DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 10 de abril de 2025 Páx. 21489

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transporte por Estrada.

O Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada (Comité, en diante) e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte dispón, no seu artigo 13, que a composición das distintas seccións do Comité será revisada cada 4 anos. Con este motivo, as distintas asociacións que formen parte de cada sección, así como as que desexen entrar no Comité, serán convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade no último semestre do cuadrienio, co obxecto de que dentro dun prazo non inferior a un mes xustifiquen a súa representatividade de conformidade coas regras establecidas para o efecto.

Tendo en conta que a última revisión da composición do Comité se realizou no ano 2020, faise necesario convocar de novo as asociacións que actualmente forman parte de cada sección do Comité, así como as que desexen entrar a formar parte dalgunha ou algunhas delas, co obxecto de que xustifiquen a súa representatividade.

Co obxecto de lograr unha axeitada representatividade no Departamento de Transporte de Viaxeiros, debe realizarse unha interpretación integradora dos artigos 6 e 11 do Decreto 251/1998, o cal implica necesariamente partir da base de que o decreto prevé a posibilidade de que se integren no Comité tanto as federacións coma as asociacións representativas do sector do transporte, coa única limitación de que cando participen federacións no Comité non poderán ter representación neste as asociacións que conformen as referidas federacións.

É consecuencia necesaria da lectura dos referidos preceptos entender que o artigo 6, ao referirse a asociacións, estende os seus efectos sobre as federacións ou confederacións de transportes que soliciten acceder ao Comité, pois que este pretende, como así se establece na exposición de motivos do decreto, servir de canle de comunicación e colaboración do sector do transporte na busca dunha mellor xestión en beneficio dos propios transportistas e dos usuarios, en definitiva, da sociedade no seu conxunto.

De conformidade co exposto, esta dirección xeral entende que cumprirán cos requisitos establecidos no punto 2 do artigo 6 do Decreto 251/1998, do 10 de setembro, as federacións ou confederacións que gocen de implantación polo menos en tres provincias, e en cada unha das tres provincias alcancen ou ben o 10 % de afiliados ao conxunto das asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate, ou ben o 15 % de vehículos autorizados que pertenzan aos socios afiliados a aquelas asociacións.

Na súa virtude, oídas as entidades representadas no Comité Galego de Transporte por Estrada,

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

Esta resolución ten por obxecto convocar as asociacións profesionais de transportistas por estrada e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte que actualmente integran cada unha das seccións do Comité, así como as que desexen participar nel, para que acrediten ante a Dirección Xeral de Mobilidade a súa respectiva implantación no subsector empresarial que representan, de conformidade co disposto nesta resolución.

Con este fin, os interesados tramitarán unha solicitude á Dirección Xeral de Mobilidade manifestando o seu interese en participar, segundo as indicacións dos seguintes números e acompañándose a documentación requirida.

Segundo. Documentación das asociacións, federacións e confederacións

Para os efectos da súa constancia no Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte (regulado nos artigos 10 e 11 do Decreto 251/1998, do 10 setembro), no cal deberán inscribirse necesariamente todas as asociacións que desexen participar como membros do Comité, e co obxecto de acreditar a súa constitución, obxecto e fins, deberá achegarse por cada asociación e, se for o caso, federación e/ou confederación en que aquelas se integren orixinal ou copia compulsada dos seguintes documentos:

a) NIF da asociación.

b) Estatutos vixentes. Incluiranse, igualmente, as modificacións estatutarias realizadas e que rexan na actualidade.

c) Poder ou representación que exerce a persoa ou persoas que vaian actuar en nome da asociación.

d) En caso de tratarse dunha federación e/ou confederación, declaración responsable das asociacións que forman parte da entidade solicitante na data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, indicando denominación, domicilio, NIF, teléfono e correo electrónico de cada unha das asociacións que a integren.

Deberá quedar acreditado, en todo caso, que a anterior documentación foi obxecto dos trámites precisos para a súa legalización conforme as normas aplicables.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola entidade interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Terceiro. Disposición de persoal e locais

1. Co fin de acreditar o funcionamento efectivo das asociacións, federacións e/ou confederacións, deberá xustificarse a disposición dos locais e do persoal axeitado para o exercicio da súa actividade.

As asociacións e federacións que actualmente formen parte do Comité abondará con que acheguen certificación do secretario xeral ou órgano equivalente en que conste que cumpren este requisito, indicando a dirección dos locais ou oficinas, os centros de traballo do persoal en cada provincia e o número de persoas traballadoras adscritas a cada un deles na data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. En relación con aquelas empresas que posúan varios centros de traballo repartidos polo territorio nacional, estando polo menos un deles no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de acreditar a representatividade neste Comité, unicamente se poderán computar aqueles dos seus vehículos habilitados para realizar transporte que estean radicados habitualmente en Galicia, o cal será obxecto de comprobación mediante os TC, sen que se teña en consideración un número de vehículos superior ao de persoal de condución dos ditos centros. Neste senso, respecto das empresas que conten con domicilio social fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán presentarse as RLC e RNT correspondentes, en formato electrónico.

Cuarto. Datos das entidades solicitantes e das súas empresas afiliadas

En cumprimento do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os solicitantes deben relacionarse coa Xunta de Galicia a través da súa sede electrónica.

Esta solicitude realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, presentando unha solicitude xenérica mediante o servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, a través do enderezo http://sede.xunta.es/tramitar/PR004A

Co obxecto de facilitar a recollida dos datos e o seu posterior tratamento, esta dirección xeral promove que os solicitantes presenten os datos relativos ás súas empresas afiliadas cubrindo os formularios en formato Microsoft Excel e Libre Office elaborados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dispoñibles, para a súa descarga e presentación, no seguinte enderezo:

https://amtegabox.xunta.gal/index.php/s/pTCiBnfZGMidcsE

Cando se trate de federacións e/ou confederacións, os datos deberán estar referidos a cada unha das asociacións que as integran.

Os referidos ficheiros deberán presentarse de forma diferenciada por cada un dos departamentos e para cada unha das clases de transporte por estrada e de actividades auxiliares e complementarias do transporte que constitúen seccións diferenciadas no Comité.

Tanto a relación de matrículas coma os certificados deberán ser presentados con data do último día do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de que esta dirección xeral poida realizar aquelas comprobacións que considere convenientes e requirir a todos os solicitantes que presenten novamente os devanditos documentos nun momento anterior á data en que se dite a resolución de renovación do Comité.

En todo caso, os solicitantes poderán optar por achegar os datos de conformidade coas especificacións previstas no anexo do Decreto 251/1998, do 10 setembro.

Para a Sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús, deberá presentarse a certificación a que se fai referencia na letra a) do punto sexto desta resolución.

En canto á Sección de transporte público urbano de viaxeiros en autobús presentarase:

– Unha certificación acreditativa de que estes se encontran autorizados para a prestación de tales servizos expedida pola correspondente entidade local.

– No caso dos autobuses urbanos que carezan de autorización VD e que sexan obxecto de anotación, deberán acompañarse dun certificado do concello en que se faga constar tanto o feito da adscrición como os datos identificadores do vehículo, entre os cales deberá de figurar a matrícula.

Os solicitantes que sexan empresas de arrendamento de vehículos sen condutor e que desexen formar parte da sección actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada, acompañarán, respecto das sucursais de que dispoñan, unha certificación acreditativa de que estas se encontran abertas ao público conforme a lexislación que resulte de aplicación expedida pola entidade local en que se domicilie.

Quinto. Estrutura dos ficheiros de datos

O ficheiro facilitado, que será anexado á solicitude, conta con tres bloques de formularios:

– Datos da entidade solicitante, cos formularios para identificar a asociación, federación ou confederación solicitante e, de ser o caso, as asociacións que a integran.

– Departamento de viaxeiros: onde se recollen os formularios que hai que cubrir para formar parte das correspondentes seccións.

– Departamento de mercadorías: onde se recollen os formularios que hai que cubrir para formar parte das correspondentes seccións.

Para cada departamento, de forma auxiliar á documentación requirida nos puntos anteriores, deberá achegarse a seguinte información identificativa:

– Datos de identificación da asociación, federación ou confederación: denominación, NIF, siglas, enderezo postal e electrónico, representante e teléfono.

– Datos das asociacións integradas (se é o caso): denominación, NIF, siglas e enderezo postal.

Para cada Sección, deberase presentar unha relación das empresas asociadas correspondentes indicando o seu número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada, teléfono e conta de correo electrónico.

Para a sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús será necesario incluír o número de autorización de cada empresa.

Para a sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús será necesario incluír a denominación ou razón social da empresa, o correo electrónico, o municipio e a provincia do servizo e as matrículas dos vehículos adscritos, ademais da documentación indicada no punto cuarto.

Para a sección de estacións de transportes será necesario incluír a denominación ou razón social da empresa e datos de identificación da estación de autobuses correspondente.

As entidades interesadas poden remitir calquera consulta adicional sobre a formalización dos formularios por correo electrónico ao enderezo: consello.transportes@xunta.gal

Sexto. Regras de cómputo para a validación dos datos

Con carácter xeral, para ambos departamentos, de transporte de viaxeiros e de transporte de mercadorías, do Comité, computaranse todas as empresas e autorizacións que, cumprindo os requisitos formais, se encontren en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte ou, de ser o caso, se encontren acreditadas nas preceptivas certificacións previstas nos puntos anteriores, á data de finalización do prazo de presentación.

Os NIF, e, de ser o caso, as autorizacións e matrículas, deberán consignarse correctamente na documentación entregada. Non se terán en consideracións os NIF que non se adecúen ao formato.

a) Transporte de viaxeiros:

– Transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús.

Neste ficheiro incluiranse, dentro das autorizacións da clase VD, o número de copias autorizadas que cada empresa teña adscritas, con carácter de mínimo, aos servizos de transporte regular de uso xeral de que sexa titular, tendo en conta que os vehículos adscritos simultaneamente a máis dunha concesión computarán unicamente nunha delas.

Se o número de vehículos efectivamente adscritos á concesión fose superior ao definido no correspondente proxecto de explotación da concesión como mínimos e reservas, deberá terse en conta o seguinte:

i) No suposto de contratos de concesión dos que sexan concesionaria unha única persoa física ou xurídica, terase en conta un número de vehículos igual ao que figurase no respectivo proxecto de explotación como mínimo e reserva sempre que figuren efectivamente adscritos á concesión o último día do prazo de presentación de solicitudes. Neste caso, se a mesma persoa física ou xurídica é concesionaria de máis dun contrato de concesión, verificarase que ningún dos vehículos computados figura adscrito simultaneamente a dúas ou máis concesións.

ii) No suposto de contratos de concesión dos que sexan concesionarias unha agrupación de empresas ou unha unión temporal de empresas, deberá xuntarse coa solicitude unha certificación asinada dixitalmente polo representante do concesionario en que especifique, coa súa matrícula, os vehículos concretos que deban ser computados de entre os que figuren adscritos ao respectivo contrato, sen exceder da dita suma de mínimos e reserva previstos no correspondente proxecto de explotación, e todo isto con efectos do último día de presentación de solicitudes. Neste suposto, no caso de que unha mesma persoa figure como representante de varios contratos, poderá remitirse unha única certificación que integre as ditas concesións, mais individualizando a información correspondente a cada unha delas.

Neste caso, recibida/s a/as dita/s certificación/s, e verificada a titularidade dos vehículos e a súa efectiva adscrición ao respectivo contrato de concesión con efectos, en ambos os dous casos, do último día de presentación de solicitudes, calcularase o número de vehículos que corresponda a cada empresa das que integren as diferentes entidades solicitantes; para tal efecto, no suposto de identificación nalgún contrato dun número de vehículos superior ao que figurasen no correspondente proxecto de explotación como mínimos e reserva, seleccionaranse por orde de anotación os primeiros que se indicasen na correspondente certificación ata acadar o dito número máximo, descontando a continuación aqueles vehículos que se tivesen identificado simultaneamente en dúas ou máis concesións.

En ningún caso serán tidas en conta as copias de autorizacións da clase VD que estean adscritas a contratos de xestión de ámbito estatal, nin as correspondentes a empresas que estean afiliadas a asociacións cuxo ámbito de actuación, segundo os seus estatutos, sexa unha provincia distinta daquela en que a empresa teña o seu domicilio social e/ou centro/s de traballo.

Tampouco se computarán os vehículos dedicados ao transporte urbano nin se computarán as empresas asociadas a varias asociacións, federacións ou confederacións que para os efectos de outorgar representatividade no Comité non elixiron unha soa destas.

– Transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús.

A Administración, para os efectos do cómputo das matrículas correspondentes a esta sección, restará das matrículas totais as que se acreditasen para o transporte público regular de uso xeral interurbano en autobús, de acordo cos datos que constan nos arquivos da Dirección Xeral de Mobilidade. Se o resultado é cero ou un número negativo, non se computará a empresa nin as súas copias nesta sección.

– Transporte público urbano de viaxeiros en autobús.

– Transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o condutor (Taxi e VTC).

