DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2025 Páx. 22384

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

No Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro de 2025, publicouse a Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo o disposto no artigo 9.2 das bases reguladoras, o prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de abril de 2025; dado que existe dispoñibilidade orzamentaria, considérase conveniente prorrogar o prazo de presentación de solicitudes para facilitar o acceso a axuda a un maior número de persoas interesadas.

O artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), establece a posibilidade de que a Administración, salvo precepto en contrario, poida conceder de oficio ou por petición das persoas interesadas, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 25 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2025 (código de procedemento IN418E), no seguinte sentido:

O artigo 9.2 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e rematará o 15 de maio de 2025, ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia