DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2025 Páx. 22379

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2025 pola que se amplía tanto o prazo de execución das actuacións e de xustificación como o crédito da anualidade de 2025, establecido pola Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

A Conferencia Sectorial de Turismo, na súa reunión do día 29 de decembro de 2023 (BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2024), aprobou a distribución do crédito destinado ao financiamento para proxectos de eficiencia enerxética e economía circular de empresas turísticas no marco do compoñente 14, investimento 4, submedida 2 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O punto décimo do acordo da Conferencia Sectorial dispón que as comunidades e cidades autónomas deberán axustar o calendario de execución do proxecto (publicación de convocatorias, concesións, exame das xustificacións presentadas, pagamentos finais aos beneficiarios e xustificación final dos fondos transferidos) de xeito que se poida asegurar o cumprimento do obxectivo CID 227, que exixe que os proxectos teñen que estar totalmente executados e xustificados antes do 30 de xuño de 2025.

Neste marco, o 14 de xuño de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

Mediante a Resolución do 5 de novembro de 2024 (DOG núm. 216, do 8 de novembro) acórdase a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes e por Resolución do 5 de decembro de 2024 reaxústanse as anualidades previstas (DOG núm. 240, do 13 de decembro).

O artigo 6.2 das bases reguladoras da Resolución do 5 de xuño de 2024 sinala que os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 30 de abril de 2025, e o artigo 25.1 dispón que as persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de abril de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

O 21 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea un anexo da Decisión de execución do Consello da Unión Europea do 14 de xaneiro de 2025, pola que se modifica a Decisión de execución do 13 de xullo de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, no programa de «Financiamento de proxectos de eficiencia enerxética e economía circular de empresas turísticas» (medida C.14.I.4, liña de actuación 2), ampliación do prazo de execución do investimento e xustificación dos proxectos de eficiencia enerxética, pola que se prorroga ata o 30 de xullo de 2026.

Polo tanto, o disposto na Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual, vese afectado pola Decisión de execución do Consello da Unión Europea do 14 de xaneiro de 2025, pola que se modifica a Decisión de execución do 13 de xullo de 2021, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, no programa de «Financiamento de proxectos de eficiencia enerxética e economía circular de empresas turísticas» (medida C.14.I.4, liña de actuación 2), polo que, dentro do marco permitido pola Decisión de execución do Consello da Unión Europea do 14 de xaneiro de 2025, se considera oportuno modificar a resolución do 5 de xuño de 2024 para prorrogar o prazo de execución do investimento ata o 31 de decembro de 2025 e a xustificación dos proxectos ata o 31 de xaneiro de 2026, co obxectivo de contribuír a unha maior e mellor consecución das finalidades perseguidas polas subvencións.

Por outra banda, se esta ampliación do prazo de execución do investimento e a xustificación dos proxectos, vai acompañada dunha ampliación de crédito da convocatoria, poderíase atender un maior número de solicitudes de subvención formuladas, xa que se comprobou, unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da Resolución do 5 de xuño de 2024, que o importe total solicitado superaba o crédito da convocatoria para o ano 2025.

Dado que é factible realizar a dita ampliación, considérase conveniente ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida resolución, coa finalidade de concederlles a subvención ao maior número de persoas beneficiarias posibles.

Segundo o establecido no artigo 30 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

O incremento queda en todo caso condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias a que fai referencia o artigo 30.2 do Decreto 11/2009 e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

De acordo co anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, e unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de execución e xustificación

1. Modificar o artigo 6.2 das bases reguladoras da Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B), que queda redactado da seguinte maneira:

«Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 31 de decembro de 2025».

2. Modificar o artigo 25.1 das bases reguladoras da Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B), que queda redactado da seguinte maneira:

«1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de xaneiro de 2026, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do investimento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 30 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 30 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou os obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas».

Segundo. Ampliación de crédito

1. Ampliar o importe total do crédito da anualidade 2025 das axudas establecidas na Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual, por un importe de 905.519,00 €, con cargo á partida orzamentaria 04.A2.761A.770.3. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a once millóns cincuenta e catro mil trescentos trinta e un con sesenta e dous céntimos (11.054.331,62 €).

2. O novo importe total máximo, sumando o importe publicado e a presente ampliación, queda fixado no cadro seguinte:

Partida orzamentaria

2024

2025

04.A2.761A.770.3

904.065,92 €

10.150.265,70 €

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Cuarto. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Quinto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia