BDNS (Identif.): 824562.
De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/824562
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable.
Non poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes institucións sen fin de lucro:
– Entidades ou asociacións que pertenzan ao ámbito educativo.
– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.
As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
Segundo. Obxecto e finalidade
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2025, de acordo co establecido nesta orde.
Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 25 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215A).
Cuarto. Importe
As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432B.481.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025 por un importe inicial máximo de 70.000 €, para institucións sen fin de lucro.
A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 7.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
