Expediente: IN407A 2023/427-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS TRO718, CS en Angorén e reforma CS Frioya (36CY79).
Concello: Redondela.
Feitos:
1. O 24.8.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública denominada LMTS TRO718, CS en Angorén e reforma CS Frioya (36CY79).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, no cal figura un orzamento total de 132.441,41 euros.
Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións no lugar de Angorén, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra):
– Reforma do centro de seccionamento CD Frioya (36CY79) mediante a substitución das celas 2L existentes por celas de liña modulares en configuración 3L 2TC+TT, dúas delas telecontroladas vía GSM/GPRS/FO C/TT.
– Instalación dun centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT coas dúas celas de saída telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricada de formigón.
– Desmontaxe dun total de 237 metros dos tramos TRO7182144, TRO7182121 e TRO7182180 e retirada dos apoios A1AN77TX//40-1, A1AN77TX//40-2, A1AN77TX//40-3 e A1AN77TX//40-4.
– Desmontaxe dun total de 90 metros do tramo TRO7182148 que actualmente alimenta o centro de seccionamento CD Frioya (36CY79).
– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 447 metros para alimentar o centro de seccionamento proxectado.
2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, ADIF e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 26.12.2023 publicada nos seguintes medios:
– Diario Oficial de Galicia (DOG): 24.1.2024.
– Xornal Faro de Vigo: 17.1.2024.
– Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela desde o 5.1.2024 ata o 15.2.2024, segundo o certificado emitido polo propio concello.
– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
4. O 9.2.2024, UFD comunicou que chegou a un acordo co titular da única parcela afectada na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora e, polo tanto, xa non é necesaria a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións obxecto do proxecto. Coa solicitude UFD presentou copia do acordo acadado.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuación. A primeira actuación é de 251 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación J. Fernández-Chapela (36CPR1) e final no centro de seccionamento Frioya (36CY79). A segunda actuación é de 196 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento Frioya (36CY79) e final no centro de seccionamento proxectado.
– Centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT, situado na parcela con referencia catastral 7301904NG2870S0001UI, na avenida José Fernández López, 5.
– Reforma do centro de seccionamento Frioya (36CY79), consistente na substitución das celas existentes por celas de liña modulares 3L 2TC+TT, situado na parcela con referencia catastral 7406212NG2870N0001KM, no camiño Novo ao Mar, 1, Chapela.
As instalacións están situadas en Angorén, Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS TRO718, CS en Angorén e reforma CS Frioya (36CY79), expediente IN407A 2023/427-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial xunto coa seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 31 de marzo de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
