L. remitiulle a esta dirección xeral a autorización do 4.2.2025 da Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) para as instalacións da planta solar fotovoltaica Silleda Solar.

Oitavo. O 7.2.2025 esta dirección xeral remitiulle, para a emisión do correspondente condicionado técnico, a separata achegada polo promotor o 7.2.2025 do proxecto de execución da planta solar fotovoltaica á Delegación do Goberno en Galicia.

De acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. A planta solar fotovoltaica de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión con data 9.5.2023 para a rede de distribución para unha capacidade de acceso de 2.500 kW, de acordo co recollido no informe do xestor da rede.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e no Decreto 192/2024, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e corresponderalle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. A instalación solar fotovoltaica de referencia non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse incluída nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O 12.2.2025 o Servizo de Avaliación Ambiental emitiu un informe en que conclúe: «Á vista das características do proxecto presentado, segundo o que consta no seu proxecto de execución, non procede a tramitación da avaliación de impacto ambiental segundo o indicado no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Arcos de Graba, S.L. para a planta solar fotovoltaica Silleda Solar, promovida no concello de Silleda (Pontevedra), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a planta solar fotovoltaica Silleda Solar, promovida no concello de Silleda (Pontevedra), segundo o proxecto de execución denominado Proxecto de execución administrativo de planta fotovoltaica para a conexión á rede Silleda Solar e infraestrutura de conexión, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Moreno Sánchez o 23.11.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotor: Arcos de Graba, S.L. (CIF B78610532).

Domicilio social: rúa Camino de la Zarzuela, 15, 28023 Madrid.

Denominación do proxecto: planta solar fotovoltaica Silleda Solar.

Situación: Silleda (Pontevedra).

Parcelas con referencias catastrais:

36052K501000220000EZ

36052K501000230000EU

36052K501000280000EY

36052K501000290000EG

36052K501000300000EB

36052M508004490000FO

36052M508004560000FX

36052M508004610000FJ

36052M508004620000FE

Coordenadas UTM ETRS89: X: 559.083,7383, Y: 4.727.051,1597.

Potencia evacuable: 2.500 kW.

Características técnicas principais das instalacións:

– Instalación solar fotovoltaica de 2.700 kW de potencia nominal (3.326 kWp), formada por:

• Cinco mil corenta (5.040) módulos fotovoltaicos de silicio cristalino de alta eficiencia, de 660 Wp.

• Estrutura soporte dos módulos fotovoltaicos metálica fixa, fincados directamente ao chan.

• Doce (12) inversores de potencia unitaria de 225 kW.

– Centro de transformación (CT) en edificio prefabricado que albergará un transformador de 3.000 kVA, con relación de transformación 20/0,8 kV, un cadro de baixa tensión, os servizos auxiliares, unha cela de protección do transformador, unha cela de liña e os elementos de control.

– Equipos de medida na subestación SET Silleda 66/20 kV da empresa distribuidora, correspondente ao punto de conexión.

– Liña de evacuación soterrada con condutor de aluminio RHZ1-Al 3×95 mm², tensión asignada 12/20 kV, de 63,59 metros de lonxitude, desde o centro de transformación ata a cela da subestación SET Silleda 66/20 kV.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na modificación do proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. De acordo co Informe da Dirección Xeral de Urbanismo, do 19.6.2024, logo do inicio das obras, o promotor deberá contar coa autorización ou informe favorable do órgano que posúa a competencia sectorial correspondente, con carácter previo á obtención do título habilitante municipal (artigo 35.1.m), en relación co artigo 36 da Lei 2/2016).

4. Para introducir modificacións que afecten datos básicos da modificación do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

5. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación, de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes realizadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Arcos de Graba, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

6. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

7. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de sete meses, contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirse a caducidade destas autorizacións.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

10. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2025

Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático