DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2025 Páx. 23837

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación dunha nova posición de liña 15 kV na subestación Atios 220/132/15 kV para a interconexión coa compañía Gestamp, no concello do Porriño (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2025/040-4).

Feitos:

1. O 17.2.2025 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, UFD) presentou, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación dunha nova posición de liña 15 kV na subestación Atios 220/132/15 kV para a interconexión coa compañía Ceamsa, no concello do Porriño (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2025/040-4.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado subestación Atios-ampliación 15 kV Gestamp, asinado o 29.1.2025 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid-COIIM) e visado por este colexio o 29.1.2025 e nº 202500450, e en que figura un orzamento de 91.526,00 euros.

• Declaración responsable exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, asinada pola técnica proxectista o 20.1.2025 e incluída no anexo II do proxecto de execución.

Segundo consta no proxecto de execución, na subestación Atios 220/132/15 kV, localizada na Casilla, no concello do Porriño, e propiedade de UFD (agás o parque de 200 kV, pertencente a REE), proxéctase a ampliación dunha nova posición de liña 15 kV, para a interconexión coa compañía Gestamp, con cela tipo GIS illada en SF6 igual que as existentes, equipada con:

• Dobre xogo de barras xerais de 1.250 A, 25 kA.

• Dobre xogo de embarrado de 1.250 A, derivación do xogo de barras xerais.

• 2 seccionadores tripolares de barras de 1.250 A, 25 kA motorizado o primeiro con tres posicións (pechado, aberto e a terra) e o segundo con dúas posicións (pechado e aberto).

• 1 interruptor automático tripolar de corte en vacío, 1.250 A, 25 kA.

• 3 transformadores de intensidade 200-400/5-5-5 A.

• 1 transformador toroidal de intensidade abrible 50/1 A.

• 1 sistema de detección de presencia de tensión con sinalización luminosa permanente.

• 3 conectores enchufables para cable illado.

2. O 18.3.2025 o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deulle traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou os seguintes documentos:

• Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 12.3.2025 polos servicios técnicos do departamento territorial.

• Oficio do departamento territorial do 18.3.2025, polo que se dá traslado do expediente á DXPEM para a súa resolución, facendo constar que os seus servizos técnicos non observan inconvenientes para a realización das obras correspondentes á ampliación da subestación Atios.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b).2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación dunha nova posición de liña 15 kV na subestación Atios 220/132/15 kV para a interconexión coa compañía Gestamp, no concello do Porriño (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominado subestación Atios-ampliación 15 kV Gestamp.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Atios-ampliación 15 kV Gestamp, asinado o 29.1.2025 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid-COIIM) e visado por este colexio o 29.1.2025 e nº 202500450, e en que figura un orzamento de 91.526,00 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas