DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 7 de abril de 2025 Páx. 20701

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 25 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215A).

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da Comunidade Autónoma a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está orientada, en primeiro lugar, a reforzar, cunha visión transversal e integral, o impulso do sector cultural galego que, ademais de representar un factor determinante para a identidade e cohesión social, segue a representar unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas que permitan seguir fortalecendo o ecosistema de industrias creativas e culturais ao mesmo tempo que se garante o exercicio e o acceso á cultura con plenitude a todas as persoas.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2025, de acordo co establecido nesta orde.

2. Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

3. Os festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais obxecto de subvención deben cumprir cos seguintes requisitos:

– Ter unha duración mínima de dous (2) días consecutivos e máxima de seis (6) días, dos cales dous (2) serán consecutivos. Exclúense do cómputo, as actividades complementarias, se é o caso.

– O orzamento destinado á contratación artística non superará o 50 % do orzamento do proxecto presentado e o importe por actuación non superará en ningún caso os 10.000 €.

– A programación contará, como mínimo, cun 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e/ou compañías galegas.

– O proxecto obxecto de subvención debe ter un carácter libre e gratuíto para o público asistente.

O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante unha declaración responsable que acompañará a solicitude (anexo I).

4. Serán subvencionables os proxectos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 2, que se desenvolvan no período que comprende desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025.

5. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

6. O procedemento de concesión de subvencións regulado nesta orde ten o código CT215A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios específicos, de uso obrigatorio para os interesados.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

Serán obxecto de subvención as actuacións relativas á organización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames musicais, teatrais, de danza e outras artes escénicas que teñan lugar no territorio de Galicia e que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música, o teatro e a danza de Galicia. Para os efectos desta convocatoria, non se consideran actuacións subvencionables os eventos de carácter audiovisual e/ou cinematográfico.

Quedan excluídos do obxecto desta convocatoria:

– As programacións culturais de carácter xeral.

– Espectáculos, xiras e programacións fóra do marco da organización dun festival.

– Actuacións itinerantes que formen parte doutros eventos.

– Os cursos e actividades de formación e divulgación, como obradoiros, seminarios, conferencias, encontros ou similares.

– Os proxectos de carácter exclusivamente académicos ou gremiais e os actos conmemorativos.

– Os premios e as galas.

– As actividades non dirixidas ao público en xeral.

– As actividades lúdico-deportivas.

– As festas patronais.

– As feiras sectoriais.

– As actividades de promoción turística.

– As feiras gastronómicas.

– Os festivais ou proxectos xa financiados mediante subvención ou outro instrumento xurídico pola Dirección Xeral de Cultura ou que poidan acollerse a outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Artigo 3. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro, sen prexuízo do cumprimento da totalidade da normativa aplicable, deberán reunir os seguintes requisitos xerais:

– Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nas epígrafes anteriores realizarase mediante declaración responsable, a través do anexo I de solicitude.

2. Ademais dos requisitos establecidos no número 1 deste artigo, deben reunir os seguintes requisitos específicos:

– Ter representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Ter como obxecto social nos seus estatutos o fomento e dinamización da cultura galega.

– Desenvolver a maior parte das súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes institucións sen fin de lucro:

– Entidades ou asociacións que pertenzan ao ámbito educativo.

– Asociacións ou federacións de veciños, e da terceira idade.

As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025 seguinte: 13.03.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 70.000,00 €

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existindo crédito adecuado e suficiente previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

3. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 7.000,00 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar.

4. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Compatibilidade con outras axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superar o custo da actuación que vaia desenvolver a entidade solicitante. No caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. As entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade utilizando o formulario establecido para os efectos no anexo I desta orde, o cal terá que volver presentarse no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Premios e galardóns oficiais.

e) Gastos de viaxes, aloxamento e manutención das persoas participantes nas actividades propostas. Estes gastos deberán especificarse e motivarse no orzamento.

2. Os ditos gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2025.

3. En ningún caso serán subvencionables:

a) Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

b) Gastos de salarios ou calquera tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora das actuacións.

c) Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

d) Gastos protocolarios.

e) Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

f) Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Cultura por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de participación para estas axudas deberán respectar as seguintes condicións:

a) Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude cun único proxecto.

b) Cando o órgano tramitador observe que unha institución sen ánimo de lucro participa en máis dunha solicitude, poñerao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo; de non o facer, non se admitirá ningunha das solicitudes presentadas.

2. As entidades solicitantes que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Documentación xeral:

a) Certificado de acordo de solicitude da axuda, que deberá recoller a aceptación das condicións e requisitos establecidos na orde, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

b) No caso de fundacións, acreditación de estar ao día no cumprimento das obrigas de presentación das contas do padroado, de acordo coa normativa específica que rexa a entidade.

c) Acreditación da representación da persoa que asina a solicitude en nome da entidade.

d) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

1.2. Documentación específica:

a) Ficha do proxecto (anexo II)

b) Memoria da traxectoria e interese cultural e artístico do evento en edicións anteriores, que deberá abordar, conforme o establecido no artigo 14.1.A, os seguintes aspectos:

– Antigüidade do evento.

– Premios e recoñecementos acreditados.

– Asistencia de público, con achega de datos de participación presencial.

– Calidade das programacións, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e creativos.

– Repercusión nos medios de comunicación e no territorio.

A memoria deberá ter unha extensión mínima de dúas páxinas a dobre cara co seguinte formato: letra Arial ou Times New Roman, tamaño 12, interliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

c) Memoria completa e detallada do proxecto que se vai realizar, que deberá abordar, conforme o establecido no artigo 14.1.B, os seguintes aspectos:

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural da edición.

– Contribución e estratexias de captación ou creación de novos públicos.

– Apoio, se é o caso, ás novas audiencias e aos colectivos desfavorecidos e non habituais no consumo cultural.

– Programación de actividades culturais complementarias vinculadas ao proxecto presentado.

– Plan de comunicación.

– Repercusión territorial.

– Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas, indicando a lingua que se empregará tanto no desenvolvemento como na difusión da actividade, o establecemento do uso da lingua non suporá un límite ao establecemento ou prestación das actuacións.

A memoria deberá expoñer con claridade o carácter musical ou escénico do proxecto e concretará os obxectivos que se perseguen, os resultados esperados, así como a temporalización e localización do evento.

A memoria deberá ter unha extensión mínima de dúas páxinas: letra Arial ou Times New Roman tamaño 12, interliñado sinxelo, aliñación xustificada e marxes de 2 cm.

2. Sen prexuízo de todo o anterior, a entidade solicitante poderá achegar calquera outra documentación que entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude; así mesmo, a unidade tramitadora das subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que considere pertinente.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá requirir as entidades solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación do procedemento.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda de solicitudes

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle ao Servizo de Promoción da Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Logo de revisar a documentación inicial e, se é o caso, realizado o trámite de emenda, o órgano instrutor remitirá á Comisión de Valoración os expedientes presentados para a súa valoración conforme o principio de concorrencia que rexe as bases reguladoras.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración axustarase aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

b) Secretaría: exercerá a secretaría da Comisión un/unha dos/das vogais da Comisión.

c) Vogalías: a persoa titular do Servizo de Promoción Cultural, a persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación Administrativa e Apoio Normativo da Área de Cultura e dúas persoas funcionarias nomeadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

2. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria, que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. A Comisión realizará a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios establecidos no artigo 14 e de repartición económica, a cal se realizará proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 4.4 da orde.

Logo de que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de valoración e repartición económica, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Cultura elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen resolverá.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten serán valoradas pola Comisión de Avaliación a que fai referencia o artigo 13, de acordo cos seguintes criterios:

A) Traxectoria e interese cultural e artístico do evento nas edicións anteriores: máximo 25 puntos. A Comisión valorará, segundo a documentación acreditativa presentada, os seguintes aspectos:

– A antigüidade do evento, carácter continuado e non ocasional do proxecto e concreción do número de edicións levadas a cabo, exclúese para o cómputo a edición para a cal se solicita, 1 punto por cada 5 edicións, cun máximo de 5 puntos.

– Os premios e recoñecementos acadados polo evento: 1 punto por cada premio acreditado, cun máximo de 5 puntos.

– A asistencia de público en edicións anteriores: 1 punto por cada 1.000 asistentes, cun máximo de 5 puntos. Deberá indicarse o sistema de acreditación de entrada que permita avaliar a asistencia de persoas ao evento (inscricións, control de accesos, invitacións etc.).

– A calidade das programacións: máximo 5 puntos. Explicitaranse os aspectos innovadores e creativos das propostas presentadas en edicións anteriores, tanto no referido ao tipo de actividade como ao seu desenvolvemento, outorgando a seguinte puntuación:

• Escaso nivel de detalle: 1 punto.

• Detalle e explicación da innovación, orixinalidade e creatividade do proxecto a nivel xeral: 3 puntos.

• Detalle e explicación da innovación, orixinalidade e creatividade cun alto nivel de precisión e claridade: 5 puntos.

– A repercusión do evento nos medios de comunicación e no territorio nas edicións anteriores: máximo 5 puntos.

Avaliaranse todas as medidas adoptadas para dar a coñecer a actividade, valorando o alcance territorial da difusión, isto é, a súa contribución na acción cultural e dinamizadora do territorio, así como os medios de comunicación empregados para difundir o proxecto, tanto os soportes tradicionais como a utilización de tecnoloxías da información e da comunicación e redes sociais.

• Escasa repercusión: 1 punto.

• Repercusión media: 3 puntos.

• Alta repercusión: 5 puntos.

B) Valoración do proxecto que se vai realizar na edición 2025: máximo 47 puntos.

– Interese, singularidade e relevancia artística e cultural do evento: máximo 15 puntos.

A Comisión valorará os seguintes aspectos: a orixinalidade e o carácter innovador do proxecto en relación con outros eventos similares, a experimentación de novos formatos, o tratamento de temáticas pouco difundidas ou, dentro da especificidade e carácter propio de cada proxecto, o seu valor cultural.

• A explicación que se facilita, con independencia da extensión do texto, é moi básica e pouco clara e con información moi pouco precisa: 5 puntos.

• A explicación é correcta, sen desenvolver algún dos aspectos de orixinalidade, singularidade, claridade da proposta e adecuación aos obxectivos: 10 puntos.

• A explicación é moi clara e expón unha información moi detallada e precisa incluíndo todos os aspectos avaliables diferenciadores doutros proxectos: 15 puntos.

– Contribución á captación ou creación de novos públicos: máximo 10 puntos.

Valorarase a capacidade do proxecto para promover a diversidade sociocultural do público, a accesibilidade, as relacións interxeracionais, e/ou a integración de persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade ou non habituais no consumo cultural.

• Non se especifican pautas nin medidas de captación: 0 puntos.

• As medidas son moi xerais e pouco detalladas: 3 puntos.

• As medidas están presentes na programación, pero non se desenvolven e/ou concretan de modo especial: 5 puntos.

• As medidas están presentes ou moi presentes e son as máis adecuadas e óptimas na busca do incremento e captación de novos públicos: 10 puntos.

– Actividades culturais complementarias, vinculadas ao proxecto presentado: 5 puntos.

Enténdese por actividades complementarias aquelas suplementarias aos festivais tales como obradoiros, charlas ou conferencias, actividades de fomento de novos públicos, pedagóxicas e divulgativas, dirixidas ao público.

• De carácter formativo: 1 punto por cada actividade, máximo 3 puntos.

• De carácter divulgativo (edición de libros, conferencias, premios, concursos): 1 punto por cada actividade, máximo 2 puntos.

– Plan de comunicación: 6 puntos.

Valoraranse os seguintes aspectos: as estratexias de comunicación incluíndo as posibilidades de emisión dixital, a amplitude de medios a que vai dirixido, o cronograma de actuacións e o período de tempo dedicado á súa execución.

• Ausencia dun plan de comunicación: 0 puntos.

• Plan de comunicación convenientemente estruturado pero cunha metodoloxía en que non se desenvolven máis de dous aspectos dos valorados: 3 puntos.

• Plan de comunicación ben estruturado e detallado con precisión, capaz de potenciar e promover efectivamente o evento e que desenvolva convenientemente 3 ou máis dos aspectos valorados: 6 puntos.

– Repercusión territorial do evento: 6 puntos.

A repercusión territorial está referida ao impacto de carácter sociocultural que pode xerar no territorio o proxecto, valorándose a implicación e a colaboración e participación do tecido cultural, asociativo e veciñal da zona para que o evento acade unha maior relevancia e participación, ou a capacidade de atraer e interesar ao público.

• Escasa repercusión: 0 puntos.

• Repercusión media: 2 puntos.

• Alta repercusión: 4 puntos.

– Contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e lingua galegas: 5 puntos.

Valorarase como un dos obxectivos do proxecto o fomento do uso e coñecemento da lingua galega, así como as medidas encamiñadas á súa promoción.

• Uso do galego como lingua vehicular (3 puntos).

• Uso do galego na difusión da actividade (2 puntos).

C) Viabilidade económica do proxecto: máximo 25 puntos.

Valorarase a porcentaxe de achega propia ou de terceiros na realización do proxecto:

– Se a entidade financia do 31 % ao 40 %: 5 puntos.

– Se a entidade financia do 41 % ao 60 %: 15 puntos.

– Se a entidade financia do 61 % en adiante: 25 puntos.

Se, por aplicación dos criterios de valoración, dúas ou máis solicitudes obtivesen a mesma puntuación e non é posible por razóns orzamentarias adxudicar a axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a porcentaxe de autofinanciamento que sexa superior, e, de persistir o empate, resolverase tendo en conta a data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola Comisión de Valoración, repartindo o importe total do crédito dispoñible para cada tipo de entidade beneficiaria (institucións sen fin de lucro) de forma proporcional aos importes das axudas solicitadas e da puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, https://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

2. Os proxectos admitidos que non acaden unha puntuación igual ou superior a 22 puntos no número 14.1.B dos criterios de valoración (valoración do proxecto que se vai realizar) non terán dereito a subvención; así mesmo, aqueles proxectos que, obtendo a puntuación mínima requirida no número 14.1.B, non acaden unha puntuación total igual ou superior a 42 puntos non terán dereito a subvención.

3. A proposta de resolución provisional incluirá a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a non admisión das restantes solicitudes, diferenciando as ditas puntuacións para cada un dos dous tipos de entidades beneficiarias. Para os proxectos admitidos, indicaranse aqueles que superaron a puntuación mínima exixida e aos cales se lles denegou a subvención por non acadar a dita puntuación.

4. No suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro conforme o previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que acadasen a puntuación mínima requirida e que non obtiveran subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase do mesmo modo cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

5. As entidades disporán de 10 días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Cultura no lugar e forma indicados no artigo 8 desta orde.

En todo caso, entidades que presenten alegacións enviarán un correo electrónico á Dirección Xeral de Cultura, Servizo de Promoción da Cultura, no seguinte enderezo: servizopromocion.cultura@xunta.gal, en que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo.

Nesta fase, os potenciais beneficiarios poderán alegar o que consideren pertinente, en ningún caso será modificable o obxecto, as condicións, a finalidade e os criterios que sexan valorables nas bases.

6. Logo de examinar as alegacións aducidas polas entidades interesadas, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar as entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da subvención, o proxecto subvencionado e o importe da subvención proposta. Os proxectos propostos ordenaranse por rigorosa orde de incoación dos expedientes.

7. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún en favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 16. Resolución

1. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, logo da elevación da proposta de resolución definitiva, ditará a resolución de concesión, debidamente motivada, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na resolución constará a identificación das entidades beneficiarias a actuación subvencionada e o importe subvencionado. Os proxectos subvencionados ordenaranse por rigorosa orde de incoación dos expedientes.

A repartición entre as entidades solicitantes realizarase tendo en conta a puntuación obtida, a dotación da convocatoria actual e os valores de todos os beneficiarios que acaden a puntuación mínima. A contía das subvencións finais será obxecto de redondeo a números enteiros.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

2. A resolución e concesión notificaráselles aos interesados consonte o artigo 17 da orde e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, daráselle publicidade na páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, https://www.cultura.gal

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións das características dos proxectos subvencionados atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación.

3. A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión das axudas, sempre e cando non se causen prexuízos a terceiros.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de diez (10) días hábiles para a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas nesta convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, salvo causas de forza maior aceptadas pola Comisión de Valoración e, de non facelo, incorrerá nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, conforme o establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme se establece no artigo 25 da orde de convocatoria.

3. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que a entidade beneficiaria recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 21. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2025; transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos da xustificación das subvencións.

A falta de presentación da xustificación no tempo e forma establecidos neste artigo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Malia o disposto na epígrafe anterior, o órgano que concede a subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable, de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A documentación xustificativa presentarase conforme o seguinte:

a) Solicitude de pagamento da subvención (anexo III), debidamente cuberta e asinada pola persoa representante da entidade.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos correntes incorridos para a realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupadas.

c) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

A factura deberá recoller os seguintes datos: identificación do emisor e receptor, data de emisión, número de factura, concepto e importe.

O concepto da factura debe ser o máis detallado posible e reflectir claramente a súa relación co evento obxecto de subvención.

No xustificante bancario deberá constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a data.

O xustificante da transferencia bancaria estará debidamente identificado e selado pola entidade bancaria, salvo que o pagamento se realice mediante banca electrónica. Neste caso, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria das subvencións.

Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 300 euros, ata un máximo de 2.000 € por expediente. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

d) Memoria explicativa do proxecto realizado, que comprenderá, como mínimo, as epígrafes seguintes:

– Programación das actuacións realizadas.

– Temporalización do evento.

– Localización do evento.

– Repercusión territorial.

– Cuantificación e perfil das persoas participantes.

– Repercusión do evento nos medios de comunicación e redes sociais. Documentación gráfica acreditativa.

– Resultados obtidos.

– Porcentaxe de financiamento propio en relación co orzamento total do proxecto.

A memoria recollerá explicitamente o cumprimento de cada un dos requisitos do proxecto establecidos no artigo 1.3 da orde.

e) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada procedentes das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña a partir da data desta declaración (anexo III).

3. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 22. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, a Dirección Xeral de Cultura realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. Non poderá realizarse o pagamento das axudas en canto o beneficiario non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para os efectos e con carácter xeral, considerarase gasto realizado aquel que estea pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, 31 de outubro de 2025.

Artigo 23. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas, xunto cos xuros de demora correspondentes, conforme o procedemento establecido no título II da Lei de subvencións de Galicia e normativa que a desenvolve, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 50 % do orzamento das actuacións subvencionables.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade do pagamento da subvención nos termos establecidos no artigo 22.3 desta orde.

En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de solicitar e obter un mínimo de tres ofertas, nos supostos en que sexa exixible no artigo 19.2 desta orde ou non achegalas xunto coa xustificación da subvención.

d) De conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións nos termos establecidos nos artigos 17.9 e 18.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 de dita lei ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

3. Ás entidades beneficiarias destas subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Recursos

Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

E supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificacións das subvencións concedidas na Administración do Estado.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file