A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, establece no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.
Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.
A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento para seguir na avaliación para a selección de documentos.
No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Unha vez aprobadas as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.
De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión do 20 de marzo de 2025, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación ao titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.
Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta orde e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 20 de marzo de 2025:
• AA0053 Expedientes de provisión de prazas de libre designación.
• AA1281 Rexistro do Depósito Legal.
• AA0450 Partes mensuais do Depósito Legal.
• AA0451 Expedientes de constitución do Depósito Legal.
Segundo. Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.
Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO
Extractos das táboas de avaliación de series documentais
– Táboa: T0126.
Código da serie: AA0053.
Denominación: expedientes de provisión de prazas de libre designación.
Procedencia: Xunta de Galicia. Transversal.
Datas extremas da serie: 1984-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1984-2024.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 20 de marzo de 2025.
Acceso restrinxido. 30 anos.
Transferencias:
• Ao arquivo central aos 2 anos desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo histórico aos 15 anos desde a finalización do procedemento.
Selección: eliminación total aos 10 anos desde a finalización do procedemento administrativo. Conservarase un exemplar de expediente por ano e organismo produtor.
– Táboa: T0127.
Código da serie: AA1281.
Denominación: Rexistro do Depósito Legal.
Procedencia: Cultura. Promoción Cultural.
Datas extremas da serie: 1981-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1981-2024.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 20 de marzo de 2025.
Acceso libre
Transferencias:
• Ao arquivo central ao ano desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo histórico aos 20 anos desde a finalización do procedemento.
Selección: conservación permanente.
– Táboa: T0128.
Código da serie: AA0450.
Denominación: partes mensuais do Depósito Legal.
Procedencia: Cultura. Promoción Cultural.
Datas extremas da serie: 1981-2007.
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1981-2024.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 20 de marzo de 2025.
Acceso libre.
Transferencias:
• Ao arquivo central ao ano desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do procedemento.
• Ao arquivo histórico aos 20 anos desde a finalización do procedemento.
Selección: eliminación total aos 6 anos desde a finalización do procedemento. Conservarase un exemplar aleatorio por oficina do rexistro e ano.
– Táboa: T0129.
Código da serie: AA0451.
Denominación: expedientes de constitución do Depósito Legal.