DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 2025 Páx. 24133

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre a revogación da exención do mantemento de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional e clasificación do posto de traballo de Secretaría-Intervención da Mancomunidade de Concellos do Salnés.

Á vista da solicitude formulada pola Mancomunidade de Concellos do Salnés relativa á revogación da exención da obriga do mantemento dos postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) e clasificación do posto de traballo de Secretaría-Intervención, como reservado a PFHN, emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Resolución do 15.2.1995 da entón denominada Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia exime a Mancomunidade de Concellos do Salnés da obriga do mantemento dos postos reservados a PFHN, e dispón que as funcións reservadas aos anteditos postos serán exercidas a través do PFHN dalgún dos concellos que integran a Mancomunidade ou por algún dos sistemas establecidos nos artigos 5 ou 31.2 do por entón vixente, Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Segundo. A Mancomunidade de Concellos do Salnés achegou a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/742586, núm. 2025/742599, núm. 2025/1044401 e núm. 2025/872791) a solicitude relativa á revogación da citada exención para proceder á clasificación do posto de traballo de Secretaría-Intervención reservado a PFHN, xuntando a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a revogación da exención da obriga do mantemento dos postos reservados a PFHN e clasificación do posto de Secretaría-Intervención da Mancomunidade de Concellos do Salnés como reservado a PFHN.

– Certificación da Secretaría relativa aos recursos do orzamento da Mancomunidade de Concellos do Salnés para o exercicio económico 2024, prorrogado para o 2025, polo importe de 5.693.936,42 euros.

– Certificación da Secretaría relativo ao acordo da Xunta da Mancomunidade de Concellos do Salnés adoptado o 5.12.2024 polo que se aproba inicialmente a relación de postos de traballo da entidade local, en que se acredita que, logo de realizar a súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 241, do 12 de decembro de 2024, non se achegaron alegacións, polo que se aproba definitivamente a relación de postos de traballo da Mancomunidade de Concellos do Salnés, que se publicou no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 13, do 21 de xaneiro de 2025.

Polo que pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92 bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL) dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, RD 128/2018).

Segundo. O artigo 6 do RD 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación; debendo ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e características esenciais dos citados postos de traballo reservados.

Terceiro. O artigo 10.2 do RD 128/2018 dispón que as mancomunidades de municipios poderán ser eximidas pola Comunidade Autónoma, logo de informe da Deputación Provincial, da obriga de manter postos propios, reservados a PFHN, cando o seu volume de servizos ou recursos sexa insuficiente para o mantemento destes. De acordo con este precepto, nas mancomunidades de municipios eximidas as funcións reservadas exerceranse por PFHN dalgún dos municipios que a integran ou polos servizos de asistencia ou mediante acumulación, debendo concretarse no expediente o sistema elixido para o exercicio das funcións reservadas.

Cuarto. O artigo 10.3 do RD 128/2018 establece que cando desaparezan as circunstancias que deron lugar a que se eximise o posto de traballo reservado, a entidade local afectada deberá solicitar a súa revogación e proceder á creación e clasificación deste.

No presente caso a Mancomunidade de Concellos do Salnés solicita a revogación da exención outorgada pola Resolución do 15.2.1995 da entón denominada Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, xustificando a desaparición das circunstancias que deron lugar a esta, con base en que a citada entidade foi incrementando as súas áreas de intervención e o volume dos seus proxectos nos nove concellos que a integran.

Na memoria presentada sinalan que a entidade ten entre os seus fins a cooperación e coordinación para optimizar a xestión dos recursos, promover o desenvolvemento socioeconómico do territorio e mellorar a calidade dos servizos públicos prestados á cidadanía e, no marco destes obxectivos, desenvolve múltiples proxectos e servizos destinados a mellorar a infraestrutura comarcal e a garantir unha prestación eficiente dos servizos básicos de xeito que, ao longo dos anos, o seu ámbito de intervención ampliouse e estruturouse en novos piares fundamentais.

Quinto. O artigo 8 do RD 128/2018 preceptúa que os postos de traballo de Secretaría das Entidades Locais clasificaranse polas comunidades autónomas na clase primeira, segunda ou terceira, establecendo o punto segundo que as secretarías de mancomunidades e outras entidades locais se clasificarán nalgunha das citadas clases con base nas súas características propias.

Pola súa banda, o artigo 5 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (en diante, D 49/2009) establece que os postos de traballos reservados a PFHN en ancomunidades se clasificarán en atención ao orzamento propio de que dispoña a dita entidade local como se indica a seguir:

– Orzamento superior a 18.000.000 de euros: clase primeira.

– Orzamento superior a 6.000.000 de euros: clase segunda.

– Orzamento inferior a 6.000.000 de euros: clase terceira.

Dado que da documentación achegada se constata que a Mancomunidade de Concellos do Salnés ten un orzamento para o exercicio económico 2024, prorrogado para o 2025, que ascende ao importe de 5.693.936,42 euros, a citada entidade local cumpre cos requisitos para poder crear e clasificar o seu posto de traballo reservado a PFHN como de Secretaría de clase terceira. Para maior abastanza, xustifica que nos catro exercicios anteriores, os orzamentos aprobados non superaron o citado importe de 6.000.000 de euros.

Sexto. O RD 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do D 49/2009 regula as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Revogar a exención da obriga do mantemento dos postos reservados a PFHN outorgada á Mancomunidade de Concellos do Salnés pola Resolución do 15.2.1995 da entón denominada Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia.

Segundo. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a PFHN na Mancomunidade de Concellos do Salnés, coas seguintes características:

Posto: Secretaría-Intervención.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Categoría: sen distinción de categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Nivel de complemento de destino: 28.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local