– Estacións de transporte de viaxeiros, segundo o establecido no artigo 184.1 do Real decreto 1211, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada (empresas de arrendamento de vehículos sen condutor).

b) Transporte de mercadorías:

– Transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros.

Contabilizaranse todas as copias adscritas a vehículos pesados e lixeiros das autorizacións de empresa (das clases MDP ou MDL).

Non serán tidas en conta, unha vez efectuada a correspondente comprobación de acordo cos datos que consten no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, aquelas autorizacións de empresas que non estean de alta no último día do prazo de presentación de solicitudes por estar en réxime de suspensión ou por outros motivos (renuncia, baixa, etc.).

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada.

En relación coas empresas titulares de autorizacións de clase OT, cada asociación ou, se for o caso, federación ou confederación, indicará en cal das dúas seccións para cuxa actividade se require a mencionada autorización desexa que se compute mediante a súa inclusión na relación correspondente a esta, sen que poida aparecer simultaneamente en máis dunha sección nos ficheiros que, para tales efectos, presente.

Sétimo. Prazo de presentación

A documentación a que se refiren os puntos anteriores deberá presentarse no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o 16 de maio de 2025. Cando non se achegue a totalidade da documentación ou datos exixidos ou se acheguen de forma diferente á establecida nesta resolución, a Dirección Xeral de Mobilidade requirirá a asociación federación ou confederación para que, nun prazo de entre dez e quince días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución ou, se é o caso, non se computarán as empresas ou autorizacións en relación coas cales non se acheguen os datos na forma indicada ou sexan insuficientes.

Transcorridos os devanditos prazos, non se admitirá a presentación de nova documentación salvo que sexa requirida expresamente pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Oitavo. Procedemento de verificación

Unha vez presentada a documentación citada nos puntos precedentes, a Dirección Xeral de Mobilidade, realizará co auxilio, se é o caso, doutras entidades, as necesarias comprobacións dos datos facilitados polas asociacións, federacións ou confederacións.

Para os efectos de verificar os datos de empresas afiliadas tomará unha mostra determinada obxectivamente en función do número total dos rexistros de cada relación, cuxo tamaño garanta, en todo caso, a mesma marxe de erro independentemente do número de afiliados que achegue cada asociación. Os resultados que se obteñan aplicaranse ao número total de empresas e autorizacións achegadas.

Cando os erros que se detecten alteren substancialmente a representatividade que lle correspondería á asociación de que se trate, a Dirección Xeral de Mobilidade, sen prexuízo de iniciar as actuacións oportunas que conduzan á depuración de responsabilidades de quen promoveu o expediente ou certificado sobre a súa veracidade, poderá proceder ao arquivamento da documentación achegada e a súa non consideración para os efectos de participación no Comité.

Neste sentido, considérase que os erros alteran substancialmente a representatividade cando, en calquera das fases do procedemento, afecten polo menos o 60 % das empresas dunha asociación nunha determinada sección das que constitúen o Comité.

Noveno. Acordos sobre recoñecemento de representatividade

No suposto de que todas as asociacións e/ou federacións ou confederacións que pretendan formar parte dunha mesma sección do Comité se recoñezan mutuamente unha determinada porcentaxe de representatividade, e así o manifesten ante a Dirección Xeral de Mobilidade mediante escrito asinado polos seus respectivos presidentes, aquela aceptará provisionalmente tal repartición de representatividade.

Con independencia de que este acordo sexa aceptado pola Dirección Xeral de Mobilidade, as asociacións e federacións ou confederacións que o alcanzasen deberán igualmente achegar a documentación prevista na presente resolución.

Se antes da finalización do prazo establecido para a presentación de documentación no punto sétimo non se dirixe a esta dirección xeral ningunha outra asociación que pretenda formar parte desa mesma sección ou que disinta do acordo inicialmente alcanzado, elevaranse a definitivas as porcentaxes de representatividade acordadas polas asociacións.

Se algunha asociación non participase no acordo, este non será tido en conta e examinarase a totalidade da documentación requirida, para os efectos da determinación da representatividade que corresponda a unhas e outras conforme ao procedemento xeral de contaxe.

Décimo. Protección de datos

As asociacións, federacións ou confederacións do sector de transporte por estrada deben cumprir os requirimentos establecidos na lexislación española de protección de datos.

Décimo primeiro. Falseamento de datos

O falseamento da documentación ou dos datos a que se refire esta resolución determinará que non se teña en consideración a documentación presentada polas asociacións, federacións ou confederacións e que sexan sancionadas conforme á lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade