DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 11 de abril de 2025 Páx. 22091

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2025 pola que se convoca o Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito no ano 2025 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar, ao abeiro do dito convenio, o Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia, que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Obxectivos

Proporcionarlles formación aos delegados de protección de datos persoais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral, e da Administración institucional e dos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de que coñezan en profundidade os principais aspectos da protección de datos persoais no ámbito das administracións públicas.

Segunda. Contidos

Este curso abordará os seguintes contidos:

• Dilixencia in eligendo e in vigilando dos encargados de tratamento.

• Aplicación ao sector público da Directiva NIS2 e relación co ENS.

• Xestión de ciberincidentes no ámbito das administracións públicas. Especial atención aos supostos resoltos ante a autoridade de control.

• Tratamentos de datos persoais nos procesos selectivos á función pública.

• Resolucións de interese das autoridades de control con respecto ao sector público.

Terceira. Número de prazas

Trinta (30).

Cuarta. Persoas destinatarias

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal empregado público nomeado delegado de protección de datos (en diante, DPD) ou cuxo nomeamento estea previsto a curto prazo, destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral, na Administración institucional, así como o persoal empregado público que forme parte do equipo de apoio aos DPD nos ámbitos anteriormente indicados e outro persoal da Amtega con responsabilidades en materia de protección de datos. Os empregados públicos destinatarios desta acción formativa deben encontrarse en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria.

2. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e administración sanitaria, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade: o curso desenvolverase na modalidade de telepresenza, a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

2. Duración: 16 horas lectivas.

3. Datas de desenvolvemento:

• 1ª sesión de telepresenza: luns 12 de maio de 2025, das 9.30 ás 12.30 horas.

• 2ª sesión de telepresenza: luns 9 de xuño de 2025, das 16.00 ás 19.00 horas.

• 3ª sesión de telepresenza: martes 30 de setembro de 2025, das 9.30 ás 12.30 horas.

• 4ª sesión de telepresenza: martes 28 de outubro de 2025, das 16.00 ás 19.00 horas.

• 5ª sesión de telepresenza: martes 25 de novembro de 2025, das 9.30 ás 12.30 horas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Ordenador de sobremesa, portátil ou teléfono intelixente.

• Conexión estable á internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza, o alumnado contará cun manual de usuario na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd, onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e se describen os compoñentes que o equipo necesita para un funcionamento básico da plataforma.

4. Proba de avaliación final:

A proba de avaliación final será en liña, a través da aula virtual da EGAP, o martes 2 de decembro de 2025, das 16.00 ás 17.00 horas.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e cos criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «Nome do curso»: Curso para persoal delegado de protección de datos da Xunta de Galicia.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día 21 de abril de 2025.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico xestion.egap@xunta.gal ou nos teléfonos 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 62 53 e 981 54 63 35, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións da actividade formativa impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. As ditas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado mentres dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderá ser accesible unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e para o persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar, ante a persoa responsable do tratamento, o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Oitava. Criterios de selección

As persoas solicitantes serán seleccionadas de acordo coa seguinte orde de preferencia:

1º. Persoas nomeadas delegados/as de protección de datos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral, e na Administración institucional galega. Inclúense tanto a persoa titular como a suplente.

2º. Persoas que estea previsto que sexan nomeadas delegados/as de protección de datos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral, e na Administración institucional galega, xa sexa como titular ou como suplente.

3º. Empregados públicos que formen parte do equipo de apoio ao DPD na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral, e na Administración institucional.

4º. Calquera outro empregado público da Amtega con responsabilidades en materia de protección de datos persoais.

Dentro de cada grupo, as persoas indicadas na base cuarta desta resolución serán ordenadas de acordo cos criterios selectivos que son os sinalados, con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio); corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo e DOG núm. 148, do 4 de agosto).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2025, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 21 de xaneiro (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), comezarase pola letra F.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva e excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas, e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día do remate desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

O feito de non contar co software correspondente a cada actividade e indicado no anexo II desta resolución non se considerará causa xustificada para renunciar á actividade formativa fóra de prazo.

Décimo primeira. Superación das actividades. Realización das probas

O seguimento das sesións de telepresenza:

a) Son obrigatorios o seguimento desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) O non seguimento das sesións de telepresenza non pode superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas telepresenciais. En todo caso, deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día do remate de cada unha das sesións de telepresenza. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

d) Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día do remate desta actividade.

Décimo segunda. Superación da actividade formativa

Para superar esta actividade é necesario cumprir na súa totalidade unha serie de requisitos:

– Ter feito o seguimento mínimo requirido das sesións de telepresenza.

– Superar a proba final de avaliación.

Décimo terceira. Certificado electrónico de aproveitamento

Para a obtención do certificado final de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do/da titor/a responsable do curso, que emitirá un informe no cal declarará apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función dos resultados de todas as actividades propostas durante o curso.

Superado o curso, será emitido un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula). Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo cuarta. Facultades da EGAP e da Amtega

1. A EGAP e a Amtega reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Amtega garantirán, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.